luns, 9 de abril de 2012

O río dos olvidos

Os escravos romanos, un bo día dos tempos antigos, colocaron una lousa no foro de Roma, logo plantaron outra diante da primeira, despois outra e mais outra e así, lousa tras lousa sementaron de vías o imperio. Despois de moitas andainas de conquistas de terras bárbaras, os milites romanos chegaron ós limes de Gallaecia, o río Limia.

Ante diem sextum kalendas Martias, 138 a. C., os soldados romanos quixeron ver no río Limia ó río Leteo, o río dos esquecementos da mitoloxía grega, de maneira que se negaron a cruzalo por medo a perderen a memoria da súa afiliación. Di a lenda que ante o plante do seu exército, o xeneral Décimo Bruto, alcumado ‘Galaico’, máis bruto cós arados romanos de pau de freixo que araban as leiras, pasou á outra banda enarborando un estandarte como sinal de vitoria e que, axiña, comezara a berrar a listaxe dos soldados que esperaban noutra orela do Río d’ Olvido, facéndolles ver que a auga do Limia non estaba preñada de encantamentos coma a do río Leteo.

Caprenius Rusticus, berrou o nome do primeiro soldado, que fora recrutado cun rabaño de cabras nos montes etruscos.
Aulus Reburrus, berrou outro nome, un mozo repetidor da ESOR da Academia Palatina, recuperado para o exército.
Florius Amor Eunucus, enganchado pola leva mentres atizaba o lume das virxes vestais.
Flacius Flaccus, o miles que estaba a tentar coa man se un oso do Val da Limia lle comera a chicha do óso dunha canela.
Veranius Ostianus Postumus, levado polo cónsul patricio para a campaña do Xeneral Galaico, cando coidaba das hamacas na praia da Ostia, con perdón.

A seguir, os miletes romanos cruzaron a raia do río. Mais como a lenda debía continuar por moitos anos, un soldado, raro coma el só, poeta para máis inri, que recitaba versos beatus ille entre campaña e campaña de loita cos celtas, despois de atravesar o río Limia, amosaba estar perdido, matinando no carpe diem e nos tempus fugit e mais noutras lerias que escoitara a Horacio.

–Canta a túa filiación, soldado! –díxolle o xeneral Brutus.
–‘Ninguén’ é o meu nome –contestoulle a secas.
–E logo, non te chamas Vinicius Caldius?

Vinicius: ‘doce viño do olvido’. Caldius: ‘o demo que fai ferver os caldos nas adegas, onde se evaporan os recordos para se converteren en esquecementos’ –dixo polo baixo aquel soldado, triste e descarreirado.

Seica que Vinicius Caldius fundara Antioquía, a cidade romana esquecida no fondo da lagoa de Antela. Daquela xa medraron os carballos, certo, así que non esperes que cho explique polo miúdo, que xa non me lembro de tal remota historia.

Ningún comentario: