venres, 29 de outubro de 2010

Mes de novembro na Ribeira do Sil


Novembro era o noveno mes no calendario romano: se nove meses cómpren para nacer, o noveno vénnos recordar que temos que morrer: nacer e morrer viñeron á vida de ganchete: Memento homo, quia pulvis eris...(Genesis 3,19).

   Os arellos dos soutos lindeiros xa están medio cubertos de follas e mais ourizos. De cando en vez, unha ventada esparexe as follas entre as gallas núas dos castiñeiros que tremen, aterecidas, da friaxe que apareceu sen avisar, adiantada para esta terra da ribeira, de por si morna.

   Dúas mulleres, coas costas dobradas, están a parolaren polo baixiño, mentres lles abren a boca aos ourizos coa lamia das chancas, entretidas na rebusca das castañas pequeneiras e ruís que quedaron para o canizo; outras dúas nun eido ermo embaixo, preto do Sil, na altura da Barxa, andan cunha cesta mediada de cerrotes e outra media de flores quitamerendas, as derradeiras do ano, preguiceiras elas en abrollaren serodias co verao fuxido a outros lares de lonxe, que mañá é o día dos defuntos, son para os pais que levan anos descansando no sagrado da parroquia de San Martiño de Sacardebois.

    As campás, tocan a defunto coa cadencia de seu, son tristeiro que se vai perdendo entre a néboa que exhala o Sil cara ó ceo dende o alto do esvelto campanario.

  A Morte adoita ir de loito, coma é de seu, decotío soa ó carón do ciprés de Leiravella. Seica que anda ás beiras a Caronte, o barqueiro, e disque que se escoitan como están a riren deitados encima das Penas de Mouca no solpor, onde acostuman a botaren unhas partidas coas fabas brancas e negras, espertando á curuxa do piñeiro de Viana.

    Noites negras, outonizas, o barqueiro de Hades baixa ó río a preparar os aparellos para a viaxe coas danzas da morte, bambeando a súa barca no medio do río, mais a curuxa, presentindo o mal fado no fío do cu da noite, esperta por veces e ponse a berrar ós veciños de Mouca, que se erguen, inquedos, rebulindo polos camiños como ánimas en pena.

    A Morte, coa casca amarga, pecha e caprichosa coas citas, que mesmo lle dá un arre coma un xo de acudir ás casas a pedir contas en horas cedas, petando nas portas con présas, sen dar tempo ós marcados pola desventura a prepararen os apaños para a viaxe á outra banda do río, alá por baixo do Canón...

    E disque, decotío, anda tamén cravuñando a gadaña para saír, un día e outro tamén, na procura de segar a quen lle cadre, que lle dá a feito ós fentos, silvas, manzanilla e mais herba boa; non repara no outono verde que recende coas aromas propias da xuventude e menos nos cardos vellos, murchos, que só poden atraer as moscas, que os sega a feito, amén doutros, sen misericordias.

    E para máis inri, ten sona de non faltar ás citas, sen importarlle as treboadas, os tronos e raios, así e todo a parca acode onde quixer a plantar a cruz do finado: cando e onde lle pete, que a morte é moi súa, unha dama seria, de palabra: escoita, lagarto, lagarto... a visita ó teu lar é cuestión de axenda.

   E chegou a data, sinalada no calendario da parca, para o meu amigo Félix un día de novembro.

   Entre catro homes levaron ó Félix perante o altar, a render contas ante o Altísimo. A néboa que suaba o río mentres viña rubindo devagar, brincando os pataos das viñas, entrou soprando polo ventanuco da igrexa. O cura lavoulle as culpas co hisopo. Os familiares do finado choraban, rompendo o silencio plúmbeo da cerimonia. O defunto entón, reconfortado cos responsos, abriu un ollo e destilou unha bágoa de despedida. A néboa pousou encima da caixa do defunto, envolvéndoa co seu manto frío. Logo, nun tris tras, escapou cara o ceo bufando coa bágoa do Félix polo fachinelo da igrexa. Din que é a alma.

domingo, 24 de outubro de 2010

A Cofradería, a caída da folla


A Cofradería, Confradería ou  Confraría, da maneira que sexa, é un topónimo da parroquia de Sacardebois, Concello de Parada de Sil. Recibe este nome, porque neste lugar está a casa do cura. Leva un mangado de anos sen habitar: as dúas parroquias veciñas, Sacardebois e mais Chandrexa, comparten dende hai tempo un só párroco, inclinándose o cura pola sede parroquial de Chandrexa, hoxe Casa de Turismo Rural. Nos tempos que corren, son fabas contadas as almas que hai que salvar nestas aldeas: van quedando pouquiños e todos, de tanto traballar estas terras sacras de minifundios, teñen gañado dabondo o ceo.

Antes da guerra, vivía na Cofradería o arcipreste de San Martiño de Sacardebois da que dependía a freguesía de Pradomao. A miña mai falaba con agrado deste cura o que escoitara dicir a miña avoa dona Bernarda, a quen lle tiña alugado o lameiro de Caborriba: “foi un sacerdote moi querido polos veciños, tan santo que mesmo -dicían-  mexaba auga bendita; vivía na Cofradería cunha ama e mais un loro que aprendera a cantar panxoliñas e seica que, ás veces, tamén farfullaba en latín”:

Dominus vobiscum!– cantaruxaba o papagaio presumindo vestido de cores, movéndose dun lado a outro na varanda do corredor da casa do crego.

Et cum spiritu tuo!– contestaban as mulleres que pasaban cargadas co cesto da roupa para facer a colada no pozo do regato de Maraván.

Disque tamén repetía tralo crego moitos rezos do breviario, sen embargo, malia de vivir moitos anos en compaña do cura, non houbo xeito de que cantase responsos nos enterros.

Logo, a casa deu acubillo á unha ducia de nenos da familia do zapateiro, o señor Andrés e señora María, moi boa xente... na parte baixa da dependencia parroquial, o zapateiro remendaba os zapatos dos veciños da contorna co material que mercaba na feira de Sober.

Fai pouco, o Bispado mudoulle o tellado e fíxolle algún que outro arranxo imprescindible.

Despois de aclarar os topónimos da nosa parroquia: Sacardebois, Mouca, Serradores, A Casa da culpa. Hoxe tócalle a 'Cofradería' (cofradería é unha deformación de confraría). 

Pero, ¿que é unha confraría?

Confraría derívase de confrade (del lat. cum, con, y frater, irmán). “Irmandade de persoas devotas con fins relixiosos” –reza, nunca mellor dito, no dicionario Cumio da Lingua Galega. A orixe destas irmandades vén da época dos romanos que recibían naqueles tempos esvaecidos o nome de collegia funeraticia.

Por tanto, este lugar de Sacardebois recibe este nome de Confraría, porque os confrades tiñan a súas xuntanzas nesta casa parroquial. Os ribeiraos, noutros tempos pasados, respectaban moito a San Martiño e mais a San Roque; coido, sen embargo, que sería a Confraría da Virxe do Carme, patroa da parroquia, a irmandade que ocupaba este lugar con moitos adeptos dende o século XVI. Tamén se chamaba a Confraría do Escapulario, que se ofreceu ós confrades como medio de saíren do purgatorio: Aquellos que llevaran el escapulario de la Virgen del Carme y cumplieran las condiciones que imponía su uso, serían automaticamente liberados del purgatorio el sábado posterior a su muerte,” indulxencia sabatina confirmada polo Papa, Pablo V (1602-1621).

Os confrades pagaban unha pequena cota en especie (castañas, patacas, viño, augardente); máis tarde, algúns veciños pagaban en cartos. O mordomo levaba as contas e convoca as xuntas, pero todo baixo a supervisión do cura. A primeira finalidade destas irmandades era socorrer ás familias dos confrades nos enterros: misas concelebradas polas almas dos defuntos, ceras para alumar nos velorios, máis misas nos cabodanos, a caixa mortuoria, o xornal do enterrador e mailo banquete de despedida ofrecido polo finado, como derradeira vontade de continuaren os seus degrañando o percorrer da vida.

(A Morte de Leiravella, que vestía de loito como é de seu, estaría dispensada de abonar cota algunha á Confraría do Carme, en tal caso sería cobrala por dereitos da súa competencia conforme ós criterios da SGAE. Disque o día que lle tocou finar: “morreu a Morte, morreu a Morte…!” –cantaban os nenos polos camiños– e disque en vez dun funeral, os veciños, os campaneiros, prepararon unha festa, con perdón pola ocorrencia, que nos cómpre a todos que a nosa veciña, a Morte, siga descansando en paz per sécula seculorum).

Volvendo ó rego do que nos ocupa, hai que engadir para rematar o conto, na actualidade a estas confrarías de antano chámanselle hoxe Pólizas de Decesos, Sta. Lucía… que ofrecen soporte económico nos peores momentos. Abofé che digo que, se vivir non é fácil nin cousa doada, morrer, se pensabas que che ía saír máis barato, pois non! o pasamento é un trámite carísimo: hai que pagar o 'finiquito' de toda unha vida.                                       Sit tibi terra levis. / S.T.T.L./

venres, 22 de outubro de 2010

Percorrido do Sil antes do embalse II


Antes do embalse, a familia dos Ferreiros, a Candela cos fillos Pepe e mailo Rosende, traballaban de barqueiros entre as dúas bandas do río. Serafín, o pai do Vicente, e maila familia dos pais do Eladio e do Pegerto ademais das barcas, tamén tiñan forno, vendendo o pan centeo tanto nas aldeas de Lemos como nas de Caldelas.

Unhas barcas eran pequeniñas, moi lixeiras, para dúas ou tres persoas; outras, medianas, para unha cabalería; a máis grande usábase pouco, porque cumprían dous homes para remar, só cando viña unha xugada de vacas ou varias cabalerías para as feiras de Sober, Pantón, Monforte ou pasaban o río no outro sentido de Lemos a esta banda, ás feiras de gando de Maceda. Tiña moita sona a feira dos bois de Montederramo:polo camiño vello que vai dende Vilariño a Pradomao cara a Ribeira había una paraxe -recorda a nai de Antón Fernández, unha señora de 90 anos aínda cunha memoria prodixiosa- que se chamaba  A Casa nova, onde pasaban a noite os limeses que acostumaban acudir á feira de Montederramo na procura dos bois da montaña.   A máis importante das feiras de gando vacún era a de Castro Caldelas, aínda que acudían máis pola ponte de Abeleda e por San Clodio. Entón, non había outro remedio que empregar estas barcazas e remar, virando a súa proa un pouco cara arriba, a contracorrente, co gallo de chegar á outro lado, dado que, ás veces, nas enchidas do inverno, a forza da auga arrastrábaos río abaixo.

A romaría ó Santuario dos Milagros, acudía daquela moita xente devota da Virxe e das merendas ó pé do Santuario. Coa noite pecha, a mocidade retornaba da esmorga alumando os camiños con fachóns de palla de centeo. Eran días de moita xeira coas barcas. Costume tan arraigada que, aínda hoxe, con outros medios moito máis doados, continuan acudindo á cita coa Virxe a xente devota do agro de Caldelas e de Lemos.

O tránsito entre as dúas bandas era continuo: a mocidade acudía á chamada dos foguetes e mais das campás que repenicaban engaiolantes ás romarías de Amandi e de Cadeiras. Nesta banda do río, viña tamén a mocidade de Lemos ás festas do Carme, en Sacardebois, ás de Trigás e maila festa das cocas de Santa Tegra pola ponte de Abeleda.

Polo medio da tarde, cando subían ó Santuario de Cadeiras e coas primeiras tímidas luces da noite, ó retornaren, as barcas non daban abondo para poder pasar a tanta xente que, por entón, había unha morea de mozos e mozas nestas aldeas que daba gusto velos.Cos bailes, coa bota de viño e coa pándega de cabrito as mozas abríanse ó namorisco e, despois de varios encontros noutras festas, formalizábanse as relacións, sendo frecuentes as parellas entre os mozos e mozas dos dous lados do río.

Os miúdos de casas grandes con haberes pasaban nas barcas montados nas bestas para acudir ós internados dos colexios Escolapios e da Divina Pastora en Monforte. Os ribeiráns tamén se achegaban ás barcas cos cestos de pavías, que vendían nas vilas e feiras da bisbarra de Lemos. Cada cando, se lles facía ó caso, trocaban as pavías, cereixas, uvas e peladillos por un saco centeo da chaira que lles cumpría para enforna-lo pan.

Namentres, o catamarán seguía, pouco a pouco, co seu percorrido, situándose xa no comezo do Canón, asucando o río entre paredes de rochas de máis de 400 metros de altura. Na parte de Caldelas, o miradoiro Balcóns dos Mouros, coñecido tamén polos Balcóns de Madrid, porque disque a xente de entón, entendía que Madrid, coa chegada do ferrocarril a Monforte, quedaba a un tiro de pedra noutra bandado río: éche a carreiriña dun can –dicían os paisanos–. Dende os balcóns de Madrid, seica se despedían as mulleres e noivas dos mozos camiño da emigración.

Contaba o meu pai que escoitara ó seu avó que aumentara moito o trafico coas barcas dende que “Los Caminos de Hierro del Norte de España” chegaran a Monforte. Cousa que aconteceu en 1883 con parada oficial e mais banquete real, coa presencia de Alfonso XII, na cidade do Cabe, daquela con 11.000 habitantes. Coa chegada do ferrocarril, Monforte converteuse nunha vila importante, cunha burguesía liberal emerxente da masonería, vidos dende Francia para a construción das vías férreas. En Castro Caldelas, uns anos antes, por 1840, tamén houbo outro grupo de liberais, tal vez da masonería: o meu bisavó Don Fernando Miranda, avogado, deputado en Cortes e Xuíz de Castro, o boticario Manuel Conde, o avó de don Vicente Risco e mais outros.

As persoas da bisbarra, tanto de Lemos como de Caldelas, agarraban o tren para emigrar a Suíza, Alemaña, Francia, Madrid, As Vascongadas e Barcelona: mulleres mozas pasaban no verán dende Meixide ás Forcadas por Amandi cara a Monforte para ir a traballar no servizo en Barcelona; os mozos da montaña e da ribeira baixaban ó río para colle-la barca en San Fiz para pasar á outra banda do río, ó lugar de A Barca de baixo, en Lemos. Había que subi-lo camiño de cabalerías a pé, ata Amandi e, logo, polo camiño real cara Doade, para chegar a Monforte.


Neste último tramo da viaxe, atracando no embarcadoiro de Santo Estevo, volvín en min, canso o meu caletre de tanto cavilar. Ollei ó meu redor: “garda que é bonito, eh!” –espetei ós que viñan sentados ó meu canto– máis que nada por dicir algo, como me deixei levar polas ás do maxín, esquecín en todo o percorrido da viaxe de face-los consabidos comentarios: “os socalcos das viñas espallados polas engurras das abas en cada banda do río, os pintorescos vilariños, aldeas e casares remarcados na paisaxe coas agullas dos góticos cipreses, lugar de mosteiros, de miradoiros, de fragas de carballos e castiñeiros, de adegas de viño branco de godello e de tinto de mencía desta viticultura heroica, con nomes de antigo con sona coma Amandi, a lenda do Pedome, de paredes de rochas antropomorfas no Canón, as pesqueiras de anguías e troitas” e mais outras belezas nas dúas bandas do río.

Engaiolado polos debuxos da mente, estes amosaban tan reais como as mesmas persoas sentadas ó meu carón. Entretido en destece-las lembranzas en todo o percorrido soábame unha música de cantigas de sereas, cativadoras, como as que namoraron a Ulises, que che digo que en todo o percorrido non me deixaron olla-la paisaxe da Ribeira do Sil.

martes, 19 de outubro de 2010

Percorrido do Sil antes do embalse I (+ enlace co video da obra)

O catamarán, embarcación formada por dous cascos laterais unidos por unha plataforma, prendeu os motores e axiña comezou a virar a proa cara abaixo, amodiño, mais ós poucos espreguizou que metía medo... un bocado máis arriba, a ponte de Paradela que xungue Caldelas coa terra de Lemos. O guía turístico despois da benvida e dos datos da derrota da viaxe, enmudeceu un bocado. Eu, mentres, continuaba a ollar as viñas de Doade descolgadas en socalcos, que por esta ribeira chamamos pataos, coa boca pecha e os ollos abertos, pensando nas miñas cousas, pois os que xa peiteamos canas estamos a cada pouco, dálle que dálle, cavilando como fan os burros que a maioría son filósofos.

O catamarán está arribando á altura da ribeira da Teixeira: este tramo do río recibía o nome de o Cachón, lugar onde verte as augas fuxidías a fervenza do regato dos Vaos. Naquela, os mozos de caldelas que andaban na cava das viñas mataban o tempo de repouso, ó final de cada fila de cepas, de troula mentres esperaban ós últimos en arrivaren á cabeceira de cada patao, berrando aturulos de 'benquerenza' ós mozos de lemos: "Ai, hooo...! A túa nai cando pariu cantos rellos trouxo, hooo...?", dispensando os vulgares falares. Noutra banda, só chegaba o resón entrecortado da mensaxe polo ruxerruxe da auga que baixaba de présa, a cachón: hooo...tro...hoo!"En chegando ó final da fila, eran momentos de falar a berros ós veciños doutra ribeira,  de tirar da petaca e de liar un pitillo para darse un aire, que ós mozos ben lles cumpría ergueren os ollos da terra e poder albiscaren un futuro con porvir, que noutra banda está o lugar que lle chaman a 'porta doada', e máis lonxe o camiño de ferro que parte dende Monforte cara Barcelona, Bilbao... Europa. 'A loita coa gancha', un dos mandamentos dos riberaos, dende o amencer ata ó solpor, amolegáballes as costas, mais a mente teimaba con outros quefaceres máis doados e mellor pagados: abofé que o choio dos devanceiros estába comido do demo, un rural de ninifundios onde non había máis que repartir, de socalcos, traballando coma burros ou, se queres como heroes, e para que... "Ai, hooo..! Caldeláos, baixade ó medio do río, de terdes c..., que para todos vós abonda un de nóóós...! –era a réplica en liña de Lemos con Caldelas. Outras veces, competían en guindaren coios máis lonxe ou quen era o máis destro en 'caparen' o río con cachos de tellas ou cunha lasca de pedra que rebotaba, brincando varias veces na auga, abrindo sucesivas ondas que ían  morrendo pouco a pouco nun lene ronsel. 

A media máquina, co ruxerruxe dos motores respetando o entorno, o catamarán chegou á desembocadura do río Mao. Axiña virou á babor, para meterse con tento pola súa garganta ata parar en liña entre Cristosende e Barxacova. Ollando ó redor coma un periscopio: viñas, hortas, soutos, amieiros, carballos, sabugueiros. Tirando cara arriba polo río pequeno, a pasarela á beira do Mao, a antiga fábrica de luz, covertida nun albergue, subindo un pouco máis, a únha carreiriña dun can, a parroquia castrexa de San Lourenzo coas tumbas antropomorfas de seu no lugar de san Vitor, preto das fervenzas de augas brincadeiras que baixan dende a ponte de Conceliñas atizadas polas basoiras das meigas. O barco parou un bocado para contemplar este lugar tranquilo, onde se pode escoitar ata o mesmo silencio peneirado coas voces da natureza: chíos e rechouchíos dos merlos, pardais e xílgaros... un recuncho perdido do mundo; de cando en vez, o canto dun galo, un ladrido dun can. Dous mozos remaban en cadansúa canoa polo medio do río, sentindo dende o barco o choupeo monótono das palas, ó caeren nas augas quedas da presa. Neste lugar, onde fondea o barco, no río virxe de antano, había unha humilde ponte de madeira que xunguía as dúas aldeas devanditas e mais o muíño hidráulico do Sergio, onde acudía de cando neno dúas veces por mes a moer un saco de millo, cebada ou  de centeo montado na mula da casa, chuliño coma un oito. O vilariño de A Ponte desapareceu asolagado baixo estas augas, agora mortas.

O catamarán, despois desta corta escapada de cabotaxe, virou retornando lixeiro ó río grande: o Sil, o pai de todos. Á babor: a Central do Regueiro, Meixide, Porto, A Barxa, San Fiz, Sacardebois, Chandrexa e alá enriba: a capela de Triguás. A estribor: Amandi, As Forcadas, Pinol, Sampil, Cimadavila, Santuario de Cadeiras, Portabrosmos e mais A barca de baixo.

Os ribeiráos destas pintorescas aldeas plantadas cun ciprés, dunha e doutra banda do Sil, ollaban tristes, de cando o encoro, mentres choraban bágoas dos ollos, como se ía enchendo o embalse: as augas ían cubrindo os pataos das viñas, os eidiños, os soutos, hortas, muíños, capelas, pontes e fontes, fornos e ata a mesma casa onde naceran pequenos e mais grandes, sen esquecer os que moraban dende antano no cemiterio da parroquia de san Martiño de Sacardebois. Como che estaba contando, en primeiro lugar, a auga cubría as viñas e mailos eidos que había por baixo das casas; logo, comezaba a entrar nas adegas e cortes de porcos e mais ovellas; ó día seguinte, xa se deslizaba coma unha serpe intrusa pola gateira da porta da casa; en poucos días, ía rubindo polas paredes ata cubrir as fiestras das alcoba e así, deste xeito, centímetro a centímetro, gañando rango, ata cubrir os tellados, asolagados por completo baixo as augas invasoras. En san Fiz, só quedaba sen cubrir o viraventos do campanario da capela co galo cativo, marcando un destino descoñecido para os ribeiráos, quedando ás vistas como testemuño do que fora antano este lugar e como sinal de aldea desaparecida, convertida dun día para outro nun cemiterio de lembranzas.

A construción do encoro de San Estevo (Video da obra), inaugurado por Franco en 1955, cambiou, non só a paisaxe da ribeira de Parada de Sil, senón tamén as costumes e modos de vida de moita xente coa emigración a outros lares de lonxe.

xoves, 14 de outubro de 2010

Un domingo de agosto



Mes de agosto; daquela, un lameiro de 10 carros de herba derivou hoxe nunha incipiente carballeira, abofé que choveu de abondo dende entón; os anos pasados mesmo fixeron medrar os carballos lindeiros da poula.
O meu pai andaba cos homes segando a herba no lameiro de Caborriba, preto de Forcas. De cando en vez os segadores de gadaña paraban para afiar, darse un aire, liar un pito da petaca ou botarlle a man ó pescozo da bota para mollar a palleta.
Estando entretidos nestes pormenores, parolando de cousas de aquí e de acolá, de súpeto dixo Celso, suxeitando a gadaña coa man esquerda, mentres a dereita tentaba a pedra de afiar no cabazo que colgaba do cinto: “Estámosche todos en pecado mortal, por non acudirmos á misa e traballar un domingo: de morrermos hoxe, todos ó inferno”.
–Certo como hai Deus. Está na doutrina da Igrexa e nos seus mandamentos que predican os curas –confirmou o meu pai.
–Os curas… os curas son uns ateos! –sentenciou Cándido, un rapazolo a piques de ser chamado a filas, con poucas ideas no seu caletre e as máis delas desbotadas por confusas.
–Os que din seren ateos, son os que máis falan de Deus –puntualicei eu, mentres esparexía a herba dos liñós, seguro do que dicía, por ser daquela seminarista dos últimos anos de latín.
Entón Ernesto da Miranda, un home de casca amarga, asucado de engurras dende que servira á República de cando a Guerra, sen parar mentes, berrou dende o fondo do lameiro, enarborando a gadaña coma un toleirán, fiel ó principio racionalista cogito, ergo Deus non est :“Non hai Deus por ningures, me cago en sandiolo”!, blasfemou, sen reparar na contradición.

E coa firmeza da tese do Ernesto, reforzada coa gadaña, concluíu a espontánea discusión teolóxica. Calados como mouchos, os homes continuaron a segar cada quen o seu liñó cara abaixo ata mollar os pés no regato de Senra, mentres se deixaban ouviren os machos, co seu zunzún metálico e persistente, reclamando favores ás carricantas femias ó solpor de aquel domingo de verao. Parada de Sil, o corazón da Ribeira Sacra.

luns, 11 de outubro de 2010

Alto está, barbas ten...



Alto está, barbas ten e, cando lle dá por rir, perde todo o que ten. A xente de Sacardebois, na Ribeira Sacra, vive alegre como unhas castañolas. En troques, os que moramos noutros lares xa non che estamos para asar castañas,tantos anos buscando a vida co estrés que é de seu aquí, na diáspora, onde ninguén nos vai quita-las castañas do lume. Se te botas a durmir como unha castaña no ourizo, mesmo che vai estalar unha castaña na boca ou apañar unha castaña no medio do cocote, pois hai xente máis falsa e mentireira ca unha castaña podre, non vale logo que estoupes a rifar como unha castaña bolerca. Abofé que non. Manda castaña! Que ben viviamos antano, sendo pobres sen un can no peto, pero ricos por dentro cun prato de caldo de nabizas, unhas castañas asadas, un vaso de viño novo e mais uns cerrotes encima da prancha da cociña, mentres botabamos unha brisca de seis para xogar un cuartucho de figos pasos  e que chova, manda castaña cos tempos fuxidíos...!

xoves, 7 de outubro de 2010

Pensamentos dun veño ó carón da lareira



1.- Din que é a alma
Mes de novembro. Sacardebois. Día tristeiro, de defuntos. Entre catro homes levaron ó Félix perante o altar, a render contas ante o Altísimo. A néboa que suaba o río, mentres, viña rubindo devagar, brincando os pataos das viñas para se meter polo ventanuco da igrexa. O cura lavoulle as culpas co hisopo. Os familiares do finado choraban, rompendo o silencio plúmbeo da cerimonia.
O defunto entón, reconfortado cos responsos, abriu un ollo e destilou unha bágoa de despedida. A néboa pousou encima da caixa do defunto, envolvéndoa co seu manto frío. Logo, escapou bufando coa bágoa do Félix polo fachinelo da igrexa. Din que é a alma.

2.- Fuches a Santiago? Fun, porén non o vin coas casas
Remataba o verán. Ó anoitecer, está o Antonio da Miranda, satisfeito, na porta da súa palleira chea de herba cunha aixada na man cavando un reguiño, porque comezaban a pinga-las tellas do beirado. Axiña caeu auga más porfiada, choutando a chuvia no chan coma os pardaus pican no gran, e díxolle o Benxamín de Senra dende o alto do cabalo que ía cara Forcas, erguendo a cabeza para esculca-lo negro neboeiro que cubría o lugar: no setembro, xa sabes, ou secan as fontes ou tira a auga coas pontes.
Onde máis chove de toda Galicia é en Santiago. Fuches algunha vez a Santiago? Fun dúas veces, aínda que non o vin coas casas –contestoulle o Antonio da Miranda.

3.- Ós dezasete anos fun o pai dos pais
Conta o señor Vitoriano de Mouca, no libro A cinsa do vento, unha tardiña de verán sentado nunha saca, pois a pedra espida –dicía– roe moito o cu: con dezasete anos, aínda un rapazolo, botei polo mundo trala roda de afiar. Dende entón, fun o pai dos meus pais.
Os pais deixáronnos os camiños para andar, non tiñan outra cousa.

4.- Na pía da auga bendita, beben agora os cans
Os tempos van mudando. Mosteiros, capelas, petos de ánimas, cruceiros. Lugares de rezo e de tormento. Salvadores da nosa alma: curas, freires e freiriñas, bispos e beatas, ceos, purgatorios, limbo de xustos e de dindáns, penitencias, autos e infernos. Pero duns anos a esta parte, a xente xa non mira por gaña-lo ceo. 
Están a correr, nas tribunas e palestras actuais, aires iconoclastas e laicistas: na pía da auga bendita dos mosteiros, comen os porcos e beben agora os cans.

5.- No fiadeiro de Aguil, dúas vellas e mais un candil
Aquí non roxe ninguén. A vida está comida do demo. Os adiantos chegaron tarde: Deus dálle panos a quen non ten mocos.A xente moza emigrou e as aldeas van morrendo.
Seica que van erguer unha Residencia da Terceira Idade no Concello de Parada do Sil para meternos alí a todos. Ós vellos. Aínda che quedamos ben deles, pero din que andamos ciscados polos vilariños das parroquias. Buscan reducirnos. 
O Goberno matina en pecha-las aldeas e en atranca-la estrada cuns cancelos. Quérennos varrer dos lugares, que nos tiren ó río e que nos coman as troitas! Están falando de substituírnos por xabarís, lobos e cabras. 
Pero aínda quedarán as pedras, que falan soas.

6.- Ós vellos, o que nos cómpre agora é calor
Os vellos quéixanse baixiño, mais seguen traballando: saben eles o que se lle esqueceu ó demo. Os anos pasan.Son malos compañeiros. Vida, mentireira, canto me prometiches, cona que te pariu, fúcheste nun sopro! 
Ó canta-lo galo, prendo o lume e meto as mans no fogón. Coas mans quentes coma roxóns, xa podo comezar a rebulir pola casa, malia que o meu fatigado e solitario corazón hai anos que non quece co cariño e agarimos de ninguén. Este inverno, está coma entumecido.Un mal día, cálaseme.
Ós vellos, o que nos cómpre agora é calor.

luns, 4 de outubro de 2010

El otoño en la Ribeira Sacra por Antonio Carreño


En la Ribeira Sacra ya estamos en pleno otoño, el conocido estío en las referencias de nuestros clásicos, en los aledaños del camino de Santiago, continuamente transitado ya cunde la neblina en las mañanas musgosas. El aire adquiere una prístina densidad, y un vibrante airecillo, a veces tenue, aturde las hojas más livianas que, en breves giros, caen pausadamente. Los tupidos erizos de los castaños prometen una rica cosecha por estos agros que yo camino, en esta mi aldea, a la caída de la tarde. La uva mencía, por las pendientes de Sacardebois y Cristosende, aún con un suave tono morado, incrementa día a día aroma y azúcar, y ya ennegrecida, pasados los meses, será alivio, consuelo y jolgorio, con las delicias de un vino marcado por su origen sacro y ribereño. A un tiro de piedra, al otro lado del Cañón del Sil, la robusta iglesia de Cadeiras, cuya música festiva deja una cadencia en eco por las oquedades del Cañón. Se conmueven las piedras. Y el gavilán, espantado, se aleja revoloteando, río abajo, hacia los apacibles sotos que bordean el vetusto cenobio de Santa Cristiana. Con razón: Ribeira Sacra. Antonio Carreño, La Región.

sábado, 2 de outubro de 2010

Festa do Magosto, en San Martiño de Sacardebois

 
Festa do Magosto, en Sacardebois, declarada a mellor festa rachada da contorna. Ofrecemos: unha fogueira de cozos de castiñeiro para quenta-lo campo da festa e poder quecer, bailando, ó seu redor; puñadas de castañas asadas para quenta-las maos e adoza-la boca; orquestra para escoitar, ollar e danzar deixándote levar polos arrolos do mellor tinto da Ribeira do Sil, gratis; chourizos asados ó inferno, quentiños, dentro dun chusco de pan preparados pola Rosita e mais outras mulleres da parroquia de campaneiros e papeiros co gallo de non choraren as barrigas de naturais e foráneos, tamén gratis; e, mesmo, un mangado de apertas a tódalas persoas que veñan a visitarnos á festa do magosto, ó abeiro dunha longa carpa, non se vaian a presentar para afoga-la festa as chuviscadas do outono.

En resumo: lume de cozos de caracochas centenarias, música de orquestra ó compás de fermosas cantantes que bailan, lixeiras, a corpo solto, abano de foguetes de cores que soben ó ceo disipando neboeiros, castañas asadas das últimas pingas chimpadas polo vento, chourizos asados na brasa de cozos de cepas vellas, viño novo de mencía do Outeiro e mais apertas cumpridas que che han de quenta-lo corazón, quizais triste pola caída da folla ou magoado polos pasadíos brotes verdes, xa murchos, da recuperación económica que, segundo parece, nestes lares vai abrollar serodia. Ven ó Magosto de San Martiño de Sacardebois: a mellor terapia para a crise. O día 10 de novembro 2012.


Unha fogueira de cozos,
de caracochas, ardendo.
Festa dos druídas,
é o inicio do inverno.

Estoupan os foguetes,
nos eidos, ermos.
Estoupan as castañas,
na cociña quente de ferro.

Brasas de cozos de cepas vellas,
chourizos asados, lume do inferno.
Viño novo, mencía, das Albeanas,
xerro de Gundivós, espumando, dos cubetos