xoves, 10 de xaneiro de 2019

As fillas da caracocha, as bondades do lume




_______________________________________  
                               
                                  5

                    Faragullas de ourego



“Ourego. Herba olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos chourizos pode levar ourego”. 





As bondades do lume




O home antecesor, o noso tataravó, querida Marta, que lle tocou vivir nos albores dos tempos, foi aprendendo a dispor dos recursos que lle brindaba a natureza, daquela inhóspita para un indefenso e desvalido homínido.   
                                                                  
     Mais o Homo Erectus, que foi gañando a verticalidade até plantarse como bípede coas mans ceibes para afiar un óso contra unha pedra ou, mesmo, artellar un coitelo cun cacho de sílex, disque coa avantaxe dun cerebro máis desenvolvido, foi descubrindo novas tecnoloxías, daquela revolucionarias, destacando dous achados decisivos para o porvir da humanidade: o invento da roda e mais o segredo do lume.                          

     Logo, habería de presentarse un home sapiens, fillo da súa nai: un home dual, pirómano e mais bombeiro, contraditorio de si pero non, cordo e mais tolo, humano e mais lobo. Un día de verán, a iso da noitiña, deulle por prender lume ó monte.     

     –Lume...! pegáronlle lume á fraga…!, fumega o monte, arde o monte…! –berra o alcalde pedáneo de Santiago de Medorra, espertando ós veciños que xa moran quedos no sagrado.O monte do Burgo cheira a morto, entre lusco e fusco quedou arrasado, só unhas gallas retorcidas e esgazadas continúan con fume. Axiña, virán as chuvias do outono lavarlle os pés para o enterro: o monte quedará lambido, só unha fea calva de pedras desolada; primeiro, veu o lume e logo choveu do ceo, que mal lle pinta a auga despois do lume ós montes ladeiros da ribeira de Caldelas!   

     Se antonte amosaba espléndido, hoxe está triste e silandeiro: antes presumía de esveltos carballos, acivros de follas espiñosas, frondosos castiñeiros; falcóns peregrinos; raposos nos tobos; sinfonía de chíos de papuxas e paporrubios; divertidos esquíos;  campaíñas de estalotes, frescos morotes; perfume de ourego, loureiro, alegres caraveis… porén, onte veu a Parca co lanzachamas e daquelo tan fermoso xa non che queda nada: calvo, negro e feo, monte queimado, que mal te vexo!            
                    
     Así e todo, o lume, querida Marta, tamén ten as súas bondades: fogueira de San Xoán purificadora; lume de virxes vestais; lume do xamán Maui que baixou do ceo o arte do fogo; lume, bolboretas de namorados: disque o home é fogo e a muller estopa e ven o diaño e sopra; lume de volcáns, morada dos deuses; contos lobeiros ó pé da lareira; fogar de familia romanés en acampada; lume purificador de bacilos nun sanatorio; lume frío no velorio dun ateo; vagalumes no camiño dun descarreirado; fol de zafra que debuxa santos de ferro a golpes de martelo; fumeira dos chourizos nos fungueiros; lume que quenta a barriga do forno; lume preguiceiro que destila augardente de bullo; lume afogado nas toleiras dunha seara; lume de candil de carburo que perfuma o cu da noite; lume de botafumeiro que purifica ós peregrinos; lume dos Fachóns de Castro Caldelas que espanta ós lobos que queiman cos ollos; lume do inferno, divina comedia dos cregos; lume no monte de Venus que apaga a vontade de varudo bombeiro; lume cuspido polo Vesubio que conxelou o quefacer de sosegados pompeianos nun intre da historia.

Ningún comentario: