luns, 1 de setembro de 2008

O coche de liña da ribeira do Sil



O COCHE DE LIÑA era o noso cordón umbilical coa cidade de Ourense. Aqueles autobuses antediluvianos ían ranqueando, acatarrados, pola estrada de coios e terra prensada, chea de fochas das últimas chuvias caídas. O camiñeiro, o Gerardo de Chandrexa, non daba abondo para arranxala. Ademais do chofer ía tamén o revisor, que vendía os boletos, pechaba e abría as portas, baixaba e cargaba cos vultos pola escaleiriña que conducía ó teito do bus; onde, ás veces, tamén se acomodaba xente moza. O coche de liña, ou correo, traía e levaba unha valixa grande de coiro coas cartas dos paisanos de cada aldea con fillos ou parentes en Bos Aires, Cuba ou Caracas. Tódolos días ás sete da mañá, saía de Castro Caldelas o bus, pasando pola tenda do Carreño de Sacardebois ás oito: tardaba dúas horas en percorrer 48 kilómetros deica chegar a Cidade das Burgas.

Ás cinco da tarde retornabamos á aldea: este tempo empregábase en mercar apeiros, medicinas ou mesmo para xestionar algúns asuntiños. Había que levar tento para non atoparse cos do fielato que estaban ó asexo para darche a primeira 'mordida' no mesmo intre de pór os pés na beirarrúa. Así que había que dispoñer duns pesos para a fiscalía do Concello de Ourense e mais para comer o pulpo, que hai que chamarlle 'polbo', dispensando, ou carne con cachelos no bar Avenida ou no Trives. Ás sete da tardiña, retornabamos a Sacardebois: de noite, no inverno ; e á media tarde, no verao.

A primeira empresa concesionaria da liña da Ribeira foi a empresa de don Eduardo Barreiros que logo tivo tanta relevancia durante a autarquía franquista. Despois desta empresa, veu a empresa Trives, mailos buses só foron mellorando a medida que se ía arranxando a estrada.

Como che estaba dicindo, a arribada do coche de liña era o acontecemento máis importante do día. Alí iamos os rapaciños esperalo, para ollar á xente que viña de Ourense ou da emigración os cales, ás veces amosaban as carteiras envurulladas cunhas gomas por viren cheíñas de cartos. Logo, á noitiña, mentres cantaba a curuxa na fraga, os miúdos da casa, relatabámoslles estas novas os nosos pais.

As rapazas máis 'señoritas' que estudaban na idade ou as mestras ían no asento reservado a carón do chofer que ía 'pelando a pava' así como non quere a cousa. 




                                         Gerardo, o caminero de Xandrexa, na pisa da castaña. Faro de Vigo, 25/11/2012

O “Ómnibus”(do latín omnis: todo) era o autobús das feiras. Abofé, dígoche que neste xeito de bus ou arca de Noé metíase de todo un pouco: na parte dianteira viaxaban os homes daquelas aldeíñas coa gorra calada ata as orellas e algunhas mulleres de loito coa cabeza tapada cun pano para acochar as greñas; na parte de atrás, as vacas, os porcos e mailas ovellas; no teito, as pitas portadas en pequenas gaiolas de táboas ou arame.

Por Sacardebois, a miña parroquia, o coche dos Quintas de Maceda pasaba tódolos 6 mailo 24 de cada mes que, despois de recadar aquela mercadoría tan heteroxénea en Vilariñofrío, en Parada do Sil e mais a ribeira, serpeaba devagar polas curvas de Cristosende; baixaba logo, lixeiro, pola vila da Teixeira e mais Abeleda; cruzaba tremente pola ponte do Sil á outra banda de Lemos, subía amodiño, coa canseira dunha tartaruga pola ribeira de Doade e, aínda que lle renxían as costelas, arribaba a tempo ó feiral de Monforte  que era antano, e hoxe tamén, a capital da Ribeira Sacra.

A empresa Floro de Castro Caldelas unía por estrada, neste caso, por entón, un camiño de cabras, ás dúas capitais da bisbarra. Corría o mes de xullo, cando collín o catamarán para que ollaren os meus de Madrid o Canón do Sil. Seríanche ó redor das once da mañá a hora na que o barco prendeu os motores e comezou a virar a proa, amodiño, cara abaixo; á beira, un chisco máis arriba, a ponte que xungue Caldelas coa terra de Lemos; por debaixo do catamarán os piares da antiga ponte de madeira que seica data do medievo. 


O guía, despois da presentación, enmudeceu un bocado. Polo que toca a min, continuaba a ollar a paisaxe coa boca pecha, pensando nas miñas cousas calado coma un moucho, porque os que xa peiteamos canas estamos, a cada pouco, dálle que dálle, cavilando, como fan os burros, que a maioría son filósofos. 

Se esta xente soubese que nestas augas... veume á memoria o autocar da empresa "La Unión Industrial" , o señor Manolo, o chofer máis vello, que presumía de baixar cos ollos pechos dende Doade ata á mesma ponte do río, pois levaba dúas ducias de anos percorrendo a mesma estrada de Castro Caldelas a Monforte e de Monforte a Castro tódolos santos días do ano que rezan no calendario. Un compañeiro deste chofer,  non lembro agora o seu nome, caera co coche misto ó encoro, ó coller a curva da ponte nova baixando de Abeleda, 18 de xaneiro de 1965, cunha ducia de persoas que retornaban parolando de como lles fora na feira, conversa de homes mesturada co roncar agarimoso dos porcos larengos, que viñan, a corpo de rei, deitados na palla mol na parte traseira do coche da feira e cos berros queixosos dalgún becerriño que teimaba en chamar, en balde, a cada pouco, pola súa nai, que ben puidera ser a vaca Gallarda do Xerardo da Prima de Celeirós. De súpeto, o chofer tamén berrou, alporizado, mentres se pegaba ó volante:  Ai, Virxe dos Remedios...! Mais o  autocar foi de fociños cara a auga queda do río e axiña foi afogando na represa.

Un viaxeiro, que saíra despedido por unha fiestra, chegou coa cabeza pampa, malferido, a Abeleda para dar aviso; deseguida baixou a Garda Civil dende o posto de Castro. O Cachín, coa parroquia do seu bar, acudiru tamén a socorrer ós malpocados. (O Cachín, home traballador, agora xubilado, recordaba de cando mozo que caera dende o alto da nova ponte ó leito areoso do río rompendo os  pés).

Retornando ó rego da noticia, disque unha muller de Lemos salvárase, agarrándose ó rabo dun porco, con perdón, que nadaba, amodiño, cara a beira do río, pero quen pode dar creto a estes ruxerruxes que se espallan doadamente, sen fundamento –opinaba un parroquiano, o outro antonte, pegado á barra do bar da Casa Cachín. Despois dos primeiros momentos de confusión, botaron en falla algunhas persoas do autobús. Pensando no peor, baixaron de novo coas lanternas de petaca ó río na súa procura: algúns apareceron aboiando, afogados, no mesmo lugar onde afondara o coche, mais outros viaxeiros levounos a auga río a baixo; uns días despois, amosaron no lado de Caldelas, á altura de Rabacallos; porén, dúas persoas non apareceron por ningures.

Cando a Garda Civil, a media noite, deu por rematado o rescate, todo quedou en silencio coa quietude dun cemiterio, mentres dende o alto do ceo, o ollo branco do luar iluminaba aquel camposanto de augas quedas, tranquilas, que apenas se movían cun suave vaivén de arrolo para non espertaren os mortos.

Cada certo tempo,  polos arranxos periódicos de Iberdrola, amosa o esqueleto enferruxado do coche da feira, preto da antiga ponte que sostén á actual e mailos piares da ponte medieval como testemuño do que che estou a contar e como aviso para os que conducen, como tolos, por esta angosta estrada da ribeira, que tanto lle cumpría os arranxos actuais.