mércores, 29 de decembro de 2010

A mula

                                                     Debuxo de Eduardo A. Prieto González

Unha noitiña de xuño, despois de regar as patacas na Cortiña do Val, de volta cara á casa subindo pola carrioza do Sagrado, díxome o pai: “Mañá cedo, ti e mais a Tilde coas vacas cara Caborriba, pois na ribeira coa calor que vai as corgas están esgotadas e, mesmo, os  pasteiros máis frescos xa van ben lambidos…”

     Noutra pousa, o pai volveu co tema: “Recadádeas, como podades, noutra banda do regato de Senra que fende o lameiro polo medio, que está na sombría e non hai tantas moscas; e mais na poula, ó baixaren as calores, pódense entreter en triscaren uces e xestas que xa están agromadas; tornade de non cruzaren o regato, non vaian a pisaren a herba, que hai que subir cós homes a segala un día que cadre de bo tempo… e non vos montedes na mula!, que pode haber unha desgraza na casa!” –díxonos o pai, erguendo a súas poboadas cellas para mirarnos coa luz dos seus ollos, chispos.

     A mai seguía na cociña, a bater os ovos, para arranxárnos a merenda; axiña, baixamos á corte: ao renxer a porta, a mula ventounos decontado, botándose a rir cunha risiña falsa, rinchando os dentes, coas orellas agudas, ergueitas cara arriba coma puntas de coitelo. Non era de fiar, a pillabana. Axiña a tomamos das rendas pra abeberala na pía, con tento e cós ollos ben abertos non sexa o demo de arrearnos unhas couces, así polas boas, gratis coma quen se espriguiza do leito: abofé, tiñas que vela camiñando a paso lento, elegante, coas ferraduras novas que lle arranxara o Serxio, o ferreiro de Celeirós, arrincando chispas co seu paso metálico nas pedras do patio, que en tempos dos devanceiros seica serviran de chan no muíño de auga do regato de Maraván.

     As papas xa están a arrefriaren na mesa, ide vindo! –berrounos a mai dende a cociña. Entramos correndo, que camiñar a pé pousado era cousa de vellos; logo, sentamos ao redor da longa mesa de mármore cós outros irmaos que escolleran os mellores sitios (os pais tiveran catro nenos, completando a rapazada con tres raparigas: a min tocoume xogar có número 7 ). Comezamos a faena afuracando as papas de fariña milla: cós xogos de rir e soprar, de soprar e rir, salpicándonos o nariz coas papas que saían queimando nos sete pratos de porcelana como volcáns que fumegaban en erupción, que se irían apagando pouco a pouco co leite fresco tras quedar ó resío da noite nun recanto da fiestra do comedor de fóra, a salvo dos ratos e dos gatos. Logo, había que rematar a faena coa culler, comezando polos beirís, ó redor do prato, onde antes as papas de fariña milla perdían as calores.

     No breve tempo dun kiquirikííííí... dun galo, os pratos fondos quedaron lambidos. Co corpo quente, a barriga preñe de papas, ollando as biqueiras das chanquiñas escaleiras abaixo para ir soltando de cadeas á facenda e arrearnos con ela cara á montaña: pronto empezaron a repenicaren as chocas polo camiño real cara arriba que daba gusto escoitar a música co seu tintineo de chocas e esquilas. Nós, ó final da procesión, espreguizábamos ás vacas máis vellas coa aguillada, as cales, pola canseira dos anos, andaban coa parsimonia que era de seu polo camiño de carro que xungue a ribeira do Sil coa montaña que vai dende Forcas a Espiñas.

    O pai madrugara aquel día. Despois da parva, encamiñouse cós homes á xeira da escaravella nas viñas de Trabazos. A mai a debullar as patacas: cachelos arranxadas con iscos para a comida do mediodía. Os miúdos coa facenda para a montaña; os rapaces máis medrados, que xa ían presumindo de bigote, a xuntaren a herba no lameiro do Cabildo; as outras tres rapazas coas uñas afeadas arrincando beldros das patacas da cortiña do Val: cadaquén ó seu, que cousa feita xa non metería présa.

     Tan pronto como dobramos o camiño no Rouso, achegámos a mula a unha parede, co gallo de empoleirarnos encima dela. A Tilde sentou detrás, a pelo nas ancas, como facían noutros tempos os indios navallas; eu, adiante. Agarrei o ramal e ordeneille: 'Arre, arre, mula, que podes ben'! Pero, a condenada da Teófila quedou pegada ó chan, sen cantearse do sitio. Despois dun chisco, mirándonos de esguello, coa man dianteira deu un couce nas pedras do camiño para meternos medo no corpo. 'Arre, mula, arre...'! Volvín de novo, medio anoxado, ó tempo de apertarlle nas costelas co fin de esporeala coas chancas, que estreara só había uns días, ferradas con tódolos cravos que aínda non perderan ningún: antes de acochar na cama, gustábame contarlle os cravos: de perder algún, non había xeito de entrar no sono pola rabia que entraba, matinando en remachar o asunto dos cravos das chancas: abofé, perder un cravo das chanquiñas novas... como se me sacaran un dente.

     A Teo, sen mover as mans dianteiras, soltou dous tremendos couces coas patas traseiras que, malia de se perderen no ar, coa inercia do impulso a miña irmá veuse encima de min, chimpándonos a ámbolos dous ó chan. A mula ollounos de esguello un bocado, seria, pero logo botouse a rir, cos belfos regañados para amosarnos os seus dentes brancos de catro anos e facer chufa de nós, baixando e subindo a cabeza repetidas veces, ollándonos alí derrubados no chan do camiño tan pobres e desvalidos que nos podía esmagar coas ferraduras como a dúas miocas indefensas.

     Emporiso che digo non tivemos outro remedio que subir a petada a pé: aquela mula, que viñera mercada da serra que coroa a Santiago de Medorra, para manexala cumpría un libro de instrucións, coidaba eu por entón, e por iso se librara da andaina coa reata de mulas galegas polas feiras, e casas con fachenda, en terras de lonxe de Ibernando, alá na Estremadura.

A miña irmá andaría polos nove anos; eu non sumaba tantos. 

Ningún comentario: