martes, 7 de xuño de 2011

O señor Isidro de Viana


                                                               O señor Isidro  de Viana

    Na ribeira do Sil, van morrendo os últimos vellos. Certo, non é unha novidade que non saibas. Xente moza de refresco, non hai. Nenos, ningún, xa non se dan neste lugares da Galicia do interior. Memoria de séculos desta bisbarra que se vai esquecendo pouco a pouco. A natureza xorde de novo ó seu ar, briosa, sen cancelas para borrar as lindes dos eidos, cubrindo de maleza as carreozas e camiños vellos; nas aldeas case que non roxe ninguén: en Aguil, dúas vellas e mais un candil xa se dicía por entón; dentro de pouco, as aldeas serán habitadas por fantasmas entre paredes de perpiaño des casas con arraigo de moita fachenda  e mais haberes, hoxe cos tellados abertos a medio derrubar. Quedarán, como testemuñas, os petos de ánimas, nos cruceiros; as capelas, igrexas e cemiterios; os cenobios e mosteiros, que nos falan de tempos gloriosos afundidos nos aluvións do percorrer da historia da Ribeira Sacra.

    A memoria dos devanceiros vaise esquecendo baixo terra, só nomes e datas quedarán anotadas nos libros de defuncións e nas lápidas dos cemiterios das parroquias van quedando a rezaren, silandeiros.

   O loado propósito de recoller a memoria cultural, que se esvaece nesta bisbarra, non pode esperar máis demora, foi por iso que un estudante de Antropoloxía da Universidade de Santiago, Aniceto Miranda, engaiolado coa terra dos avós da parroquia de Forcas, non tivo preguiza en xuntar moreas de testemuños e vivencias in vivo et in situ como bagaxe de recompilación de datos para a documentación da súa futura tese: O libro dos esquecementos da cultura ribeirá.

    Con tal fin, redactou unha misiva ao señor alcalde do Concello de Parada de Sil, berce e corazón da Ribeira Sacra, daquela a súa excelencia don Xosé Ramón Prieto, natural de Vilar de Forcas, co gallo de que algún veciño, dos que adoitaban gastar chaleco e lucir sombreiro de pano no Concello, lle achegara polo miúdo información de tales esquecementos culturais da Ribeira Sacra.

    Don Isidro Prieto Pérez, señor de Viana, medrado co agarimo de nai, de avós, do pai e seis irmás, home singular, con perfil de arestas asimétricas que configuran a contorna da súa singular personalidade, doutorado in curriculo vitae, honoris causa, á sazón Xuíz de Paz do Concello, tío do alcalde devandito, casado con muller vinculeira, criada entre algodóns, de casa con moita fachenda e haberes, a quen lle encargou sete fillos que logo mandou a Ourense e Vigo a estudaren carreira, empresario do primeiro cine de Plasencia, con amigos de alto copete na Audiencia de Ourense, conselleiro e avogado de pobres, paisanos do concello e foráneos, ós que tiña a ben recibir os domingos deitado na cama, coma un patriarca, antes de erguer devagar para a misa dominical: uns acudían á consulta por causa dunha navallada que recibira nunha festa por facerlle as beiras a unha rapaza comprometida; outros polos marcos dunha linde dunha leira da montaña que camiñaran de noite dous metros cara dentro; que se un paso de servidume; que se unha colmea de abellas, as cales rabiosas picaron a un veciño no cocote e mais na faciana, quedando debuxado coma un cristo nazareno, dispensando; porque se lle fora a mao e lle rompera as costas a un veciño da Palela, arreándolle cun rastro de arrincar o esterco, o moi animal, por saltarlle unha vaca a sebe e estragarlle a horta de coias que plantara trala arrinca das patacas, a moi lambona; que se un mozo de permiso da mili con fame de aloumiños deixara preñe a unha rapaza que se deixara levar na palleira e como resultas do pecado da carne, o coitado rapaz non atinaba por onde tirar, se acudir á igrexa vestido de paxaro bobo  ou voar como un cuco a poñer os ovos noutros niños alleos en terras de lonxe, e así. A cadaquén, o seu consello e resposta axeitada, tendo en conta as recomendacións, costumes, leis e pasos a seguir en cada caso. Uns pagaban o favor, vindo ó xornal gratis a cavar as viñas; outros, contentábanse con traer unha caixa de habanos; os máis listos e agradecidos, co inicio dunha relación de amigos.

    De cando mozo, bregado nas andainas coas reatas de mulas por terras de Castela, Isidro, mozo aguerrido e gallardo montado no seu cabalo alazán, empoleirado nun aparello novo de montar do trinque con reberetes dourados, regalo do seu avó, manta de Zamora sobre as pernas, con arrestos nas esporas para domear a besta, ós xornaleiros e á toda rapazada que enchían a casa, todo el feito un cabrito, chulo coma un oito, era admirado por mulleres que lucían medias de cristal e tacón fino, armado de pistolón de novo largo na alforxa da primeira mula da reata, baixando do alto do Piornal cara Monterroso en terras de Estremadura, loitando cos salteadores de camiños na época dos maquis e da fame, seguidor coa tarefa da familia dos Prietos de Vilar, os cales, xeración tras xeración, pasaron de ferreiros a vendedores de panos e mulateros, escalazados nos vagóns do tren de mercancías co negocio das mulas, cansos de percorrer camiños perigosos e solitarios, acostumados en buscaren o choio onde houber, sentíndose eles xente rara, vistos polos demais como tratantes de baixa catadura, con cartos no peto, iso si, porén desintegrados e illados dos círculos da sociedade, vivindo arredados como os afiadores que se acochaban tralo barallete.

    En resumo, o clan dos Prietos, primos dos Pretos de Portugal, descendentes dos que foran expulsados e perseguidos polos Reis Católicos, toda unha recua de xudeus conversos…, dispensando. Así que, Isidro Prieto de Celeirós e cuñado de Benedito de Vilar de Forcas, casado en Viana, home de moita parola que levaba a voz cantante nos velorios, na mesa os días de festa, no coche de liña, nas destilas á carón do pote, botando unha brisca de seis, menciñeiro da escola de meigas de Celeirós onde aprendera a curar os pezuños infectados dunha vaca con só cortarlle a contorna do terrón onde pisara e esperar a que secara a herba do mesmo posto ó sol no alto dunha parede, home coa cultura de costumes de acó e de acolá, traballador, listo, amigo dos amigos, esixente cos subordinados, aínda que pouco disciplinado consigo mesmo, recibiu do seu sobriño de Vilar, daquela alcalde, a encomenda en dar forma ó informe dos esquecementos da terra de Caldelas.

   Con tal propósito, ó anoitecer armado de lapis e papel, sentou na galería que mira ó Sil, perdendo a ollada dos seus ollos chispos por terras de Amandi, mentres se bambeaba na randeeira calado coma un moucho, na procura de pescar algún recordo de tempos esvaecidos. Mailos esquecementos, fieis á esencia do seu ser, teimaban en seguiren acochados por baixo das capas da memoria, ancorados no pasado sen querer aboiar á superficie da conciencia.

    Magoado por se lle ir o santo ó ceo, abriu o paquete de caldo de galiña e dispúxose a lear un pito, pegou o papel coa punta da lingua, achegoulle a mecha ó chisqueiro, chiscou coa man e prendeu un pito coa cerimonia que era de seu. Agardou un chisco mentres se coroaba a cachola de fumaredas sucesivas para se refrescar e avivar a memoria.

    Sosegado na cadeira, intentou acordar outra vez, mergullando cara dentro para remexer no fondo do subconsciente. Así che estivo un anaco perdido nos biosbardos ata que o lume do pito, a piques de se consumir, lle feriu a pel dos dedos, ai! espertou, mais nada, tabula rasa, non recordaba ningún esquecemento. Así continuou aínda outro bocado bambeándose na randeeira até quedar trasposto, adormecido nunha nube de sensacións de fume, reais e saídas do maxín, pasadas e presentes, todas mesturadas nun caldo de vapores rebulindo no caletre.


O novel investigador recibiu o informe, Os esquecementos da cultura ribeirá, coas follas en branco. O universitario nunca chegou a doutor, non por causa do señor Isidro, o meu pai, que era un pozo cheo de sabedoría e memoria, que Deus o teña na gloria. Abofé, que o rapaz non acertou a tirarlle da lingua coa pregunta dos esquecementos: un erro na presentación e na derrota do plan a seguir da tese que non podería chegar a bo porto de doutor. 


2 comentarios:

Amador Gomez Gomez dixo...

El discurso narrativo tiene mucha profundidad. Toca cada uno de los sentidos, sumergiéndolo a uno en esas vivencias de los pueblos de antaño en los cuales nací y en donde viví mi niñez. Admiro tu trabajo.
Amador Gòmez Gòmez

Anónimo dixo...

“ Xenio e figura” o Sr. Isidro de Viana!!