FARO DE VIGO |
escrito por Eduardo Prieto Casares | |
jueves, 15 de octubre de 2009 | |
Como os camiños trillados fan máis doado o camiñar dos que veñen por detrás, esta misiva, quizais, lle poda servir de guía ou de consolo, se vostede é, por acaso, un dos parados desta crise. De ser así, atenda un chisco. Levante a cabeza. Recoméndolle a tranquilidade que é de seu, dada a súa situación.Pode vivir un sen dar golpe? Abofé que si, agora toca de traballaren ós ricos. “Toda a miña vida andei de acó acolá, facendo moitos números bulindo no caletre, indo e vindo do Iném: cando mozo, tocoume a crise enerxética do ´73. Como non había traballo para min, por non ter carreira nin oficio, pasaba o tempo estarricado no sofá, en stand-by, ó abeiro da sopa boba dos meus pais. Logo, xa con pelo en peito, chamoume a Armada, onde me quedei reenganchado algúns anos como axudante de cociña. Foi esta, a cociña, a que me retivo a bordo. Nas primeiras calores dun verán, un amigo da mili, Gallardo, telefonou: “vénte para Benidorm.” E fun. Por entón, con tanto guiri, non faltaba traballo. “De socorrista non fas nada e ligas un montón”, díxome Gallardo, coñecedor do oficio. E así foi: socorrista e mais encargado das hamacas do “Hotel Rincón de Lois.”(Dígolle, polo baixiño, que, de cando en vez, tamén socorría a algunha sueca, engaiolada de min, por ser eu levadiño das falas, mais, por outra banda, lucía uns bíceps de macho ibérico, ben contornados que…). Rematado o verán, viñan as miñas vacacións noutros lugares en festa da Costa Branca. Sabendo, como sabía eu, de se-la xente valenciana moi dada á pólvora, aprendín o oficio de mestre fogueteiro; noutras ocasións, tamén desempeñei o rol de rei mouro nas festas de Alcoy, asegurándome a troula, as cervexas na cantina, a paella e mais un leito limpo. Todo ó cargo do orzamento dos concellos. Xa entrado o outono, cando os días aparecían tristeiros, coma de defuntos, terminaban as festas; entón, pasaba polo Iném a firma-lo paro. Despois, apuntábame os cursos, que me pagaban só por asistir, sabe vostede, e así ata o verán seguinte. Bailando entre trinta a cincuenta anos, quíxenme casar cunha moza, mesmo xeitosiña ela, a Xenerosa, unha boa rapaza de esas que tanto amañan un roto coma un descosido, sabe vostede; despois de vinte anos de relación de si, pero non, pensei para os meus adentros, recordando o sabio consello do meu pai “boi solto ben se lambe,” no vaia se-lo demo de que a Xenerosa lle dea por gastarme os cartos en trapos e me coma a paguiña do Iném. Home precavido vale por dous, cavilei coma un filósofo. Mais,o demo quixo rematarme con esta crise bancaria, retirándome da circulación, véndome na obriga dunha axuda; que mellor que vivir ó acubillo dun fillo, matinei, e para alá enriba me fun. Agora, pois, vou tirando a conta deste fillo, que quixo saber de min, despois de tantos anos, froito daqueles desafogos coas suecas no Rincón de Lois. Agora, con máis 52 anos e menos de 65, sabe vostede, o Iném mándame 420 euros de paguiña. Dereito que me recoñece o Estado de Benestar polos diversos servizos prestados á Patria. Aquí, en Suecia, emprego o tempo en recolle-los netos á saída da escola, pola tarde, claro. Pola mañá, non os achego, porque decotío xea ou neva; hai que coidar dun, que este demo de folerpas deben vir coa gripe A, sospeitei. Na miña vida, madruguei, fiel ó dito non por moito madrugar, amence máis cedo. En resumo. Vostede, aguante, ten. Leu as miñas andainas, non? Xa que logo, aproveite o paro para descansar e folgar. Pousa, home, pousa! que das présas veñen os infartos. Para que tanto traballar, se non vas saír de pobre: que traballen os ricos! Non, si? Dende Estocolmo, Lucio Salgado.” |
Ningún comentario:
Publicar un comentario