venres, 26 de outubro de 2012

O día dos Santos




Magosto, “magus ustus”, festa máxica ao carón dunha gran fogueira, culto á fecundidade; celebración celta de honra á mai terra no equinoccio outonal, o mes noveno do calendario romano; Alfa e mais Omega, disque o nove é o número do home: nove meses cómpren para nacer; nove, para o día dos Santos, festa do “Samhain”, fin do verán; noite de “Halloween” de pantasmas, de ánimas e de fadas. A natureza, esgotada tralo estío, vai pegando no sono, en troques, o maxín está a tecer lendas de tempos pasadíos, na altura do ano na que sopran as ventadas, espindo de follas aos castiñeiros, e disque a parca anda cravuñando a gadaña, para lucila nas danzas da morte, antes de petar nas portas de quen quixer. Tocan a defuntos: o crego tomará os hábitos da néboa que está a suar o río Sil para cantar, axiña, responsos de despedida no sagrado de Sacardebois.

       /Lume con recendo/ fogueira de cozos/de caracochas, ardendo/festa dos druídas/é o inicio do inverno/estoupan os foguetes/ nos eidos ermos … /

     Un vello anda queixoso de que xa non quece, pois o sol, peneirado polas nubes do outono, vén morno; as castañas louras estoupan no fogar, bota de viño novo a medio encher, non lle dan acougo; primeiro, o lume pobre de frouma e de garabullos; por riba, achas fendidas de carballo: leña seca apañada no monte para alimentar a fogueira; festa familiar, a do magosto, de grandes e pequenos na data de San Martiño, día de andaina polo monte de troula cos amigos.

    “Acabáronse as vendimas/ veñen as esfolladas/ para comer coas mozas/ catro castañas asadas”/ –di a copla.

        Maos negras tisnadas de cinsa para deixar de loito a cara de rosa da mociña pola que ten o sentido no aire; en troques, o seu o avó repousa o peso dos anos encima dunha pena, outeando a quietude do eterno fluír do río, lembrando tempos fuxidíos, mentres a fría pedra teima en roerlle o cu, fraco de chicha; paseniño, medindo os pasos coa caxata, retorna de novo ao carón da fogueira que está a recender unha queimada que lle ha de purificar as lembranzas retidas no seu caletre.

        Máis adiante, en San Martiño de Sacardebois, na ribeira de Parada de Sil uno recoñecido contador dos quefaceres da ribeira continúa a recitar unhas sinxelas trobas como resumo da festa rachada do magosto de san Martiño:

             /Brasas de cepas vellas/chourizos ao inferno/viño novo das Albeanas /fresquiño dos cubetos/trala Andaina da Castaña/polos camiños vellos/no corro, corre máis o viño/cá auga do rego /axiña soará a música/cos bailes de achego/estamos na ribeira/onde un se pon cego/comer e beber a eito/como no mosteiro, os cregos/ apertas cumpridas/a todos de San Martiño/ deica o ano que vén/ ídevos indo... devagariño//

mércores, 17 de outubro de 2012

Parada de Sil: a castañeira



De cando neno, as rodas dos últimos carros coas arcas cheas de uvas da vendima esmagaban as primeiras castañas temperás caídas na pista de Barxacova: os soutos limpos, cos arellos arranxados nos lugares ladeiros para reteren as castañas, están a espera de regañaren os ourizos nos soutos da Ribeira.
           Para apañar as castañas hai que dobrar o carrelo, os ourizos pican todos, que non son pementos de Padrón, logo apandar cos sacos á pista máis próxima, as cabalerías desapareceron das carriozas e camiños de ferradura e, por encima, veñen a importunar as chuviscadas do ceo acompañadas de vento rebuldeiro que adoita vir xogar coas saias das mulleres e mais coas follas na altura de tódolos santos.
            Pola noite, é costume asar as castañas na prancha da cociña económica, acompañadas de cerrotes atopados nos soutos, sen esquecernos de amosegalas cunha navalla, que moitas estoupan como petardos. Despois das castañas, regadas co viño novo, un prato de caldo de nabizas abofé que senta ben para quitar a friaxe do corpo, non é?
            As castañas bótanse ás cestas cun ruxido estrepitoso e seco: cómpre ter bo tino para encestalas. As mulleres usan máis o mandil que se baleira directamente no saco. As primeiras en pingaren véndense como Deus manda e, ao cabo do día, dúas ou tres persoas, de andaren lixeiras, poden xuntar uns cartiños constantes e chichantes, que veñen, como as castañas, caídos do ceo; porén, as serodias e as máis ruíns quedarán para cebar aos xabarís, porque xa non se fai a rebusca para secalas no canizo ou no sequeiro:  co lume que vai ardendo de vagar, tempo de contos, de lerias, e de lobos á beira das brasas de tres cozos dun vello castiñeiro. As castañas, xa limpas, metíanse nas arcas de madeira que repousaban no faiado das casas con haberes. Durante todo o ano íanse comendo cocidas, acompañadas de chourizos, morcillas ou con leite. As castañas foron o alimento básico de animais e persoas durante moitos séculos, pois a pataca non veu da América até o século XVI. 
           E resta por dicir que a unidade de medida das castañas era a tega; noutros lugares, o ferrado. Daquela, era frecuente no Concello de Parada de Sil, o troque de produtos da montaña polos da ribeira. Por poñer un caso, unha ola de medida de Gundivós, nova do trinque para o viño, ou para a auga da fonte, podíase trocar por unha ola de castañas da ribeira. E para rematar, a seguinte adiviña que me veu á cabeza, de cando andaba coas vacas no monte: “Alto está, barbas ten e, cando lle dá por rir, perde todo o que ten.” 

domingo, 30 de setembro de 2012

Os Casares de Parada de Sil


‘Casares’ é un apelido de orixe vasca, que en romance vén ser coma se dixéramos un sotobosque, breña ou cousa parecida. A Casa Solar dos ‘Casares’ seica tivo o seu berce no lar de Alza, desto xa medraron os carballos, claro; agora Alza é un barrio de Donostia dotado co ‘Centro Cultural Casares’, en honor a esta familia de avoengo. Disque unha liña destes Casares foi parar a Cantabria, arraigando longos anos na aldea de Toranzo: ao parecer, desta rama montañesa procedemos os Casares de Parada de Sil, a ver como cho explico, sen enredarme nas pólas desta árbore xenealóxica.
 

Francisco Casares figura como tallista-escultor no censo de Ensenada de 1756. Certo. E disque partira de Cantabria cara Parada de Sil co gallo de cubrir a ábsida do Mosteiro de Santa Cristina cun retablo barroco, ao gusto da época, e que tivera casa e lareira en Fondodevila, onde arraigara ao carón do Sil. De Francisco Casares, o noso devanceiro artista, descendemos tódolos Casares de Parada de Sil: José Casares, o xastre que deixa aos veciños feitos un pincel; a súa sobriña, a panadeira, que elabora as mellores bicas da contorna; na ribeira, os da Casa de Viana, e mais outros. (O retablo devandito pódese ollar na igrexa de Sacardebois, grazas ao empeño e bo facer na súa restauración levada a cabo por Helito do Sagrado, artesán e mais ebanista primoroso).  

Outra puntada no perfil dos Casares de Parada: Casimiro Casares,  neto do escultor, foi concelleiro do Concello, cando daquela estaba nas maos dos liberais, con José Gómez de Páramo á cabeza. E resulta que o fillo de don Casimiro, Tomás Casares, médico el, veu na conveniencia de casar coa rapaza de don José Gómez de Páramo, a señorita Ramona Gómez Losada, filla vinculeira da Casa de Viana, así que deste xeito, o apelido ‘Casares’ pasou a intitular a miña liñaxe.

E para rematar o desenrolo do devir da familia Casares, só falta engadir que os nosos devanceiros, víronse implicados na política e na guerra, servindo tanto por mar como por terra ao rei Alfonso VIII, xunto a quen loitaron na batalla de ‘Las Navas de Tolosa’, en 1212. Os anais da época falan de Don Juan e don Pedro Casares que formaban nas filas de Don Diego López de Haro, señor de Biscaia, segundo vén testemuñado no traballo manuscrito de Sebastián Lisazo, titulado: ‘Nobiliario de los Palacios, Casas Solares y linajes nobles de la Muy Leal y Muy Noble provincia de Guipúzcoa’. Nobreza de alma que, con certeza, herdamos tódolos Casares do Concello de Parada de Sil.

Escudo de Armas. Escudo acuartelado: 1º y 4º, en campo de prata, un xabaril de sable andante; 2º y 3º, nun campo de ouro, unha torre de gules. Concello de Parada de Sil, o berce da Ribeira Sacra. 

Loas o meu fillo Eduardo que andou á procura destes datos da liñaxe Casares cos que artellei o artigo que acabas de ler.

xoves, 20 de setembro de 2012

Parados na rede



Dicía un anuncio: “Todo está no Internet, instala o ADSL e non saias da casa a traballar”. Así o fixen. O meu fillo, como está no paro, pasa todo o santo día enganchado ao “TablePC”. E como nesta terra pobre de minifundios da Ribeira Sacra, á beira do Sil, non hai traballo, púxenme a cavilar deitado no leito recordando o conto da leiteira: ‘Vou mirar de mercar unha pequena dorna a ver se pesco unhas troitas, aínda que sexan unhas carpas, no encoro de Santo Estevo, na altura da desembocadura do río Mao, alá no recuncho de Barxacova, onde, ao solpor, dá gusto ollar os peixes brincando a cada pouco, limpando o encoro de mosquitos, e nos con ganiñas de botarlles o guante, e claro como levo tantos anos parado, coa canseira de can no corpo, vaime ir ben o choio da pesca, tantos anos esperando que me chamen do paro, o Inem deixa pegadas no corpo, certo como cho digo, xa entumecido coma un bacallau, porén imos ver, o enredo da pesca é pan comido’, me dixen para os meus adentros.

            Así que, por fin, determinei facer algo de proveito, movéndome deste estancamento: merquei os aparellos da pesca nun chino e encamiñeime cara ao río. Alí permanecín parado coma un estafermo á beira do río todo o santo día a velas vir, e logo volvín outro día, que nos comezos dunha industria ou dun traballo, hai que pór empeño, e así un día tralo outro, co ollo do sol a piques de furarme a tapa dos miolos e de queimarme as poucas neuronas que conservo acendidas, mentres seguían a picarme os malvados vampiros, demoño de mosquitos, obrigándome coa caña a un continuo mobbing de acó acolá, como se tivese o mal do formigo metido nas entrañas. 
  
            ‘A vida é dura, aguanta e espabila, que estás feito un pínfano, me repetía a cada pouco a miña muller que trouxera de cando a mili no C.I.R. de Badajoz’, recordaba todas estas verbas da muller para darme azos para seguir para adiante, mais axiña caín na conta que o traballo, nin este nin estoutro, abofé que non se fixera para min.

             De maneira que unha tardiña, no solpor, ao voltear do río coa cesta baleira, feito un ecce homo, díxenlle ao rapaz: “Dende hoxe, imos trocar os aparellos, eu quedarei na casa a navegar pola rede, seguindo o consello do anuncio da tele e ti irás á procura da vida coa dorna a pescar, que es un mozo, na idade de traballar e mais outras recomendacións de proveito que lle deitei na orella. O rapaz engurrou o cello, mentres refungaba unhas lerias polo baixiño, porén ao final aceptou a proposta. Así o fixemos. Porén, malia que xa pasaron sete días de estar eu enganchado na rede do internet, navegando por mares descoñecidos e turbulentos, só pesquei tres vermes troianos, deixándome a máquina bloqueada cun aviso de que tiña que pagar unha multa de cen euros por navegar seducido por cantos de sereas de mulleres fermosísimas que nunca en outra me vira, mecagoental!
            Por outra banda, o rapaz, véndose na obriga de saír da burbulla do seu cuarto e de respirar o aire fresco que baixa polo Canón do Mao, cos pés torpes dunha longa vida sedentaria, o demo do rapaz esvarou polo valado á beira  do río, quedando enchoupado coma un pito nas augas quedas, ollando o ceo con ollos de peixe. Horas despois, malia ás copiñas de licor café que lle ofrecín para que entrase en calor, aos poucos pescou un arrefriado de moito carallo, o pobre, agora aí está no leito, delirando non sei que proxectos de cara ao futuro. E como as desgrazas non veñen soas, a muller, a Xenerosa, farta das nosas miserias, hoxe fuxiu de nós.

mércores, 19 de setembro de 2012

Sacardebois, Parada de Sil, un país de lerias






Unha estampa de Sacardebois: a familia da Casa de Viana, sete irmaos, todos xubilados.







O programa visita a Ribeira Sacra ourensá, concretamente, a Parada do Sil e preséntanos a Amadeo, que ofrece a súa despensa e a súa adega.
Da man do retranqueiro Alfonso Tellado, aprendemos a cocer a riquísima bica de Parada e coñecemos un xastre dos de antes, de traxes á medida. Ademais, o equipo do programa ten tempo para compartir sobremesa con mulleres e homes sabias/os e retranqueiras/os, xa que sairá repartir cun tendeiro que ten de todo, verá que na terra do viño tamén hai bo gando e mesmo montará en barca. Para ollar o video, pica co rato en Amadeo.