domingo, 5 de xullo de 2009

A PARTÍCULA DE DEUS

Xornal de Galicia Domingo, 05 Julio, 2009 - 08:51
O home, despois de percorrer longas e escuras eras de vida na terra, sobrevivindo, mal como puido, ó frío e depredadores, chegou, por fin, a gozar, a corpo de rei, dunha polis con auga corrente nas ágoras e acudindo ó teatro á tardiña, cando o sol ía baixando as orellas.

Coa especialización do traballo, dispuxo de tempo de lecer para o desenrolo das artes e inventar a democracia; e mesmo, para escoitar o seu interior, mentres ollaba deitado cara ó ceo nas noites claras do sur, noites de luar, curioso e marabillado polos debuxos das constelación que están a coroar a bóveda do firmamento, fabulando como lle habería de levantae as enaguas á lúa que lle estaba a chiscar o ollo, engaiolado como Sabina cantando rimas no barrio das letras de Madrid dos Austrias, e por seguir as rutas das estrelas fuxidías que o chamaban como sereas cativadoras, inducido a navegar a odisea do espazo infinito nun carro de prata turrado por catro pegasos, berrando a cada pouco, mentres estaba a recorrer camiños de luceiros: ai, hoooo...-! hai alguén aí...?

   Mailas preguntas dos filósofos, amantes da Sabedoría, ousadas criaturas, non atoparon interlocutor por ningures: quixeron interrogar isto e mais aquilo, perturbando o equilibrio do espazo absoluto, coma se guindaren unha pedra á quietude dun lago que, de cotío, protesta sacudíndose nunha serie de ondas, espalladas en círculos concéntricos sucesivos, devolvendo a pregunta á orela, por mor de quedaren o ceo e mailas augas que emanan del, de novo, sosegadas.

   Entón, xurdiron as teorías filosóficas, na procura da orixe ou principio da materia: que si o fogo, que si a auga, o ar, o átomo; daquela, outros sabios, máis prudentes non deron creto a ningunha delas: "Canto máis sei, máis ignoro; só sei que non sei nada" -dicían os agnósticos.

   Foron os poetas, como Homero, os que souberon glosar os mitos para dar saída ás inquietudes do ser humano; respostas que, malia de naceren cun selo máxico, cubrían, por entón, as inquietudes intelectuais do pobo heleno, na procura dunha explicación total e definitiva da orixe do Universo.

   Nestes tempos  avanzados da ciencia, coas tecnoloxías do século XXI, co Gran Colisionador de Hadróns (LHC), antes o CERN de Genève, coas mellores cabezas das universidades do mundo mundial, financiadas polos países máis ricos do planeta, buscan entre todos a partícula másica, coñecida como bosón de Higgs: enlaces perdidos, ata hoxe partículas escuras que forman o burato negro, que haberían de completaren o modelo estándar da física, ás veces, chamada a partícula de Deus, simulando, co choque de partículas do acelerador de 27 quilómetros de diámetro, eventos ocorridos durante o Big Bang, teoría que intenta dar unha explicación da orixe e expansión do Universo.

   De maneira que, o Principio de todo tanto se pode albiscar no ceo co telescopio espacial Hubble, como esculcando, na terra, o espazo entre os átomos co microscopio Titán Cubed, dado que as pegadas do Creador do Universo, de habelo, están no máis grande e tamén no máis pequeno.

Namentres seguimos nesta procura, unha pancarta segue colgada das puntas das estrelas: Demiurgo, déixate ver, ho...! 

xoves, 2 de xullo de 2009

BIGOTES CON XOFRE


escrito por Eduardo Prieto Casares FARO DE VIGO

Nas últimas semanas, están aparecendo, na prensa nacional, unha manchea variada de alcumes: O’ Albondiguilla, O’ Patillas, O’ Rata, O’ Cabrón, O’ Prior, O’ Curiña, O’ Mamón, O’ Bigotes. O tema dos sobrenomes, aos galegos, non nos estraña demasiado, pois moitos de nós estamos bautizados polos veciños como O' Cabrito, O' Moucho, O' Escachapiollos e mais outros alcumes deste xeito de ser, máis gráficos no seu orixe que respectuoso cos nosos devanceiros.

Unha tarde, recibín un estraño correo, un reenvío ou FW, De: stalin@

Repousado na cadeira de brazos, co ordenador prendido, estiven a pensar nos personaxes do e-mail, mentres lembraba a miña mocidade na que presumín de estilo en atusar o meu poboado bigote, sen ser consciente da irreverencia estética nin de poderme axustar ao canon de beleza que emana do equilibrio e da harmonía.

Por que deixas medrar ese bigote tan feo, que pareces un bolchevique? –Preguntoume un día, o meu pai–. A verdade é que, tan enraizado estivo en min, e nos meus, que me sentín como espido e indefenso, aquela mañá que me levantei da cama coa firme decisión de cortarmo, o bigote. Pero, de todos é ben sabido que os mostachos non son todos iguais.

Entre as categorías de bigotes, atópanse: o natural, estilo Dalí, o imperial, o húngaro e mailo estilo inglés, moi propio como complemento para un traxe da firma Milano. Logo de botar unha ollada aos bigotes que máis pegada deixaron nos libros de historia, algúns se mostran nos almanaques afiados como púas, chulos, incultos, estreitos de miras, enfrontados cos poetas indefensos, que cantan, de cara e corpo libre, poemas que debuxan, coas palabras, caligramas de pombas da paz voando libres; debuxos de rimas de papaventos, soltos de bridas, seguidas pola ollada dun neno, marabillado, como van subindo ó ceo, paseniño, gañando rango no ar, ó lonxe, xa fuxidíos.

Bigotiños ridículos -como borranchos negros- nas caras duras de homes pequenos, que foron grandes ditadores. Mostachos militares, os de Bismark cheiraban a pólvora, tronando arcabuces contra o suave murmurio de ramas, de follas e das flores, apagando o rumor de cores dos poetas que enmudeceron as súas rimas, cantigas de reiseñores, cubrindo de néboa con bochorno, o día; e de tronos, con tormenta, a noite.

Xa se ve o rebumbio que levanta o tropel da Ditadura, achegándose para cercarnos dentro dos seus recios muros: óese cada vez máis forte, marcando o paso, cego, autómata, montada nas botas da parada militar. Outros bigotes espléndidos, sen embargo, resplandecen góticos na historia de homes preclaros, guiados con arte, literarios e suaves no trato, provocando só formigo nas conciencias: o bigotiño de Charles Chaplin, os bigotes espigados de Salvador Dalí que eran de gala.

Toma unhas tesoiras do kit da memoria histórica e curta con ela os bigotes máis puntiagudos, enredados e daniños que, onte, fixéronnos cativos e que aínda, hoxe, séguennos ameazando, desde o seu disimulado letargo, con reenvíos de mensaxes totalitarios nas últimas eleccións europeas. Curta dun tallo os novos brotes de bigotes fascistas, que se medran coa ignorancia, enmascarados detrás de bandeiras, cruces e símbolos, sen coñeceren o seu significado, arróxaos ao fogón, para que participen do crisol purificador de Hades e, se careces do elemento rexenerador, bótaos ao inodoro.

Toma o estropallo e mailo deterxente da memoria histórica e borra as esvásticas dos novos cachorros tatuados, mozos ágrafos, obxectores ao pensamento, aos libros e mais á historia, magister vitae. Mocidade desprotexida dos virus –vermes troianos– replicándose , clónicos, xenófobos, invadindo, con cantos de sirena, as súas cabezas baleiras, reprogramadas para tronar mensaxes anacrónicas, enarborando non sei que bandeiras, co fin de desturbar e profana-las ágoras democráticas.

Tira da cadea, estaos esperando Caronte coa súa barca, para conducilos á outra beira, onde serán formateados. Xa nos humillaron noutras épocas; hoxe, felizmente superadas.