domingo, 7 de xuño de 2009

SUSPENSO EN POLITICA EUROPEA




Con todo, non hai dilema de votar ou non votar, todos temos que acudir ás urnas, certo! custounos moito conseguir este dereito.


Neste día de reflexión, estou a pensar que nesta última campaña electoral, os políticos andaron perdidos polos Cerros de Úbeda, enredados nas rifes rafes domésticas, fala que te fala nos mitins, nas teles, nas radios, nos xornais, mais pouco dixeron da Europa que queremos -non sei, se ti tes a mesma sensación-, non se presentaron propostas de futuro para unha posible unión política, a defensa europea do franco sur, a saída da crise, a competencia do leite da España húmida e do aceite do sur, a inmigración, as mafias que están a campar ó seu ar no reino das liberdades, a regulación europea do aborto, a sanidade, a terceira idade e maila eutanasia, a educación no século XXI, o plan Bolonia das universidades, i+d dun novo proceso produtivo máis competitivo, o futuro da enerxía nuclear e mailas enerxías sostibles, as posibilidades dun turismo de calidade...

Só acudían ós medios a sacudi-la manta das corruptelas, a remexer na merda dos demais, con perdón, quedando uns e outros salpicados coa mesma, e nós, os cidadáns de a pé, que pagamos o sistema, atufados e mareados polo ruxe ruxe da mesma cantilena, aparvados, sen ganas de votar nin de mirar con agrado a ninguén.


A clase política, nestas Eleccións de Xuño, merece un suspenso, sen dereito a días de lecer nin de vacacións, quedades todos sen recreo, a copiar cen veces: "Os cidadáns non son tan burros e merecen o noso respecto". Esperamos, co poder do voto na man que, na próxima convocatoria, volvades ó rego do camiño a seguir na política, que non é outro que servir e defende-los n-o-s-o-s intereses.



Con todo, non hai dilema de votar ou non votar, todos temos que acudir ás urnas, certo! custounos moito conseguir este dereito.

Vivimos na Europa coa obriga de participar no seu goberno para mellorala en tódolos sentidos, por gratitude cos pais da mesma e por responsabilidade cos nosos fillos.



Eduardo Prieto Casares

Ningún comentario: