domingo, 3 de xaneiro de 2021

Un escapulario nos cornos

Foto -torbeo.com

Un día de feira no Castro, o 'Queridiño' de Celeirós, concello de A Teixeira, quíxose convidar e darse un aire na vila de Castro Caldelas, así que emparellou o burro e marchou contento e lixeiro polo camiño que baixa ós Vaos cara á aldea de Boazo: na feira do tres de febreiro, estivo cavilando, de si pero non, remexe que remexe nos postos das mercadorías, ollando estoutro e mais aqueloutro, tomando no rueiro o consolo do recendo do “pulpo” dos caldeiros ó pé das cantinas, mentres agarraba os cartiños do peto do pantalón de pana, así de agarrado sen soltar un can arribou ó solpor sen mercar ren, entón decidiu voltear ó seu fogar, aguantando o rebulir dos ratos da fame, inquedos na barriga,  mentres se daba azos e parabéns de home listo e con vontade para rexeitar as tentacións de tirar os cartos como facía aquela xentiña, con menos haberes, porén que rían e bebían, de troula, como se fosen cregos. (Os que non faltaban a comer o pulpo eran os indianos que retornaban das américas cheos de cartos, montaban 'carros' que chamaban 'haigas' grandes como eran as carteiras que lucían invitando os paisanos: estaban como Deus en tódalos sitios onde se celebraban romerías, feiras ou festas: os Milagros, a festa do pulpo de Carballiño...). 

     –Guapo, queres que che bote a boaventura? –tratou de engaiolalo unha cíngara. –“De dúas, pódenche vir outras dúas ou poida ser que perdas unha, dúas, tres e, mesmo, as catro” –díxolle aquela muller meiga.                                                                                                   

Xerardo de Celeirós, rebautizado como 'Queridiño' polos veciños por prosmeiro e agarimoso, ó escoitar aquelas palabras misteriosas de mal agoiro, quedou medio pampo, matinando nas vacas que deixara na corte cos meses cumpridos de pariren dous lindos becerriños que alegrarían os cortellos unha puñada de meses.                                            

     –Cómproche tódolos escapularios, colares de abelorios e mailos rosarios que che colgan do pescozo –díxolle, mentres tentaba coa mao o peto da chambra de pana. A seguir, sacou a relucir dez pesos da carteira que non malgastara en comer, e non chorou en darllos á xitana, polo si ou polo non. Entón, a moza romanesa, agradecida, regaloulle un sorriso de dous dentes de ouro. Á noitiña arribou ó seu lar. Sen pararse a desemparellar o burro, achegouse á beira das vacas preñadas: rascoulles o pescozo, afaloulles con agarimo e colgoulles dos cornos os escapularios da virxe dos Remedios. E axiña, rezou deste xeito:

“Ánimas do purgatorio, haberedes de tornar o mal destas vaquiñas preñadas: ora pro nobis! Fuxide desta corte, cativos meigallos! Fuxide de eiquí demos e trasgos! Mal carallo rebente bruxa acochada en mosca raxada que acoche nesta corte!”    

Logo, agarrou o caldeiro vello de cinc que colgaba dunha estaca e coa frouma dun fachizo salpicou a porta e mailos fachinelos da corte con auga da vida das ninfas lavandeiras da vaira do Conde, no lugar secreto de Reconco e, para rematar o esconxuro, foi á procura dunha ferradura con ferruxe que cravou, con tres golpes de martelo de orellas, tres cravos medianos de pontón, por fóra no corazón da porta. Axiña desta liturxia purificadora, con paso lento subiu os chanzos da escaleira de pedra, enfiou o pasillo da alcoba: entornou a porta, persignouse e, axiña, pegou no sono coma anxo bendito.

Ningún comentario: