mércores, 14 de decembro de 2011

En resumidos contos








A moto

De pequeno tiña unha bicicleta; logo, xa mozo, o pai mercoume a moto Derby do cura de Chandrexa, e con ela percorrín as catro provincias galegas 'e parte de Lugo'. Agora, que xa vou vello, baixo ás viñas de Calvos no meu burriño, que non me gasta gasolina.









Ten pitas?

Unha maña de inverno, o abrir o portalón da casa, atopeime co zorro que quería falar comigo: “Bos días, señor, ten pitas?”


A pía da auga bendita

Os tempos van mudando. Mosteiros, capelas, petos de ánimas, cruceiros. Lugares de rezo e de tormento. Salvadores da nosa alma: curas, freires e freiriñas, bispos e beatas, ceos, purgatorios, limbo de xustos e de dindáns, penitencias, autos e infernos. Pero duns anos a esta parte, a xente xa non mira por gañar o ceo. Están a percorrer, nas tribunas e palestras actuais, aires iconoclastas e laicistas: na pía da auga bendita dos mosteiros, comen os porcos e beben agora os cans.


O mapa de España

Din que van dividir España en dezasete cachos, e que se van chamar 'nacionalidades', que me coma Deus de estaren no certo, na pel do touro só che hai dúas formas de ser: de non ser galego, es castelán. Despois da raia de Galicia vén Castela. Xa non hai máis que dividir, que logo xa están os gavachos, isto aprendeumo moi ben a mestra, de cando nos sacaba ao mapa coa vara.


A Ourense, vaise evense

O outro antonte, o coche de liña levoume a Ourense. Ao pór os pés na beirarrúa, non hai tal Ourense, non o ves coas casas. Só paredes, xente e coches. Pero Ourense coma quen di, non está: nin tellados, nin galerías, nin vacas, nin hortas, nin paxariños... a Ourense, vaise e vense.


E dixo unha vella de Espiñas

Á beira do cruceiro, un domingo a saída da misa, na parroquia de Forcas: “Que demo fai o cura rindo con esas mozas. Unha xa non sabe a quen rezar!”


O furabolos

A desfeita dos porcos era un día de festa para os miúdos. Pero, por veces, veñen días tocados polo demo: o neno máis pequerrecho do caseiro meteu o dedo polo buraco das coitelas de máquina de picar a carne. Nun tris, tras! a metade do furabolos desapareceu na tina de madeira coa outra carne esmiuzada para a zorza dos chourizos. Dende aquel día no probei máis os chourizos da casa: toma un chouriciño para merendar –dicíame a mamá– non quero, non quero, que non teño fame..., disimulaba así como non quere  a cousa.


Caldo de galiña

Un día de maio, a miña nai agarrada aos barrotes da cama de ferro, botoume ao mundo. Entón, o cuco comezou a cucar no alto da fraga para dar a boa nova aos meus veciños, que puideron contar ata sete cucús: a min, tocoume xogar na casa de Viana co número sete. Disque, aquel día no solpor, o meu pai esperou cun coitelo na porta do poleiro a unha pita vella para ofrecerlle uns caldiños a miña naiciña.


O Grilo de Castro

Se querías cebar a rella que parira o ano pasado, había que capala para que a súa carne non cheirase a bravío. Para este mester, había que chamar ao Grilo de Castro: bo capador, por certo, por ter os dedos moi longos cos que chegaba doadamente ás empreñadeiras, tiraba delas cara fóra para cortalas rentes coa navalla capadoira, mentres eu me facía o valente, tirándolle do rabo, ollando de esguello aquela carallada. Ás veces, preguntaban ó Grilo polo seu oficio, e disque contestaba con retranca, mentres metía a man no peto, tentando a navalla: “Son capador para servilo a vostede”.


Cinsa do vento

Contaba o señor Vitoriano de Mouca ao profesor Emilio Araúxo, unha tardiña de verán sentado nunha saca, pois a pedra espida –dicía– roe moito o cu: “Con dezasete anos, aínda un rapazolo, botei polo mundo trala roda de afiar. Os pais déronnos os camiños para andar, non tiñan daquela outra cousa: dende entón, fun o pai dos meus pais”.