luns, 9 de xullo de 2012

O Bosón de Higgs




 Edición Digital. La Región.
 “El hallazgo de la 'partícula de Dios' abre una nueva era para la ciencia. La comunidad científica asegura que es el 'bosón de Higgs', que permitió la formación del universo y de todo lo que existe.” (Isabel Saco. Ginebra, 05-07-2012). 






O outro antonte, o avó colleu o telescopio do neto, que viñera de Madrid nas vacacións deste verao para ollar as estrelas dende a atalaia da Cabeza da Meda ou dende o alto do campanario da capela de Triguás, na Ribeira Sacra de Parada de Sil, que tanto luceiro iluminando á noite da movida madrileña non deixa ver o ceo e, mentres estaba o vello mira que te mira, díxolle o rapaz acabado de chegar da capital:
–Avó, que estás a mirar tanto?
–O triángulo –contestoulle o vello– estou ollando que non vexo a cara de Deus co seu ollo no centro, o triángulo de Deus; din que está no ceo: estou a ver o Carro, a Osa Menor, a Estrela Polar...    
–Onde andará?
Avó, que este aparato non é o telescopio espacial Hubble –lle dixo, partíndose coa risa e, como era estudante de Bioloxía, volveu do coche cun microscopio electrónico que lle regalaran os pais pola notas da fin do curso.      
–Se non ves a Deus co telescopio, búscao con este microscopio, que tampouco é o microscopio Titán Cubed,Pero que de seguro poderás albiscar a través del que Deus está acochado nas leis da natureza, nas pegadas que deixou a mao do Creador no máis grande e no máis miúdo, porén quizais chegará un día que o “Gran Colisionador de Hadróns” (LHC) publique a boa nova: “Temos noticias da partícula másica, do “Bosón de Higgg”, da partícula de Deus, dos enlaces perdidos, ata hoxe partículas escuras, que forman o burato negro que haberán de completar o modelo estándar da física, simulando co choque de partículas do acelerador de 27 quilómetros de diámetro, eventos ocorridos durante o “Big Bang”, teoría que intenta dar unha explicación da orixe e da expansión do Universo”. Esta boa nova produciuse hai uns días –lle dixo o demo do rapaz, deixando ao avó desnortado e sen fala, teimando en escudriñar o ceo. Casa de Viana, Parada de Sil.

Ningún comentario: