mércores, 10 de setembro de 2014

Un día de vendima



Os carros amosaban arranxados no resío da adega de Viana, construída de perpiaño polos mestres canteiros da contorna en torno ó ano 1700 e pico; parellas de vacas ou de bois postos ó carro: a enerxía animal aplicada á tecnoloxía do medievo, o arado e mais a carreta, mellorada a mulida e a canga ó pescozo (a collera), perdurou deica a segunda metade do século XX nas aldeas do interior de Galicia, adaptada á singularidade da nosa terra: carros preguiceiros e laións cargados, naquela, con arcas de castiñeiro para a carrexa das uvas.             
            No fondo das arcas, unha lámina de auga estaba a inchar a madeira; abofé que, para un neno parecía un feitizo máxico: se unha arca vertía, dálle que dálle coa auga até que afogara sen perder unha gota. Pola contra, na grade dun carro novo de trinque, enxeño artesanal dun fragueiro da montaña, repousaba baleira unha arca de cinc, que tal niño, tal paxariño: tempos aqueles de moita xeira de traballo colectivo nas casas con moitas cavaduras de viña, malia que a terra de minifundios nas abas da Ribeira Sacra, viticultura heroica que se di, nin o máis pintado con aires de cabrito se vía rico, malo será polo traballo e benquerenza trala gancha nas terras ladeiras de Amandi, non é? 

O pai xa metera nas cubas ó neno máis miúdo da casa, cumpría lavalas por dentro, non se fose picar o viño: con dez anos, abofé que lucía eu o corpiño de furón, así que primeiro o pai ergueume empuxando no meu cu, mentres con tento ía metendo os pés calzados coas chanquiñas pola boca da cuba larga; logo, foi na cuba da augardente, que había que fregala devagar para a destila, de onde fun saíndo medio tarambaina, con bolboretas rebulindo ó redor da cabeza, para rematar no zulo da cuba grande, na que me descolguei cara dentro collido das súas maos encalladas: alá no fondo, víame coma un coitado parviño engulido naquela barriga, escura e fría, mais axiña me espertou o meu pai das miñas mexericadas de neno, achegando pola boca da cuba un cepillo de fregar dentro dun balde con auga morna que foi baixando pouco a pouco, pola boca da cuba, atado a un cacho de corda de ataren os feixes.                       
         -"Raspa duro a flor do viño que quedou pegada na madeira, e presta máis atención ós beirís, frega esa merda! non sexa o demo que se estrague o viño, que cousa feita, xa non mete présa, que por estes enredos non se vai ir o burro coas noces" -díxome o pai con certo misterio, mentres alumeaba co fío dunha luz, máis ben triste, que non disipaba a escuridade daquel bandullo iglú.
          Ollando a escena desde fóra, disque o rapaz, por veces, sentía que se afogaba, sacando a cabeza á modo de periscopio cos ollos grandes de peixe, mentres boqueaba como se lle faltara o aire. Cando dous homes rodaban a cuba encima de dous paus: entón, o corpo do neno bailaba coma cacho nun cribo, pampo, pensando nos seus adentros na historia sagrada de Jonás na barriga da balea que lle contara o crego: na tarefa da frega, co cepillo nas maos, só aguantaba tres minutos; en troques, o profeta, máis sacrificado có rapaz da Casa de Viana, seica estivera tres días dentro do peixe até que nun espirro o botara, san e salvo, na area dunha praia.                                           
          Mañá cedo, que xa viñeron no coche de liña as mulleres de Vilouxe, vai comezar a xeira da vendima na viña de Espartida, que se alongaba cara abaixo até meter a escaleira do último patao na auga do río Mao, río humano á medida do home. Uva branca, de mencía, mouratón, merenzao e garnacha: por entón, unha mestura axeitada para un viño artesanal equilibrado. Entre lusco e fusco, tres arcas de uvas, na porta da adega sacadas da viña de Espartida en cestos culeiros; nada que ver coa desenvolvida colleita mecanizada da uva, ás veces nocturna, que se está levando a cabo en terras de Castela: abofé que son uvas recollidas por máquinas cegas, ó chou; o enxeño moderno, de non escoller as uvas, non hai garantía dun bo viño nas cubas, reza o dito.                     
          A auga do Mao, por entón, baixaba bateada polas vasoiras das meigas que acudían a acicalarse por debaixo da ponte de Conceliñas, auga fuxidía nas ruxidoiras do canón, que espertaba nas noites do inverno, coa néboa peneirada do amencer, ós moradores do camposanto de San Vitor: disque ían saíndo das tumbas en procesión de ánimas polo carreiro que vai cara ó río para purificarse na fervenza da Pena furada.                                         
            Non falla, pola vendima sempre chove, esta vez caeu auga miudiña que empapa o corpo, así como non quere a cousa, mais logo escampou, volvendo o ollo do sol a iluminar o escenario da ribeira do Sil, onde se representaba: "Unha estampa da vendima de antano". As uvas que coroaban os cestos relucían con boa cara, lavadas e maduras, mentres os dedos das vendimadoras, pegañosos, esgazaban unha vide co fin de espantar as avespas que zumbaban ansiosas libando o mosto das mellores uvas da ribeira de Parada de Sil.

1 comentario:

Anónimo dixo...

DE qué maneira recordada vendimia de cando fomos rapaces, y ese vocabulario que se usaba .padarledarlnome