luns, 11 de outubro de 2010

Alto está, barbas ten...



Alto está, barbas ten e, cando lle dá por rir, perde todo o que ten. A xente de Sacardebois, na Ribeira Sacra, vive alegre como unhas castañolas. En troques, os que moramos noutros lares xa non che estamos para asar castañas,tantos anos buscando a vida co estrés que é de seu aquí, na diáspora, onde ninguén nos vai quita-las castañas do lume. Se te botas a durmir como unha castaña no ourizo, mesmo che vai estalar unha castaña na boca ou apañar unha castaña no medio do cocote, pois hai xente máis falsa e mentireira ca unha castaña podre, non vale logo que estoupes a rifar como unha castaña bolerca. Abofé que non. Manda castaña! Que ben viviamos antano, sendo pobres sen un can no peto, pero ricos por dentro cun prato de caldo de nabizas, unhas castañas asadas, un vaso de viño novo e mais uns cerrotes encima da prancha da cociña, mentres botabamos unha brisca de seis para xogar un cuartucho de figos pasos  e que chova, manda castaña cos tempos fuxidíos...!

2 comentarios:

Anton Fernandez dixo...

O malo é que en Sacardebois, como na maioría dos pobos da Galicia interior, xa queda pouca xente e, os poucos que quedan, son maiores. E onde non hai nenos, non hai esperanza de futuro.

Eduardo PRIETO CASARES dixo...

Certo, Antón. Nas aldeas da Ribeira Sacra xa non roxe ninguén. A vida está levada do demo. Os nenos xa non se dan por estes lares: como se os comesen os ratos. Unha pena.