xoves, 14 de outubro de 2010

Un domingo de agosto



Mes de agosto; daquela, un lameiro de 10 carros de herba derivou hoxe nunha incipiente carballeira, abofé que choveu de abondo dende entón; os anos pasados mesmo fixeron medrar os carballos lindeiros da poula.
O meu pai andaba cos homes segando a herba no lameiro de Caborriba, preto de Forcas. De cando en vez os segadores de gadaña paraban para afiar, darse un aire, liar un pito da petaca ou botarlle a man ó pescozo da bota para mollar a palleta.
Estando entretidos nestes pormenores, parolando de cousas de aquí e de acolá, de súpeto dixo Celso, suxeitando a gadaña coa man esquerda, mentres a dereita tentaba a pedra de afiar no cabazo que colgaba do cinto: “Estámosche todos en pecado mortal, por non acudirmos á misa e traballar un domingo: de morrermos hoxe, todos ó inferno”.
–Certo como hai Deus. Está na doutrina da Igrexa e nos seus mandamentos que predican os curas –confirmou o meu pai.
–Os curas… os curas son uns ateos! –sentenciou Cándido, un rapazolo a piques de ser chamado a filas, con poucas ideas no seu caletre e as máis delas desbotadas por confusas.
–Os que din seren ateos, son os que máis falan de Deus –puntualicei eu, mentres esparexía a herba dos liñós, seguro do que dicía, por ser daquela seminarista dos últimos anos de latín.
Entón Ernesto da Miranda, un home de casca amarga, asucado de engurras dende que servira á República de cando a Guerra, sen parar mentes, berrou dende o fondo do lameiro, enarborando a gadaña coma un toleirán, fiel ó principio racionalista cogito, ergo Deus non est :“Non hai Deus por ningures, me cago en sandiolo”!, blasfemou, sen reparar na contradición.

E coa firmeza da tese do Ernesto, reforzada coa gadaña, concluíu a espontánea discusión teolóxica. Calados como mouchos, os homes continuaron a segar cada quen o seu liñó cara abaixo ata mollar os pés no regato de Senra, mentres se deixaban ouviren os machos, co seu zunzún metálico e persistente, reclamando favores ás carricantas femias ó solpor de aquel domingo de verao. Parada de Sil, o corazón da Ribeira Sacra.

Ningún comentario: