mércores, 20 de marzo de 2019


A memoria dos cemiterios, relato 14




                      ____________________________________________                                            
                                     14

                               Faragullas de ourego

“Ourego. Herba olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos chourizos pode levar ourego”. 







A memoria dos cemiterios




O outro antonte, visitei o cemiterio da parroquia de Sacardebois (Parada de Sil). Axiña, fun lendo as lápidas do sagrado, unha ollada de trazos da intrahistoria local,  até ollar en fite unha pequena capela sepulcral de perpiaño que destaca nun recanto, “Propiedade da Casa de Viana”, reza no frontispicio; no seu interior, unha lápida de mármore brando coa memoria dun home finado: Isidro Prieto Pérez (1905-1991). Invocarei a unha fada para que abrolle no seu canto unha flor de cemiterio –me dixen para os meus adentros.
            Así que fun á procura da memoria deste home, achegándome ó concello. “Foille un home da ribeira con moita sona por eiquí –me dixeron– andaba como un carabullo tocado cun sombreiro de pano; desempeñou naquela o cargo de Xuíz de Paz”. Logo, preto da fonte, tres homes entrados en anos da Residencia Luz do Sil, mentres tomaban o sol nun banco, relatáronme pan por pan as andainas que coñecían de oídas.
            “O señor Isidro medrou rodeado de seis irmás e, como resultas de vivir como galo entre tantas galiñas, coido que derivou nun perfil de arestas asimétricas, non daba unha puntada sen nó, dixo un dos vellos que fora xastre. Viñera de Celeirós a casar coa filla vinculeira da Casa de Viana, mediou outro vello: naquela unha casa grande con moita fachenda; unha señorita educada nun colexio de monxas de Monforte, axiña rodeada sete fillos, que parecían o arpexo da escala musical .
            “Non foi un labrego ó uso de entón. Certo. Seica tivera un cine en Plasencia. Adoitaba cuspir moi alto, gabándose de ter amigos de copete na Audiencia de Ourense, polo que lle cadraba ser conselleiro e avogado de pobres, ós que tiña a ben recibir os domingos deitado na cama antes de erguer do leito para asistir á misa.                               
          “Uns acudían á consulta por causa dunha navallada que recibira nunha festa por facerlle as beiras a unha rapaza comprometida; outros, polos marcos dunha leira que se moveran de noite; por causa dun paso dunha servidume ou polo dereito da auga de rega; por unha colmea de abellas á beira dunha canella que foron tralo corpo dunha moza; que se lle fora a man a un tolo nas costas dun veciño, arreándolle cun rastro, por causa dunha vaca lambona que saltara a sebe dunha horta; que si un mozo, axiña de arribar da pesca do bacallau, como xato pechado nun cortello, despois de meses ollando o rebulir das gaivotas, deixara preñe a unha moza e disque o coitado non atinaba por onde tirar: se ir de paxaro bobo cara ó altar ou fuxir voando ceibe a Venezuela coma un cuco a pór os ovos en niño alleo...(o paragrafo anterior está baseado nas actas de conciliación tiradas no lixo, recuperadas para a memoria por un profesor xubilado).              
            “De cando mozo, traballado nas andainas coas reatas de mulas por terras de Castela, Isidro, mozo aguerrido montado no seu cabalo alazán, empoleirado nun aparello novo do trinque con reberetes dourados, manta de Zamora cubríndolle as pernas, con arrestos para domear as bestas, e a quen for, todo el feito un cabrito, chulo coma un oito era admirado por mulleres que lucían medias de cristal e tacón fino.                      
         “Home inquedo, e de moita parola, levaba a voz cantante nos velorios; na mesa, os días de festa; no coche de liña Barreiros, de mañá cara Ourense; nas destilas, á beira do pote, dono da man nas briscas de seis; menciñeiro da escola de meigas de Celeirós: presumía de curar un pezuño infectado dunha res co sol purificador, diferido a un terrón pisado pola vaca: ó secar a herba do terrón cortado, sandaba o pezuño.                        
        “No solpor da súa vida, armado de lapis e papel co gallo de escribir as memorias, sentou na galería que mira ó Sil, perdendo a ollada dos seus ollos chispos por terras de Amandi, mentres se bambeaba na randeeira calado coma un moucho até quedar trasposto, voando nunha nube de sensacións que fai anos levou o vento.

Ningún comentario: