domingo, 24 de outubro de 2010

A Cofradería, a caída da folla


A Cofradería, Confradería ou  Confraría, da maneira que sexa, é un topónimo da parroquia de Sacardebois, Concello de Parada de Sil. Recibe este nome, porque neste lugar está a casa do cura. Leva un mangado de anos sen habitar: as dúas parroquias veciñas, Sacardebois e mais Chandrexa, comparten dende hai tempo un só párroco, inclinándose o cura pola sede parroquial de Chandrexa, hoxe Casa de Turismo Rural. Nos tempos que corren, son fabas contadas as almas que hai que salvar nestas aldeas: van quedando pouquiños e todos, de tanto traballar estas terras sacras de minifundios, teñen gañado dabondo o ceo.

Antes da guerra, vivía na Cofradería o arcipreste de San Martiño de Sacardebois da que dependía a freguesía de Pradomao. A miña mai falaba con agrado deste cura o que escoitara dicir a miña avoa dona Bernarda, a quen lle tiña alugado o lameiro de Caborriba: “foi un sacerdote moi querido polos veciños, tan santo que mesmo -dicían-  mexaba auga bendita; vivía na Cofradería cunha ama e mais un loro que aprendera a cantar panxoliñas e seica que, ás veces, tamén farfullaba en latín”:

Dominus vobiscum!– cantaruxaba o papagaio presumindo vestido de cores, movéndose dun lado a outro na varanda do corredor da casa do crego.

Et cum spiritu tuo!– contestaban as mulleres que pasaban cargadas co cesto da roupa para facer a colada no pozo do regato de Maraván.

Disque tamén repetía tralo crego moitos rezos do breviario, sen embargo, malia de vivir moitos anos en compaña do cura, non houbo xeito de que cantase responsos nos enterros.

Logo, a casa deu acubillo á unha ducia de nenos da familia do zapateiro, o señor Andrés e señora María, moi boa xente... na parte baixa da dependencia parroquial, o zapateiro remendaba os zapatos dos veciños da contorna co material que mercaba na feira de Sober.

Fai pouco, o Bispado mudoulle o tellado e fíxolle algún que outro arranxo imprescindible.

Despois de aclarar os topónimos da nosa parroquia: Sacardebois, Mouca, Serradores, A Casa da culpa. Hoxe tócalle a 'Cofradería' (cofradería é unha deformación de confraría). 

Pero, ¿que é unha confraría?

Confraría derívase de confrade (del lat. cum, con, y frater, irmán). “Irmandade de persoas devotas con fins relixiosos” –reza, nunca mellor dito, no dicionario Cumio da Lingua Galega. A orixe destas irmandades vén da época dos romanos que recibían naqueles tempos esvaecidos o nome de collegia funeraticia.

Por tanto, este lugar de Sacardebois recibe este nome de Confraría, porque os confrades tiñan a súas xuntanzas nesta casa parroquial. Os ribeiraos, noutros tempos pasados, respectaban moito a San Martiño e mais a San Roque; coido, sen embargo, que sería a Confraría da Virxe do Carme, patroa da parroquia, a irmandade que ocupaba este lugar con moitos adeptos dende o século XVI. Tamén se chamaba a Confraría do Escapulario, que se ofreceu ós confrades como medio de saíren do purgatorio: Aquellos que llevaran el escapulario de la Virgen del Carme y cumplieran las condiciones que imponía su uso, serían automaticamente liberados del purgatorio el sábado posterior a su muerte,” indulxencia sabatina confirmada polo Papa, Pablo V (1602-1621).

Os confrades pagaban unha pequena cota en especie (castañas, patacas, viño, augardente); máis tarde, algúns veciños pagaban en cartos. O mordomo levaba as contas e convoca as xuntas, pero todo baixo a supervisión do cura. A primeira finalidade destas irmandades era socorrer ás familias dos confrades nos enterros: misas concelebradas polas almas dos defuntos, ceras para alumar nos velorios, máis misas nos cabodanos, a caixa mortuoria, o xornal do enterrador e mailo banquete de despedida ofrecido polo finado, como derradeira vontade de continuaren os seus degrañando o percorrer da vida.

(A Morte de Leiravella, que vestía de loito como é de seu, estaría dispensada de abonar cota algunha á Confraría do Carme, en tal caso sería cobrala por dereitos da súa competencia conforme ós criterios da SGAE. Disque o día que lle tocou finar: “morreu a Morte, morreu a Morte…!” –cantaban os nenos polos camiños– e disque en vez dun funeral, os veciños, os campaneiros, prepararon unha festa, con perdón pola ocorrencia, que nos cómpre a todos que a nosa veciña, a Morte, siga descansando en paz per sécula seculorum).

Volvendo ó rego do que nos ocupa, hai que engadir para rematar o conto, na actualidade a estas confrarías de antano chámanselle hoxe Pólizas de Decesos, Sta. Lucía… que ofrecen soporte económico nos peores momentos. Abofé che digo que, se vivir non é fácil nin cousa doada, morrer, se pensabas que che ía saír máis barato, pois non! o pasamento é un trámite carísimo: hai que pagar o 'finiquito' de toda unha vida.                                       Sit tibi terra levis. / S.T.T.L./

Ningún comentario: