sábado, 6 de febreiro de 2010

Vacas de cores, La Región


Un rebaño de vacas multicolores estiveron a pacer nos eidos de Gallardón. Foron baixando, preguiceiras, dende o alto da Serra de Guadarrama, pola calzada romana, ata a Pradera de San Isidro e, logo, ocuparon as rúas, prazas e bulevares do corazón de Madrid, atraídas pola música da cidade: se trataba dunha concentración bovina, a ‘Cow Parade’.

Os pequerrechos de chupete, á xeito de cores do arco da vella de terras de lonxe: estes catro, brancos coma leite; con ollos resgados, estoutros marelos; mereniños de Machu Pichu, dous; crioulos e mais negros coma un tizón do lume, aqueles. Todos, alegres e rebuldeiros, lle están a tirar dos tetos a Albertina Pinturina na Praza de Lavapés, barrio multirracial de Madrid; a Vaca Paca de Recoletos, católica ela, xa perdeu os aros das orellas e non vai estar guapa para ver ó Cardeal Rouco, na próxima concentración de reafirmación católica; a Vaca Fotógrafa, está a recibir unha manchea de instantáneas dos paseantes pola Porta do Sol, recibiendo máis loas cá presidenta da Casa de Correos, que din que é a Marquesa do curral do PP.

Na Praza Cibeles, os nenos, máis medrados, que baixan do Retiro, empoléiranse encima do carrelo da vaca ‘Milk on the rocks’, que da leite frío, moi propio para os veráns de Madrid, e xogan a conducila agarrados ó guiador dos cornos, mentres a deusa pera, acostumada a tantas troulas e festexos merengues, sorrindo dende o alto do seu trono, os está a vixiar con ollos de avoa compracente.

Á vaca Mu, plantada no eido de Lavapés, uns vándalos escacharonlle unha pata, se a vaca dicir nin muk, e seica que querían marchar con ela como botín da falcatruada, mais, nese intre, soou a muuulancia de Samuuu do Hospial de Vacas. Entón, a vaca, alporizada polas luces chiscando intermitencais e mailos ouveos teimosos da sirena da urxencia bovina, espertou, cobrando vida e saltando da peaña para desaparecer nun amén, correndo a pata coxa, polas angostas ruas do Madrid do Astruas.

Logo a vaca Mu dis que entrara nun bazar chino de todo a 1 euro, como un elefante nun comercio de louza, aínda que, inesperadamente, o chino, mandarín da tenda, saíu coas mans implorando ó ceo, dan do garzas, sen preocuparse polo estrago, dado que unha vaca veña a petar na súa porta dous días despois dos festexos do ano novo chino en honor ó boi, viña a considerar este feito inaudito coma unha chiscadela do ceo que lle prometía un gran porvir cos negocios da quincalla china nestes tempos de crise e de vacas fracas.

Os poucos, arribou a muuulancia de urxencia bovina. Entarron dous gandeiros na tenda, na procura da vaca tripédica, ataviados coma enfermeiros, con boina, polainas, luvas e todo, trincaron á vaca nun recanto do bazar, medironlle o corpo coa aguilalda, mentres lle estaban a berrar unha fileria de carallos, pois seica que os funcionarios debíanche ser da Cabeza da Meda de Ourense, de onde viñeran doutorados e continuaban a usa-los tecnicismos propios da arte de ara-las leiras coa parella de vacas: ou,m vaca vén, to, eiii, carallo!

Ningún comentario: