Un ano máis Madrid luce vestida de gala para as festas do Nadal que se  aproximan. A xente comenta: ´Os motivos relixiosos tradicionais van desaparecendo  nas rúas céntricas de Madrid en beneficio dos novos deseños de factura laica máis acordes cos tempos actuais´. Malia de que as novas filigranas de firma  non desgusten a case que ninguén, non son da devoción de moita xente,  partidaria de seguir coa tradición de campaíñas, beléns e panxoliñas. ´Os políticos de  agora estannos a rouba-la memoria. Este non é o noso Nadal´ -comentan coa  morriña doutros tempos máis respectuosos coa tradición. 
As luces da Gran Vía, a piques da efeméride da súa reforma, a xeito dun  'skyline' ideado polo arquitecto Ben Busche, rememoran a importancia desta arteria comercial e de ocio con edificios de prestancia neobarroca: Hotel  Metrópolis, Telefónica, Edificio Carrión, Pazo da Prensa, Pazo da Música; lugares  emblemáticos como Bar Chicote, Pasapoga, Sepu; cafeterías al estilo americano como  Nebraska, Manila; zapaterías, tendas de roupa, Casa do Libro, Madrid Rock...
Moita xente non comulga coas iconas de Agatha Ruiz de la Prada, de Amaia  Arzuaga ou de David Delfín, autores destes deseños do novo Nadal, quizais máis  propios para a mentalidade recatada do Norte que para xente de touros, festas e pandeireta.
Luces ecolóxicas, de baixo consumo. Certo. Non che discuto que hai que mirar  polo cambio climático e todo iso. Pero estarás comigo que estes puntiños de  luz tan tristes deixan a alma fría, como me vou animar a colle-lo pandeiro ou a zambomba para cantar "ande, ande, la Mari Morena, ande, ande que es la Noche Buena!"con estas luces de vagalumes!
Os tempos mudaron moito, dende aquel 20 de Novembro de 1975. Madrid é hoxe  unha cidade cosmopolita que se quere ver no espello de New York. As crenzas  van quedando recollidas no foro interno de cada quén. Xa non se dan as  beatas, nin os ´mea pilas´ entre a xente influente, ó perderen o creto de seu nestes  tempos laicistas. Como me dicía un veciño de Parada de Sil "nas pías de auga bendita, beben agora os cans".
Os nenos de Madrid xa non cantan panxoliñas na escola; nin nas rúas, nin  nas casas nin no Cortylandia se escoitan. Os nenos das grandes urbes no coñecen,  nin de oídas, o mundo agarimoso do medio rural: moitos só pacen nos presebes  dos multimedia. Non fales do boi nin da mula para arranxa-lo Portal de Belén  que lles soa a cosas de antano e de pailáns do campo.
Madrid é unha cidade con avoengo, pero aberta ó cambios que brinda o futuro.  Aínda se conservan lugares entrañables e costumes que non se debiamos esquecer:  quedan as vendedoras de lotería de Dona Manolita, arroupadas con varias capas  de refaixos, como cebolas, ofrecéndonos a buscada fortuna; os bocadillos de  luras (en castelán, ´calamares´)a tres euros ó carón da Praza Maior; a sidra  natural cunha rebanda pan untado con queixo de ´cabrales´ no restaurante Ñeru,  toma-las uvas e brindar polo ano novo na Porta do Sol e tantas outras (dun tempo a  esta parte, pola contra, xa non se vén os barquilleiros polo Centro de  Madrid.Como se os comeran os ratos).
Neste Nadal vénte a Madrid, podiamos quedar na Mallorquina que te quero  convidar a unhas ´reinas con nata´ ou a unha ´napolitana´ para ir comendo, mentres intentamos camiñar entre a marea de xente que bule de acó acolá pola rúa Preciados.
Dende Madrid, bo Nadal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario