martes, 12 de marzo de 2013

O Chocolateiro de Teimende


"Hai que engadir valor ó patrimonio que é de noso", reitera Paco Magide, o mellor alcalde que pasou polo concello de Parada de Sil. Antes, foron os traballos arqueolóxicos da necrópole de San Vitor; axiña veu a vella fábrica da luz, transformándoa nun restaurante e albergue, mentres se construía unha pasarela de madeira de varios kilómetros á beira do canón do Mao. Agora, tocoulle á fábrica de chocolate de Teimende: chocolates exquisitos que recomendaba como menciña don Guillermo, médico titular de Parada de Sil. Francisco Casares figura como tallista e mais escultor no censo de Ensenada de 1756. E disque partira de Cantabria cara Parada de Sil co encargo de tallar o retablo barroco do mosteiro de Santa Cristina, tomando casa e lareira en Fondodevila. Casimiro Casares, neto do escultor, foi concelleiro. 

         A fábrica parece que xurdiu nos finais do século XIX. Os promotores foron dous irmáns: Pedro (1865) e mais Antonio Casares, netos de Casimiro, o concelleiro. Logo, pasou a un herdeiro, Arturo, continuando a empresa familiar con Ricardo (1922), o fillo maior que se fixo cargo do negocio, sendo aínda un rapaz, por estar o seu pai afectado por unha doenza invalidante, sacando adiante non só á fabrica, senón ós pais e tamén ós irmáns pequenos, podendo afirmar que foi o pai dos seus pais. Xa casado con Lola Prieto, agora viúva, polos anos cincuenta e pico, renovou as instalacións, dotándoas coa maquinaria que requirían os tempos, contando xa coa electricidade da nova fábrica de luz do Mao: unha das primeiras da provincia. As fillas de Arturo e de Lola, Loli e mais Rosa, deixaron o fogar para estudar fóra, porén nas vacacións axudaban nas tarefas da elaboración do chocolate, gardando daquela etapa unhas doces lembranzas. Logo, veu a competencia das multinacionais coa incorporación de sucedáneos do cacao, elaborando un chocolate máis ruín, pero máis barato: entón, nin a maquinaria da fábrica era a idónea para traballar cos sucedáneos da manteiga de cacao, nin Ricardo, o Chocolateiro de Teimende, era capaz de ofrecer ós seus clientes gato por lebre, así que a fábrica de chocolate, de esmerada elaboración con cacao puro parou nos finais dos oitenta, coincidindo o seu peche coa xubilación da persoa que máis traballara por ela.

      A familia Casares está moi ilusionada coa iniciativa da Alcaldía de Parada de Sil de transformar a súa vella fábrica na "Casa-Museo de Chocolate", aportando un grao de area á posta en valor do patrimonio do concello, ademáis de honrar a memoria dos devanceiros que tan duro traballaron para saíren adiante coa industria artesanal do chocolate.