xoves, 2 de xullo de 2009

BIGOTES CON XOFRE


Publicado, vai xa unha puñada de anos, no FARO DE VIGO.

 Nas últimas semanas, están amosando, na prensa nacional, unha manchea variada de alcumes con moita correa: 'O Albondiguilla', 'O Patillas', 'O Rata', 'O Cabrón', 'O Prior', 'O Curiña', 'O Mamón', 'O Bigotes'... o tema dos sobrenomes, aos galegos, non nos estraña demasiado, pois moitos de nós estamos rebautizados, disculpando, polos veciños como 'O Cabrito', 'O Moucho, 'O Escachapiollos', 'O Regalado', 'O Labareda, 'A Pecado mortal', 'O Milhomes', 'O Queridiño', 'O Miraceo' e mais outros alcumes deste xeito de ser: hai alcumes que forman sagas, herdados dos nosos devanceiros ás futuras xeracións.

     Repousado na cadeira de brazos, co ordenador prendido, deixeime levar polo maxín, mentres lembraba a miña mocidade na que presumín de estilo en atusar o meu poboado bigote, sen ser consciente da irreverencia estética nin de poderme axustar ao canon de beleza que emana do equilibrio e da harmonía.

      –Por que deixas medrar ese bigote tan feo, que pareces un bolchevique? –Preguntoume un día, o meu pai–. A verdade é que, tan enraizado estivo en min, e nos meus, que me sentín como espido e indefenso, aquela mañá que me levantei da cama coa firme decisión de cortarmo, o bigote. Pero, de todos é ben sabido que os mostachos non son todos iguais.

     Entre as categorías de bigotes, atópanse: o natural, estilo Dalí, o imperial, o húngaro e mais o estilo inglés, moi propio como complemento para un traxe da firma Milano. Logo de botar unha ollada aos bigotes que máis pegada deixaron nos libros de historia, algúns se mostran nos almanaques afiados como púas, chulos, incultos, estreitos de miras, enfrontados cos poetas indefensos, que cantan, de cara e corpo libre, poemas que debuxan, coas palabras, caligramas de pombas da paz voando libres; debuxos de rimas de papaventos, soltos de bridas, seguidas pola ollada dun neno, marabillado, como van subindo ó ceo, paseniño, gañando rango no ar, ó lonxe, xa fuxidíos.

     Bigotiños ridículos -como borranchos negros- nas caras duras de homes pequenos, que foron grandes ditadores. Mostachos militares, os de Bismark cheiraban a pólvora, tronando arcabuces contra o suave murmurio de ramas, de follas e das flores, apagando o rumor de cores dos poetas que enmudeceron as súas rimas, cantigas de reiseñores, cubrindo de néboa con bochorno, o día; e de tronos, con tormenta, a noite.

     Xa se escoita o rebumbio que levanta o tropel da Ditadura, achegándose para cercarnos dentro dos seus recios muros: óese cada vez máis forte, marcando o paso, cego, autómata, montada nas botas da parada militar. Outros bigotes espléndidos, sen embargo, resplandecen góticos na historia de homes preclaros, guiados con arte, literarios e suaves no trato, provocando só formigo nas conciencias: o bigotiño de Charles Chaplin, os bigotes espigados de Salvador Dalí que eran de 'gala'.

     Toma unhas tesoiras do kit da memoria histórica e curta con ela os bigotes máis puntiagudos, enredados e daniños que, onte, fixéronnos cativos e que aínda, hoxe, séguennos ameazando, desde o seu disimulado letargo, con reenvíos de mensaxes totalitarios nas últimas eleccións europeas. Rebana dun tallo os novos brotes de bigotes fascistas, que se medran coa ignorancia, enmascarados detrás de bandeiras, cruces e símbolos, sen coñeceren o seu significado, arróxaos ao fogón, para que participen do crisol purificador de Hades e, se careces do elemento rexenerador, bótaos ao inodoro.

     Toma o estropallo e mailo deterxente da memoria histórica e borra as esvásticas dos novos cachorros tatuados, mozos ágrafos, obxectores ao pensamento, aos libros e mais á historia, magister vitae. Mocidade desprotexida dos virus –vermes troianos– replicándose , clónicos, xenófobos, invadindo, con cantos de sirena, as súas cabezas baleiras, reprogramadas para tronar mensaxes anacrónicas, enarborando non sei que bandeiras, co fin de desturbar e profanar as ágoras democráticas.

Tira da cadea, estaos esperando Caronte coa súa barca, para conducilos á outra banda, onde serán 'formateados'. Xa nos humillaron noutras épocas; hoxe, felizmente superadas.




Ningún comentario: