____________________________________________
1
1
Faragullas de ourego
“Ourego. Herba
olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores
brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos
chourizos pode levar ourego”.
O retorno
Despois de
corenta anos na diáspora, un veciño de Parada de Sil retornou á terra que o
vira nacer co seu deber cumprido. Pasaron moitos anos, Claudia, dende que se
fora, buscando novos aires noutra banda do océano. Hoxe, despois da sobremesa,
está a descansar, rodeado dunha morea de libros, na randeeira da galería que
mira á ribeira do Sil, ó compás do vaivén da memoria, lembrando a primeira
infancia coa nostalxia dun neno desexoso de volver a Arcadia.
Á
tardiña, acompañado do can, Troco,
orfo do Tres, agora á procura dun novo amo, vai indo paseniño, lembrando o
percorrer da súa vida, xa no outono, entre as paredes das canellas e mais polos
camiños vellos por debaixo de Parada por onde case que non roxe ninguén.
–Para,
avó!, tranquilo, que cando enfías o conto pareces un xoguete autómata que non
para até que volve o resorte ó repouso que é de seu, non me cadra que un
indiano viva rodeado de libros –inquiriulle Claudia, a neta máis medrada.
–Don
Antonio foi catedrático nunha recoñecida
universidade de América. Deixa que remate o relato, que son doado a trabucarme,
cando ando a zurcir un conto cos fíos doutros relatos esfiañados, despois da
escolma para mandalos ó prelo.
Escoita... á
beira do camiño, mira os eidos ermos; preto dos regatos, os lameiros, daquela
derregados con primor, hoxe abandonados a mercé dos silveiros: pegadas de
retrincos de vida das aldeas da Ribeira Sacra, feridas de morte polo éxodo
rural, hoxe xa estiñadas. Así e todo, os castiñeiros centenarios continúan
ergueitos cos brazos abertos de alados xigantes vendo pasar o tempo, enchendo
de vida os soutos da ribeira do Sil, cercados con paredes de cantería,
recubertas de perrucas de musgo, e rematadas nun lazo de portelo, obra primorosa
dos mestres canteiros de antano.
De cando en
vez, repousa sentado na tapa dunha parede tirando do fío dos recordos que evocan estes lugares tantas
veces recorridos na nenez: a mesma sensación de Odiseo de volta a Ítaca. Porén,
unha tardiña, no solpor, caeulle a alma ós pés trala ollada do devir do tempo
que dun sopro arrincara as estampas do calendario dos devanceiros que viviron
nestas aldeas: e con elas, cinsa do vento, fóronse apagando os airiños que daban
sentido a estas parroquias do rural en Caldelas...
–Todo
se andará, avó: “A Ribeira Sacra será declarada 'bien de interés cultural (BIC)', Parque Natural de flora e de fauna
autóctona, Reserva da Biosfera, Patrimonio da Humanidade” –engadiu a nena abrindo
o libro de Ciencias da Natureza de 5º de Primaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario