martes, 26 de outubro de 2021

Un abrazo de oso

Free PNG Daquela xa medraron os carballos na ribeira do Sil. Certo. Voulle contar unha historia da nosa Galicia profunda, unindo cabos que escoitei a unha puñada de vellos, que falaban do suceso en acalorada discordia, en canto ó desenrolo dos feitos; estaban sentados nos poios de pedra que lles roían o cu amolecido, ó abeiro da sombra dun carballo demoucado de cando nenos que axiña abrollara as fillas de seu, hoxe espallado nun abano de seis gallas á beira do camposanto. Malia que as verdades a medias son mentiras, tratarei que sexa unha historia que o entreteña e engaiole, a ver como me apaño para tecela con arte e con sentido, digna de ser publicada nun papel de xornal ou, mesmo, acompañando as estampas dun libro. O caso que traio hoxe nas mans sucedeu na parroquia de Doade, noutra banda do río Sil, mirando ó lonxe a chaira de Lemos dende o alto da torre da homenaxe do castelo da duquesa de Alba, q. d. e. p. , de Castro Caldelas, coido que foi alá polo ano 1958, ano arriba, ano abaixo, que no caso dos contos o tempo non conta, pois adoitan presentarse nun tempo máis ben indefinido: Había unha vez unha rapaza, filla da casa do Herdeiro e mais un mozo, da familia do Marranero, que un domingo gris, de porfiada orballada co ceo cerrado, quedaran en verse, trala sobremesa, na palleira da casa do Valado. Así que, despois de recuncaren unha cesta de bicos de cereixa, afundidos na herba tralas voltas e reviravoltas tentando a anatomía de xénero nunha longa tarde de auga, moinante e garatuxeiro o mozo, a María do Herdeiro xa lúbrica, dispensando, e ceibe de cancelas, aberta ó namorisco, deixándose levar sen vontade para exclamar: Ai, iso non!, quedou preñe como era de esperar. Pasaron os meses de andar para adiante; mentres, levedaba a criatura na barriga da filla da casa do Herdeiro, o mozo, véndolle o cu á curuxa, enrolouse voluntario na Lexión: foi de quinto ó quinto carallo, a África. Con nove meses cumpridos, á María chegoulle a hora: na casa do Herdeiro naceu unha neniña loura, cuspidiña ó seu pai.De alí a pouco, o lexionario veu de permiso a Doade tralo xuramento da bandeira, garboso como un cabrito. O pai da criatura deixou pasar uns días, así como non quere a cousa, até gañar arroutos e ver por onde tirar antes de presentarse perante a familia do Herdeiro, porén o día “D” marcado no calendario chegou: a nena durmía coma un anxo bendito, mais ó collela o pai do berce, a coitadiña chorou; entón, o soldado abrazouna contra o seu peito, forte, cun abrazo de oso, propio dun home de músculos de ferro, calculador e frío, mentres cantaba para os seus adentros, e choraba bágoas de crocodilo cara fóra, sons e mais letras non sentidas, de papagaio, nos desfiles de Semana Santa: /La estreché con lazo fuerte/ y su amor fue mi Bandera./ Soy un hombre a quien la suerte/ hirió con zarpa de fiera;/ soy un novio de la muerte./

mércores, 20 de outubro de 2021

Os xogos

O xogo da billarda era moi popular. Había que procurar un pau de medio metro, o palán, e mais outro pau pequenote dunha cuarta, coas dúas puntas afiadas, que se chamaba a billarda. O xogo consistía, máis ou menos, en colocar a billarda á xeito, deixándolle unha punta cara arriba e logo co palán ter habilidade na mao para darlle dous golpes: un pequeno para levantala do chan e outro moi forte no ar para que voase canto máis lonxe mellor. Co palán medíase a distancia entre a saída da billarda deica onde chegara. Despois tiraban os demais xogadores… As escondidas, tamén se dicía as agachadas, era un xogo máis divertido con moitos rapaces. Por ser un xogo mixto, tiña tamén a súa picardía, se había moitos recunchos ou palleiras onde acocharse. O salto da mula era un xogo moi frecuente entre os rapaces máis medrados. Colocados en fileira, os nenos de diante agachábanse, mentres os demais ían saltando e agachándose despois por orde. Algúns nenos tiñan moita habilidade para brincar sen tocarlle ‘á mula’; pola contra, outros con máis unto no corpo quedaban encima dela ou caían ó chan entre risas duns e mofas doutros. O xogo do cravo non se practicaba no verao, dado que a terra estaba máis dura que mol. Marcábanse dous territorios e logo íaselle conquistando a terra ó contrario. Se non cravabas o pincho ou levantabas o pé do chan, perdías a vez. O xogo terminaba cando non tiñas xa terra propia onde poñer o pé. Buscar os niños dos paxaros era moi entretido. Había que observalos onde voaban coa bicada das miocas ou cos saltóns no pico. Alegrábame moito cando atopaba algún, e gardaba o segredo. Un día, os meus irmaos atoparon tres paxariños de pitos carpinteiros deitados no chan, xa que logo arranxaron unha gaiola de barrotes de madeira e, agatuñando, subírona ó alto dunha trabe dun castiñeiro do souto do sagrado: alí voaban os pais á darlles a bicada varias veces ó día, agás un día que non volveron. –Non están! picaron os barrotes e voaron –berrou Isidro de 11 aniños dende o alto da trabe máis longa. –Normal, anormal! mira que te avisei que eran paxaros carpinteiros –dixo Xoán, de 12. Coidando os eidiños era outra forma de xogar: había que preparar a terra, estercala, sementar as patacas e mailas leitugas, regar de cando en vez á noitiña e esperar deica o setembro para presumir das patacas máis grandes. No tempo da vendima, suprimíanse os xogos, que había moita xeira lavando as cubas e mailas arcas, e logo a xeira nas viñas. Os xogos ían cambiando segundo a estación do ano. Era un misterio cando e quen decidía mudar de xogo, mais tódolos nenos aceptaban o cambio como tal cousa.

venres, 15 de outubro de 2021

Os xoguetes

De cativo levaba comigo unha navalla. Ademais de ferirme, tamén fabricaba os meus xoguetes labrando unha póla de castiñeiro, dun salgueiro ou do que for: madeira mol, flexible, coa casca con zume para unha frauta. As mans obedecen, se tes as ideas claras de cómo construír o enxeño: primeiro pensa, e logo fai. Os carriños eran auténticos carros das vacas feitos a escala dos nenos, con todas as súas pezas: as rodas que rodaban no eixe de bidueiro, os estadullos cos ladrais, o chedeiro, o cabezallo coa súa chavella, a argola de ferro para o recadén, e así. Coas mans, movía os carros que levaba cargados de herba, de leña, de patacas, de gavelas de toxos, dependendo da época do ano. Tamén construíamos outros carros más grandes para baixar montados polos camiños. Cortábase unha táboa á medida do noso corpo coa serra de carpinteiro. Para as rodas viña ben unha torada da que serrábamos catro cachos. As rodas traseiras metíanse nun eixe cravado por baixo da táboa. O asunto das rodas dianteiras era un problema de enxeñería superior: o máis práctico era xirar o eixe dianteiro cos pés mediante unha articulación que xunguía o eixo coa dianteira máis estreita do sollo da táboa. Podíase frear cos pés ou, mesmo, cunha panca de madeira que rozaba o chan. Non che quero dar máis explicacións, non vaias roubarme a patente, non é! Dobrar un aro era máis doado. Había que torcer un dun caldeiro vello. Para manexar o aro cumpría un arame gordo e darlle a forma de “U” no estremo para viralo á dereita ou á esquerda, segundo a inclinación que se daba á “U”. Para frear, baixando por unha pendente, púñase a “U” do revés. O meu amigo, o Pepe do zapateiro, era un experto no seu manexo. O tiracoios construíase cunha forquita de uz, dúas gomas e mais un anaco de coiro que usaba o pai do Pepe para remendar o calzado, onde se colocaba o coio. Estaba prohibido usar o tiracoios para matar as pitas ou, mesmo, os paxariños.