mércores, 22 de setembro de 2021

O cachón do Sil

Ribeira da Teixeira (escapalandia.com)

O traballo nas viñas era só para homes. Mentres os meus irmaos traballaban ó pé dos xornaleiros, o pai levaba a loxística da faena: vixiaba ós homes mentres limpaba as paredes de silvas; cando acudía á viña de Espartida (Barxacova), tocaba o caletre co sombreiro novo de pano, non me casaba, no meu entender, o do sombreiro dos domingos para traballar as viñas de Barxacova, andando eu inquedo, cavilando coa mosca tralas orellas.                            
      Do meu canto, quedaban os recados e mailos enredos miúdos: achegarlles a comedela de patacas con iscos, a bota do viño, carrexar as olas do sulfato, encherlle os foles do xofre, ir por auga á fonte, e así. Encomendas axeitadas para un neno retraído e preguiceiro en botar corpo de rapazolo.

      Carrexar as olas do sulfato era unha xeira dabondo penosa (un traballo 'fodido', diciamos nós), pois había que peitar coas olas cheas, subindo e baixando as paredes dos 'pataos' por esta banda, (en galego pulido: socalcos de sub calce, erguer as muras calzando as pedras unhas encima das outras)). 

       As viñas da Teixeira estaban subindo o río Sil, antes de chegar á ponte de Abeleda, mais a min gustábame ir: o pai comprara unha barca con motor fóra borda en Vigo, malia que o motor, xa vello, por veces non quería prender, véndonos na obriga de coller os remos como  coitados condenados ás galeras.  

Foi o que me pasou un día, andaría con doce anos no corpo, que me vin remando até á altura de Sacardebois, no Porto, á procura das viandas para os homes, os xornaleiros de Lemos que nos andaban cavando as viñas: unha bota de viño, unha lata grande de sardiñas, Rianxeira, pan e chourizos que xa tiña a nai afumados pendendo dos fungueiros na cocina vella. Os homes decidiran quedarse a durmiren dentro dunhas tinallas dunha adega próxima co fin de remataren a xeira o día vindeiro. Ese día souben o que era remar río abaixo e río arriba coa brincadeira de eolo que se erguera para soprar na miña contra. 

Ningún comentario: