martes, 8 de xuño de 2021

Os 'mulateros' de Vilar de Forcas

A mula, un equino híbrido
Foron os 'mulateros' de Vilar de Forcas (Parada de Sil) a familia dos Prietos, os primeiros destas terras, en venderen mulas do país na Estremadura: este negocio ancestral víñalle á familia dende hai moitos anos, os bisavós xa foran mulateros, disque xudeus conversos, de aí os nomes: Prieto de 'preto', moreno, Benedicto, Baltasar…Outros Prietos, logo, seguiron os seus pasos no negocio das mulas nestas terras de Castilla, como dicían eles. Abofé, que fixeron boa feira.           

O tren, como todo o que ven de Madrid, como agora co AVE, demorou en chegar a Galicia: a liña férrea de Zamora a Ourende aínda tardou máis. Os Prietos, e tantos outros mulateros galegos, mercaban as mulas nas feiras e tamén polas aldeas da montaña e, cando reunían unha reata de trinta a sesenta cabezas entre dous ou tres socios –pais con fillos ou cos cuñados –emprendían a viaxe de varias semanas a Estremadura, camiñando día e noite, atravesando vaos á pé ou ríos crecidos á nado; aguantando a chuvia nos ollos no outono; a xeada, no inverno e mais un sol, sen misericordia, no veráo.  

           De retorno, nas alforxas da cabalgadura, traían pementón, queixo de ovella e de cabra e panos de Béjar para as familias. Coa chegada do tren, os mulateros da bisbarra, coas reatas das cabalerías mercadas, concentrábanse nos lugares non afastados da estación –acostumaban xuntarse en Monterroso, Monforte, San Clodio, A Gudiña– para alugar un vagón ou varios e, logo, emprender a viaxe ata Plasencia, Trujillo, Ibahernando, Navalmoral de la Mata. Nos anos da fame da posguerra, as máis das veces, as mulas vendíanse á fiado.

Na última viaxe, recadaron unhas 50 cabalerías nas serras de Lugo, na feira de Lalín e na comarca de Laza, logo camiñaron en reatas dende Forcas deica a estación do tren de San Clodio para ilas vender a Plasencia, onde se celebraba unha feira de moito carallo: compra e venta de gando de tiro e traballo. As mulas que viñan mancadas do troupeleo do vagón do tren mailas falsas sen domear, que non se venderan na feira, había que levalas camiñando en reatas cara Xaraíz, Garganta de la Olla, Cuacos de Yuste, Jarandilla, Guixo de Santa Bárbara, e tantos outros lugares do val do Jerte que, en todosos lugares, cumprían moito as mulas galegas, das que fala con loas o mesmo don Quixote:

 ...andaban por aquel valle paciendo una manada de hacas galicianas de unos arrieros yangüesesII9, de los cuales es costumbre sestear con su recua en lugares y sitios de yerba y agua, y aquel donde acertó a hallarse don Quijote era muy a propósito de los yangüesesIII... Cap. XV.

Ás veces, despachábase toda a reata nunha soa vila; noutras, vendíanse por parellas. As terras chás de vastas extensións, propias para as sementeiras de cereais de secaño, ou tabaco eran as que empregaban máis cabalerías, como Coria e Malpartida de Plasencia. Non era así na Vera, onde se ían vendendo unha a unha polas portas, pois estas terras de socalcos, con unha soa ou cunha parella por casa, tiñan dabondo.

Ningún comentario: