xoves, 26 de agosto de 2021

San Fiz

San Fiz (Xoán Arco da Vella)
Os ribeiraos miraban como as augas do embalse asolagaban os eidiños das familias, herdados de pais a fillos no percorrer dos tempos, mentres os ollos entornados choraban porfiadas bágoas. En primeiro lugar, a auga cubría as viñas e mailos terreos que había por baixo das casas; logo, comezaba a entrar a auga intrusa nas adegas, no alpendre e nas cortes dos porcos e mais das ovellas; ó día seguinte, xa se deslizaba sinuosa coma unha serpe pola gateira da porta da casa; en poucos días, as augas invasoras ían rubindo polas paredes até as fiestras das alcobas e así, gañando rango, até rematar por cubrir os tellados.

Ó lonxe, só quedaba á vista o viraventos do campanario da capela de San Fiz co seu galo marcando un destino descoñecido: testemuño do que fora antano este lugar e como sinal de aldea desaparecida en aras da voracidade do nomeado progreso.  

A construción do embalse de Santo Estevo, inaugurado por Franco en 1955, cambiou non só a paisaxe da ribeira, senón tamén os modos de vida de moita xente que sufriu o desarraigo coa emigración.

Ningún comentario: