xoves, 10 de maio de 2018

O lobishome


Polo 8 de decembro vai unha friaxe que pela, os días son pequenos e as xeadas quedan dun día para o outro, pois a meirande parte da xornada a néboa non escampa dos eidos: un tempo coma de defuntos, triste e outonizo. Hoxe, de tardiña, o pai do meu neno, o meu home, volveu de Ourense de amañar uns asuntiños na Audiencia, como che ten eses amigos tan importantes... Onte, á noite, díxolle ao neno: “Déitate xa, que mañá tes que vir comigo a Parada do Sil no macho, que teño que coller o coche de liña”.

     Ao día seguinte, o pai sentou ben estarricado no medio da albarda —o meu home éche teso coma un carabullo— tendo que amolarse o meu neno no duro reberete das costuras do aparello: “Mamá, dóeme o cu do aparello”, díxome  Xosé Ramón (o Pon) esta mañá. Mentres un lobicán estaba a piques de atravesar a estrada á beira dunha pontiña, o macho camiñaba devagar taca, taca, taca, taca..., pola estrada de coios e terra prensada. A quietude dunha noite de luar espallaba unha legua á redonda os ecos solitarios e monótonos das ferraduras do macho.

     Ao pasar a pontiña do regato de Rabacallos, o Pon viu uns ollos de lume acochados detrás dos carballos, relumeando coma brasas, coma se estivesen a espreitalos entre a néboa das primeiras horas da mañá. O pai tamén ollou os lobos, co seu ollar magnético, pero calou... Ao arribaren a Parada, o meu home quitou o abrigo e prendeu un pito, e axiña, cubriu o corpiño do neno que xa tremaba coa lentura das primeiras horas da mañá.

     Coa mesma, o pai arreoulle coa man nos cadrís ao macho e o animal, obediente, volteou a cabeza cara á ribeira, arrincando a desandar, de novo, a camiñada de case dúas leguas, andando a paso de home, devagar, sen présas: taca, taca..., taca, taca..., taca, ta... O meu neno acochou as orellas co gabán de montaña —o sobretodo tapaba o corpiño enteiro do raparigo e, pingando polas bandas, abrigaba tamén as costas do macho— logo, colleu  o ramal, coa monotonía dos pasos do animal, e coa persistencia da néboa que delongaba a alborada do día, os ollos íanselle pechando: axiña, comezou a toquear; ás veces, espertaba de súpeto, alporizado; malia a todo, o sono nas portas do amencer puido con el,  quedando durmidiño encima do carrelo do macho, que seguía a camiñar taca, taca, taca, taca, taca, ta... paso a paso, sen présas cara a abaixo; aínda que, de cando en vez, mudaba a paso de trenza: traca... traca; traca...traca, abaneándose polos dobres pasos contrapostos.

     O Pon, desde xeito arrolado, seguía a durmir como un pato que tivese acochada a cacholiña baixo unha á. O macho ía chegando ao regato de Rabacallos; asemade, dous lobos fracos pola fame do inverno, ao ventaren carne de cristián, descenderon por un atallo, trochando en ringleira vertical a todo correr; sorteando os carballos e castiñeiros bravos que poboaban a carballeira por riba da estrada.

     Axiña se puxeron a camiñar detrás do macho a certa distancia, un en cada banda; a cada pouco, achegábanse máis preto do macho, donos da situación: os lobos vanse aproximando a ti, coma quen non quere a cousa, logo aconchéganse aínda máis ata darche co rabo nas pernas... e, cando menos o esperas, arréanche unha trabada nas canelas ai, ai! Ai, os lobos que teimados che son, nai que os pariu...! O lobo da banda dereita comezou a ouvear unha e outra vez, alternando os berros co da banda esquerda.

     Ao macho espertouno o instinto da supervivencia e arrincou a trotar, lixeiro, estrada abaixo, tacatá, tacatá, tacatá...!, ollando de esguello aos lobos, ameazantes e perseguidores tras del coa lingua fóra, co rabo ergueito e amosando uns dentes brancos, húmidos e tan afiados coma puntas de navalla. O Pon seguíache a durmir como unha pedra, alleo ao perigo daqueles lobos famentos. O pai espertárao ás seis da mañá dun pesadelo. O macho, coma se vise ao mesmo demo, espreguizouse de súpeto e xa non parou de trotar, arribando deseguida á pontiña que hai por riba de Entrambosríos. Mal demo vos parta! —xurou a súa maneira, o machiño, apuntando ao ceo coa testa, orneando, á vez que freaba, arrincándolle faíscas aos croios do chan da estrada coas ferraduras arranxadas no outono na forxa do ferreiro de Celeirós.

     As crinas erguéronselle de punta coma fíos de arame cando viu outros dous lobos xa vellos, un a cada lado da ponte, cos dentes regañados e esvarándolles pola boca o cuspe que dá o cheiro a comida. Alí agardaban os lobos, desesperados pola procura de cobrar a peaxe da ponte.

     O macho, soíño no cu da noite, atopábase rodeado por catro lobos famentos en posición de ataque. Un dos lobos, o máis vello, o que levaba a estratexia da caza, pois era o que mandaba, pegou a falar deste xeito: “Temos que espantar ao macho, por mor de tirar ao neno, carne doce, de cristián, vainos saber como a dun cabrito, crávaslle ti os dentes no pescozo e afógalo un bo anaco, que nos quede ben teso, eh! Logo haberá que esnaquizalo en catro partes”. Aúú...!, aúú...! —falaba o lobo vello—. Eu prefiro comer o neno, aínda que me toque menos, que xa non podo roer a carne dura dun mulo, que vou vello, nin despezar a carne, non digo dun macho, nin sequera dun coello; ai, que será de min?

     —Aúúú, aúúú...! A que chegamos, cagoná! Un lobo sen dentes caninos, onde está a fera canis lupus? Aaúúú, aúúú...! —ouveaba chorando, o coitado lobo.

     As feras continuaban a parolar como repartir o botín da caza ao se decataren con certeza que a presa xa non tiña escapatoria por ningures. O Pon moveuse no carrelo do macho, pois estaba a piques de espertar, antes co trote e agora ao estar a cabalería parada tanto tempo na alfándega dos lobos.

     De súpeto, apareceu, non se sabe como, o lobishome, o lobo de xente, facendo estremecer cos ouveos a follaxe da espesura, namentres abaneaba xestas e piornos. Camiñaba de pé e portaba nas mans un longo fungueiro afiado; aínda que andaba espido, tapaba as vergoñas e gorecíase da friaxe cunha  tupida pelame.
A cabeza érache a cabeza dun lobo pero grande coma a dun  xato, mouco, sen cornos. Presentouse deste xeito aos demais lobos: 'son o Lobishome da LRS (Lobishome da Ribeira do Sil) —noutros lugares mandan outros, como o Romasanta, en Allariz— aquí dende Maceda ata Castro Caldelas e Monforte goberno eu. Tamén son Licardo, o anacoreta que vive acochado no mosteiro de San Paio, aínda que, nas noites de lúa chea, dáme por camiñar, fuxindo de min, polos sendeiros das fragas de toda a contorna. Deixade pasar pola ponte a este neno. Fuxide de aquí, que vos cravo o fungueiro no bandullo e cómovos o fígado! Ídevos, xa, fillos de... loba!
Este é o meu reino lobeiro da noite de luar —continuaba o lobishome coa prédica, mentes os demais lobos escoitaban, pasmados, repousando os cuartos traseiros encima dunha pena—. De agora en adiante, seredes os meus escravos e cazaredes para min; sodes unhas temibles feras, abofé que si, mais só estades a pensar cos dentes, matinando máis en matar que en comer, arrastrados polos carreiros, prófugos, escapando polos camiños vellos; xoguetes do demo para facer o mal'.

    'Son tan lobo coma vós, certo, pero tamén teño o cerebelo dun home, Licardo me chamo: o instinto depredador impúlsame a brincar no pescozo do macho para trabalo cos dentes ata afogalo, mais, por outra banda, algo teño nos miolos que me di que non, que me reteña, que se mata só para matar a fame'.

      'Nin son un lobo como Deus manda, nin son un home, que son un malpocado licántropo, choraba bágoas de crocodilo o lobo de xente de Parada de Sil'. (Folliñas que levou o tempo. Contos da Ribeira Sacra).