martes, 6 de xullo de 2021

Marta, a cazadora

quedeflores.com

Marta andaría entón polos dez anos, que pasaran nun suspiro dende aquel día de xuntanza familiar para o seu bautizo na Casa de Viana. Una mañá  ergueu cedo á procura de arranxar uns lazos cun barazo que atopara nos caixóns da ferramenta do bisavó: teimaba día e noite en cazar na mesta fraga do Covelo unha garduña, quizais un cachorro de lobo ou aínda que for unha raposiña.   

     

    –A xeito de cebo: 'unhas codelas de touciño...' –matinaba a nena, mentres preparaba unha caxata dunha póla de castiñeiro para percorrer o camiño da Fermiña, inzado de toda clase de bichos e, mesmo, lagartos e cobras.                                               

     Perdida ó seu ar na fraga que hai por riba de Sacardebois, en busca de aventuras, saco ó lombo para apandar cos trofeos que pensaba cobrar co enredo dos lazos: feitos heroicos que logo anotaría no seu caderno de campo. Camiñou con tento polos carreiros practicados polos porcos bravos, e por camiños vellos e solitarios de ferradura que xunguían antano a ribeira coa montaña á procura das pegadas dos animais de caza que andaban ceibes polo monte.    

     Pasadas dúas horas, chorando bágoas por ela, trala busca de acó acolá: coa axuda dos luceiros da aguia da carballeira de Maraván en voo de recoñecemento, a nena volveu ó fogar como tal cousa, coa canseira dun can que retorna da caza, iso si, cargando no ombreiro as pezas pilladas no monte: unha puñada de estalotes, unha caixiña de bolboretas vestidas de cores e mais un grilo cri, cri…!

Ningún comentario: