luns, 26 de abril de 2010

Pena do lobo

Xornal de Galicia | Lunes, 26 Abril, 2010 - 09:40 A néboa vai subindo do río, gañando rango patao a patao cara á montaña. A través dos cristais embazados da galería da Casa de Viana, a ladeira de Caldelas aparece gris; o ciprés de Calvos amosa coma un morto espantallo; as casas, pechas; os camiños, silandeiros. Abofé que a vida está comida do demo nestas horas temperás nas que non roxe ninguén.

Mais o ollo do sol xa comeza a pestanexar no cumio da montaña: a silueta da capela de Triguás vai cobrando trazos de debuxo, ao quecer cos primeiros raios. Axiña, baixará 'Lorenzo' dacabalo no seu pegaso a espantar a néboa, queda na cama do río Sil. 

Porén o sol, antes, repousará un anaco na Pena do Lobo a quentar a pedra a bicos. Entón, o lobo sube ao seu estrado para ouvear os bos días aos veciños, mentres o raposo, larpeiro, anda con pés de la preto das casas, tramando das súas.

O galo do señor Vitoriano de Mouca, que está a vixiar o seu harén, venta ao raposo, de aí que, nun tris, salte á parede do souto da Confedería a berrar tres kiquiriquís de alerta. Dende este púlpito, comina ás galiñas, que cacarexan temerosas, a fuxiren do lugar, procurando acubillo seguro no alto da morea de leña do alpendre do señor Vitoriano.

O gabián, que xa espertou no niño de garabullos da carballeira de Maraván, desprega a envergadura das ás para planear maxestoso e ameazante por encima das árbores da fraga, botando unha ollada de recoñecemento, á procura do almorzo, ao redor dos vilariños e casares que conforman a parroquia de Sacardebois.

Os nenos na Prazuela, no recreo das once e media, despois de tomar o vaso de leite morno americano, alegran a mañá cos seus xogos rebuldeiros de algarabía infantil.

Os homes andan de xeira coa primeira cava das viñas ciscados por baixo da estrada cara ó río, cada un en cadansúa viña: un aquí, tres alá; outros máis, acolá. As mulleres na horta, con mandil a cadros, están cortando grelos. Logo, entran na casa, enchen con nabos e patacas miudas o caldeiro dos porcos, suben as escaleiras, atizan o lume cunhas hachas e, por fin, repousan o traseiro no escano, mentres debullan con tento as pataquiñas para o caldo. Tres chemineas das cociñas económicas de ferro de Malingre están a fumegaren con tiro cara ao ceo, mentres o fume das lareiras vai saindo devagar entre as tellas das casas máis pobres: a aldea de Sacardebois comeza a cheirar a pan quente, a unto e a grelos para espertar a fame de pequenos e grandes.

A sombra xa vai chegando a segunda xanela da casa grande de Purdeus: vai ser mediodía. Entón, o señor Néstor pecha a tenda do Val, que ten que acudir á igrexa a tocar as doce badaladas: ao escoitaren as badaladas, os homes da viticultura heroica erguen o carrelo e, axiña, veñen vindo a paso de burro canso polos carreiros coa gancha ó lombo, fieis aos mandamentos ancestrais dos ribeiraos.

No medio da fraga, as vacas da Casa de Viana coas esquilas e chocas -tilín, tolón, tilín, tolón- que continuan a triscaren as carqueixas, xestas e nas uces na tapada do camiño da Fermiña, levan o compás á vida da ribeira de Parada de Sil.

Ningún comentario: