domingo, 5 de xullo de 2009

A PARTÍCULA DE DEUS

Xornal de Galicia Domingo, 05 Julio, 2009 - 08:51
O home, despois de percorrer longas e escuras eras de vida na terra, sobrevivindo, mal como puido, ó frío e depredadores, chegou, por fin, a gozar, a corpo de rei, dunha polis con auga corrente nas ágoras e acudindo ó teatro á tardiña, cando o sol ía baixando as orellas.

Coa especialización do traballo, dispuxo de tempo de lecer para o desenrolo das artes e inventar a democracia; e mesmo, para escoitar o seu interior, mentres ollaba deitado cara ó ceo nas noites claras do sur, noites de luar, curioso e marabillado polos debuxos das constelación que están a coroar a bóveda do firmamento, fabulando como lle habería de levantae as enaguas á lúa que lle estaba a chiscar o ollo, engaiolado como Sabina cantando rimas no barrio das letras de Madrid dos Austrias, e por seguir as rutas das estrelas fuxidías que o chamaban como sereas cativadoras, inducido a navegar a odisea do espazo infinito nun carro de prata turrado por catro pegasos, berrando a cada pouco, mentres estaba a recorrer camiños de luceiros: ai, hoooo...-! hai alguén aí...?

   Mailas preguntas dos filósofos, amantes da Sabedoría, ousadas criaturas, non atoparon interlocutor por ningures: quixeron interrogar isto e mais aquilo, perturbando o equilibrio do espazo absoluto, coma se guindaren unha pedra á quietude dun lago que, de cotío, protesta sacudíndose nunha serie de ondas, espalladas en círculos concéntricos sucesivos, devolvendo a pregunta á orela, por mor de quedaren o ceo e mailas augas que emanan del, de novo, sosegadas.

   Entón, xurdiron as teorías filosóficas, na procura da orixe ou principio da materia: que si o fogo, que si a auga, o ar, o átomo; daquela, outros sabios, máis prudentes non deron creto a ningunha delas: "Canto máis sei, máis ignoro; só sei que non sei nada" -dicían os agnósticos.

   Foron os poetas, como Homero, os que souberon glosar os mitos para dar saída ás inquietudes do ser humano; respostas que, malia de naceren cun selo máxico, cubrían, por entón, as inquietudes intelectuais do pobo heleno, na procura dunha explicación total e definitiva da orixe do Universo.

   Nestes tempos  avanzados da ciencia, coas tecnoloxías do século XXI, co Gran Colisionador de Hadróns (LHC), antes o CERN de Genève, coas mellores cabezas das universidades do mundo mundial, financiadas polos países máis ricos do planeta, buscan entre todos a partícula másica, coñecida como bosón de Higgs: enlaces perdidos, ata hoxe partículas escuras que forman o burato negro, que haberían de completaren o modelo estándar da física, ás veces, chamada a partícula de Deus, simulando, co choque de partículas do acelerador de 27 quilómetros de diámetro, eventos ocorridos durante o Big Bang, teoría que intenta dar unha explicación da orixe e expansión do Universo.

   De maneira que, o Principio de todo tanto se pode albiscar no ceo co telescopio espacial Hubble, como esculcando, na terra, o espazo entre os átomos co microscopio Titán Cubed, dado que as pegadas do Creador do Universo, de habelo, están no máis grande e tamén no máis pequeno.

Namentres seguimos nesta procura, unha pancarta segue colgada das puntas das estrelas: Demiurgo, déixate ver, ho...! 

Ningún comentario: