sábado, 2 de outubro de 2010

Festa do Magosto, en San Martiño de Sacardebois

 
Festa do Magosto, en Sacardebois, declarada a mellor festa rachada da contorna. Ofrecemos: unha fogueira de cozos de castiñeiro para quenta-lo campo da festa e poder quecer, bailando, ó seu redor; puñadas de castañas asadas para quenta-las maos e adoza-la boca; orquestra para escoitar, ollar e danzar deixándote levar polos arrolos do mellor tinto da Ribeira do Sil, gratis; chourizos asados ó inferno, quentiños, dentro dun chusco de pan preparados pola Rosita e mais outras mulleres da parroquia de campaneiros e papeiros co gallo de non choraren as barrigas de naturais e foráneos, tamén gratis; e, mesmo, un mangado de apertas a tódalas persoas que veñan a visitarnos á festa do magosto, ó abeiro dunha longa carpa, non se vaian a presentar para afoga-la festa as chuviscadas do outono.

En resumo: lume de cozos de caracochas centenarias, música de orquestra ó compás de fermosas cantantes que bailan, lixeiras, a corpo solto, abano de foguetes de cores que soben ó ceo disipando neboeiros, castañas asadas das últimas pingas chimpadas polo vento, chourizos asados na brasa de cozos de cepas vellas, viño novo de mencía do Outeiro e mais apertas cumpridas que che han de quenta-lo corazón, quizais triste pola caída da folla ou magoado polos pasadíos brotes verdes, xa murchos, da recuperación económica que, segundo parece, nestes lares vai abrollar serodia. Ven ó Magosto de San Martiño de Sacardebois: a mellor terapia para a crise. O día 10 de novembro 2012.


Unha fogueira de cozos,
de caracochas, ardendo.
Festa dos druídas,
é o inicio do inverno.

Estoupan os foguetes,
nos eidos, ermos.
Estoupan as castañas,
na cociña quente de ferro.

Brasas de cozos de cepas vellas,
chourizos asados, lume do inferno.
Viño novo, mencía, das Albeanas,
xerro de Gundivós, espumando, dos cubetos
 



Ningún comentario: