O señor Isidro de Viana
Na ribeira do Sil, van morrendo os últimos vellos. Certo, non é unha novidade que non saibas. Xente moza de refresco, non hai. Nenos, ningún, xa non se dan neste lugares da Galicia do interior. Memoria de séculos desta bisbarra que se vai esquecendo pouco a pouco. A natureza xorde de novo ó seu ar, briosa, sen cancelas para borrar as lindes dos eidos, cubrindo de maleza as carreozas e camiños vellos; nas aldeas case que non roxe ninguén: en Aguil, dúas vellas e mais un candil xa se dicía por entón; dentro de pouco, as aldeas serán habitadas por fantasmas entre paredes de perpiaño des casas con arraigo de moita fachenda e mais haberes, hoxe cos tellados abertos a medio derrubar. Quedarán, como testemuñas, os petos de ánimas, nos cruceiros; as capelas, igrexas e cemiterios; os cenobios e mosteiros, que nos falan de tempos gloriosos afundidos nos aluvións do percorrer da historia da Ribeira Sacra.
Na ribeira do Sil, van morrendo os últimos vellos. Certo, non é unha novidade que non saibas. Xente moza de refresco, non hai. Nenos, ningún, xa non se dan neste lugares da Galicia do interior. Memoria de séculos desta bisbarra que se vai esquecendo pouco a pouco. A natureza xorde de novo ó seu ar, briosa, sen cancelas para borrar as lindes dos eidos, cubrindo de maleza as carreozas e camiños vellos; nas aldeas case que non roxe ninguén: en Aguil, dúas vellas e mais un candil xa se dicía por entón; dentro de pouco, as aldeas serán habitadas por fantasmas entre paredes de perpiaño des casas con arraigo de moita fachenda e mais haberes, hoxe cos tellados abertos a medio derrubar. Quedarán, como testemuñas, os petos de ánimas, nos cruceiros; as capelas, igrexas e cemiterios; os cenobios e mosteiros, que nos falan de tempos gloriosos afundidos nos aluvións do percorrer da historia da Ribeira Sacra.
A
memoria dos devanceiros vaise esquecendo baixo terra, só nomes e datas quedarán
anotadas nos libros de defuncións e nas lápidas dos cemiterios das parroquias
van quedando a rezaren, silandeiros.
O loado
propósito de recoller a memoria cultural, que se esvaece nesta bisbarra, non
pode esperar máis demora, foi por iso que un estudante de Antropoloxía da
Universidade de Santiago, Aniceto Miranda, engaiolado coa terra dos avós da
parroquia de Forcas, non tivo preguiza en xuntar moreas de testemuños e vivencias in
vivo et in situ como bagaxe de recompilación de datos para a
documentación da súa futura tese: O libro dos esquecementos da cultura
ribeirá.
Con tal
fin, redactou unha misiva ao señor alcalde do Concello de Parada de Sil, berce
e corazón da Ribeira Sacra, daquela a súa excelencia don Xosé Ramón Prieto,
natural de Vilar de Forcas, co gallo de que algún veciño, dos que adoitaban
gastar chaleco e lucir sombreiro de pano no Concello, lle achegara polo miúdo
información de tales esquecementos culturais da Ribeira Sacra.
Don
Isidro Prieto Pérez, señor de Viana, medrado co agarimo de nai, de avós, do pai
e seis irmás, home singular, con perfil de arestas asimétricas que configuran a
contorna da súa singular personalidade, doutorado in curriculo vitae,
honoris causa, á sazón Xuíz de Paz do Concello, tío do alcalde devandito,
casado con muller vinculeira, criada entre algodóns, de casa con moita fachenda
e haberes, a quen lle encargou sete fillos que logo mandou a Ourense e Vigo a
estudaren carreira, empresario do primeiro cine de Plasencia, con amigos de
alto copete na Audiencia de Ourense, conselleiro e avogado de pobres, paisanos
do concello e foráneos, ós que tiña a ben recibir os domingos deitado na cama,
coma un patriarca, antes de erguer devagar para a misa dominical: uns acudían á
consulta por causa dunha navallada que recibira nunha festa por facerlle as
beiras a unha rapaza comprometida; outros polos marcos dunha linde dunha leira
da montaña que camiñaran de noite dous metros cara dentro; que se un paso de
servidume; que se unha colmea de abellas, as cales rabiosas picaron a un veciño
no cocote e mais na faciana, quedando debuxado coma un cristo nazareno,
dispensando; porque se lle fora a mao e lle rompera as costas a un veciño da
Palela, arreándolle cun rastro de arrincar o esterco, o moi animal, por
saltarlle unha vaca a sebe e estragarlle a horta de coias que plantara trala
arrinca das patacas, a moi lambona; que se un mozo de permiso da mili con fame
de aloumiños deixara preñe a unha rapaza que se deixara levar na palleira e
como resultas do pecado da carne, o coitado rapaz non atinaba por onde tirar,
se acudir á igrexa vestido de paxaro bobo ou voar como un cuco a poñer os
ovos noutros niños alleos en terras de lonxe, e así. A cadaquén, o seu consello
e resposta axeitada, tendo en conta as recomendacións, costumes, leis e pasos a
seguir en cada caso. Uns pagaban o favor, vindo ó xornal gratis a cavar as
viñas; outros, contentábanse con traer unha caixa de habanos; os máis listos e
agradecidos, co inicio dunha relación de amigos.
De cando
mozo, bregado nas andainas coas reatas de mulas por terras de Castela, Isidro,
mozo aguerrido e gallardo montado no seu cabalo alazán, empoleirado nun
aparello novo de montar do trinque con reberetes dourados, regalo do seu avó,
manta de Zamora sobre as pernas, con arrestos nas esporas para domear a besta,
ós xornaleiros e á toda rapazada que enchían a casa, todo el feito un cabrito,
chulo coma un oito, era admirado por mulleres que lucían medias de cristal e
tacón fino, armado de pistolón de novo largo na alforxa da primeira mula da
reata, baixando do alto do Piornal cara Monterroso en terras de Estremadura,
loitando cos salteadores de camiños na época dos maquis e da fame, seguidor coa
tarefa da familia dos Prietos de Vilar, os cales, xeración tras xeración,
pasaron de ferreiros a vendedores de panos e mulateros, escalazados nos vagóns
do tren de mercancías co negocio das mulas, cansos de percorrer camiños
perigosos e solitarios, acostumados en buscaren o choio onde houber, sentíndose
eles xente rara, vistos polos demais como tratantes de baixa catadura, con
cartos no peto, iso si, porén desintegrados e illados dos círculos da
sociedade, vivindo arredados como os afiadores que se acochaban tralo
barallete.
En
resumo, o clan dos Prietos, primos dos Pretos de Portugal, descendentes dos que
foran expulsados e perseguidos polos Reis Católicos, toda unha recua de xudeus
conversos…, dispensando. Así que, Isidro Prieto de Celeirós e cuñado de
Benedito de Vilar de Forcas, casado en Viana, home de moita parola que levaba a
voz cantante nos velorios, na mesa os días de festa, no coche de liña, nas
destilas á carón do pote, botando unha brisca de seis, menciñeiro da escola de
meigas de Celeirós onde aprendera a curar os pezuños infectados dunha vaca con
só cortarlle a contorna do terrón onde pisara e esperar a que secara a herba do
mesmo posto ó sol no alto dunha parede, home coa cultura de costumes de acó e
de acolá, traballador, listo, amigo dos amigos, esixente cos subordinados,
aínda que pouco disciplinado consigo mesmo, recibiu do seu sobriño de Vilar,
daquela alcalde, a encomenda en dar forma ó informe dos esquecementos da terra
de Caldelas.
Con tal
propósito, ó anoitecer armado de lapis e papel, sentou na galería que mira ó
Sil, perdendo a ollada dos seus ollos chispos por terras de Amandi, mentres se
bambeaba na randeeira calado coma un moucho, na procura de pescar algún recordo
de tempos esvaecidos. Mailos esquecementos, fieis á esencia do seu ser,
teimaban en seguiren acochados por baixo das capas da memoria, ancorados no
pasado sen querer aboiar á superficie da conciencia.
Magoado
por se lle ir o santo ó ceo, abriu o paquete de caldo de galiña e dispúxose a
lear un pito, pegou o papel coa punta da lingua, achegoulle a mecha ó
chisqueiro, chiscou coa man e prendeu un pito coa cerimonia que era de seu.
Agardou un chisco mentres se coroaba a cachola de fumaredas sucesivas para se
refrescar e avivar a memoria.
Sosegado
na cadeira, intentou acordar outra vez, mergullando cara dentro para remexer no
fondo do subconsciente. Así che estivo un anaco perdido nos biosbardos ata que
o lume do pito, a piques de se consumir, lle feriu a pel dos dedos, ai!
espertou, mais nada, tabula rasa, non recordaba ningún
esquecemento. Así continuou aínda outro bocado bambeándose na randeeira até
quedar trasposto, adormecido nunha nube de sensacións de fume, reais e saídas
do maxín, pasadas e presentes, todas mesturadas nun caldo de vapores rebulindo
no caletre.
O novel
investigador recibiu o informe, Os esquecementos da cultura ribeirá,
coas follas en branco. O universitario nunca chegou a doutor, non por causa do
señor Isidro, o meu pai, que era un pozo cheo de sabedoría e memoria, que Deus
o teña na gloria. Abofé, que o rapaz non acertou a tirarlle da lingua coa
pregunta dos esquecementos: un erro na presentación e na derrota do plan a
seguir da tese que non podería chegar a bo porto de doutor.
2 comentarios:
El discurso narrativo tiene mucha profundidad. Toca cada uno de los sentidos, sumergiéndolo a uno en esas vivencias de los pueblos de antaño en los cuales nací y en donde viví mi niñez. Admiro tu trabajo.
Amador Gòmez Gòmez
“ Xenio e figura” o Sr. Isidro de Viana!!
Publicar un comentario