venres, 26 de outubro de 2012

O día dos Santos




Magosto, “magus ustus”, festa máxica ao carón dunha gran fogueira, culto á fecundidade; celebración celta de honra á mai terra no equinoccio outonal, o mes noveno do calendario romano; Alfa e mais Omega, disque o nove é o número do home: nove meses cómpren para nacer; nove, para o día dos Santos, festa do “Samhain”, fin do verán; noite de “Halloween” de pantasmas, de ánimas e de fadas. A natureza, esgotada tralo estío, vai pegando no sono, en troques, o maxín está a tecer lendas de tempos pasadíos, na altura do ano na que sopran as ventadas, espindo de follas aos castiñeiros, e disque a parca anda cravuñando a gadaña, para lucila nas danzas da morte, antes de petar nas portas de quen quixer. Tocan a defuntos: o crego tomará os hábitos da néboa que está a suar o río Sil para cantar, axiña, responsos de despedida no sagrado de Sacardebois.

       /Lume con recendo/ fogueira de cozos/de caracochas, ardendo/festa dos druídas/é o inicio do inverno/estoupan os foguetes/ nos eidos ermos … /

     Un vello anda queixoso de que xa non quece, pois o sol, peneirado polas nubes do outono, vén morno; as castañas louras estoupan no fogar, bota de viño novo a medio encher, non lle dan acougo; primeiro, o lume pobre de frouma e de garabullos; por riba, achas fendidas de carballo: leña seca apañada no monte para alimentar a fogueira; festa familiar, a do magosto, de grandes e pequenos na data de San Martiño, día de andaina polo monte de troula cos amigos.

    “Acabáronse as vendimas/ veñen as esfolladas/ para comer coas mozas/ catro castañas asadas”/ –di a copla.

        Maos negras tisnadas de cinsa para deixar de loito a cara de rosa da mociña pola que ten o sentido no aire; en troques, o seu o avó repousa o peso dos anos encima dunha pena, outeando a quietude do eterno fluír do río, lembrando tempos fuxidíos, mentres a fría pedra teima en roerlle o cu, fraco de chicha; paseniño, medindo os pasos coa caxata, retorna de novo ao carón da fogueira que está a recender unha queimada que lle ha de purificar as lembranzas retidas no seu caletre.

        Máis adiante, en San Martiño de Sacardebois, na ribeira de Parada de Sil uno recoñecido contador dos quefaceres da ribeira continúa a recitar unhas sinxelas trobas como resumo da festa rachada do magosto de san Martiño:

             /Brasas de cepas vellas/chourizos ao inferno/viño novo das Albeanas /fresquiño dos cubetos/trala Andaina da Castaña/polos camiños vellos/no corro, corre máis o viño/cá auga do rego /axiña soará a música/cos bailes de achego/estamos na ribeira/onde un se pon cego/comer e beber a eito/como no mosteiro, os cregos/ apertas cumpridas/a todos de San Martiño/ deica o ano que vén/ ídevos indo... devagariño//

mércores, 17 de outubro de 2012

Parada de Sil: a castañeira



De cando neno, as rodas dos últimos carros coas arcas cheas de uvas da vendima esmagaban as primeiras castañas temperás caídas na pista de Barxacova: os soutos limpos, cos arellos arranxados nos lugares ladeiros para reteren as castañas, están a espera de regañaren os ourizos nos soutos da Ribeira.
           Para apañar as castañas hai que dobrar o carrelo, os ourizos pican todos, que non son pementos de Padrón, logo apandar cos sacos á pista máis próxima, as cabalerías desapareceron das carriozas e camiños de ferradura e, por encima, veñen a importunar as chuviscadas do ceo acompañadas de vento rebuldeiro que adoita vir xogar coas saias das mulleres e mais coas follas na altura de tódolos santos.
            Pola noite, é costume asar as castañas na prancha da cociña económica, acompañadas de cerrotes atopados nos soutos, sen esquecernos de amosegalas cunha navalla, que moitas estoupan como petardos. Despois das castañas, regadas co viño novo, un prato de caldo de nabizas abofé que senta ben para quitar a friaxe do corpo, non é?
            As castañas bótanse ás cestas cun ruxido estrepitoso e seco: cómpre ter bo tino para encestalas. As mulleres usan máis o mandil que se baleira directamente no saco. As primeiras en pingaren véndense como Deus manda e, ao cabo do día, dúas ou tres persoas, de andaren lixeiras, poden xuntar uns cartiños constantes e chichantes, que veñen, como as castañas, caídos do ceo; porén, as serodias e as máis ruíns quedarán para cebar aos xabarís, porque xa non se fai a rebusca para secalas no canizo ou no sequeiro:  co lume que vai ardendo de vagar, tempo de contos, de lerias, e de lobos á beira das brasas de tres cozos dun vello castiñeiro. As castañas, xa limpas, metíanse nas arcas de madeira que repousaban no faiado das casas con haberes. Durante todo o ano íanse comendo cocidas, acompañadas de chourizos, morcillas ou con leite. As castañas foron o alimento básico de animais e persoas durante moitos séculos, pois a pataca non veu da América até o século XVI. 
           E resta por dicir que a unidade de medida das castañas era a tega; noutros lugares, o ferrado. Daquela, era frecuente no Concello de Parada de Sil, o troque de produtos da montaña polos da ribeira. Por poñer un caso, unha ola de medida de Gundivós, nova do trinque para o viño, ou para a auga da fonte, podíase trocar por unha ola de castañas da ribeira. E para rematar, a seguinte adiviña que me veu á cabeza, de cando andaba coas vacas no monte: “Alto está, barbas ten e, cando lle dá por rir, perde todo o que ten.”