venres, 30 de outubro de 2009

Novembro, mes de defuntos




'A Morte', de cando neno, moraba preto dun ciprés no casar de Leiravella; lémbroa vestida de loito, de aí o alcume que é de seu, remexendo na axenda que lle ofrecera a parca da bisbarra de Caldelas. Leiravella mira ao espello do río Sil, e disque a miña veciña, que Deus a teña no ceo, procuraba as xuntanzas con Caronte polo asunto de dispor da barca para atravesar á outra banda do Sil; ás veces, no cu da noite, bailaban danzas cos ollos velados, ao son do canto da curuxa empoleirada no alto do piñeiro de Viana, ritual previo ao xogo das fabas brancas e negras, moi propias na Ribeira Sacra  de 'Cal delas'... e disque, de non esqueceren o tal xogo das fabas ningún día do ano, que Deus os confunda! teimudos ludópatas. Ela sempre de negro, coa casca amarga, pecha e caprichosa coas citas, que mesmo lle daba un arre coma un xo, que chegaba sen avisar en horas intempestivas, de cedo, petando nas portas con présas de ir apagar o lume; outras veces, poucas, aparecía en horas serodias na procura dalgunha vella, de cabelos brancos enfariñados, esquecida da parca no muíño dalgún regato, pois seica ao final do inverno a 'Morte' dábase un aire, parando a lear un pito con picadura e algunha folla da axenda dos condenados... porén, decotío, andaba cravuñando a gadaña que había de saír, un día e outro tamén, na procura de segar a quen lle cadre. E seica non escollía entre fentos, silvas, manzanilla e a herbaboa; entre o outono verde que recende coas aromas propias da xuventude e os cardos vellos, murchos, que só poden atraeren as moscas, que os sega a feito, amén doutros, sen misericordias: non faltaba ás citas, houbera tronos e raios, malia ela acudía, cando lle petaba, que a 'Morte' era moi súa, unha dama seria, de palabra, que cumpría con todos..., che digo, unha mañá fría de novembro, outoniza, con néboa, espertei de súpeto ao fío das oito, ao escoitar os laios das campás da igrexa tocando a defunto; entón, achegueime ao cemiterio, que está á beira da miña casa, para preguntar ao campaneiro, e logo, quen morreu? Morreu a Morte, berrou o Antonio, o campaneiro de Sacardebois, dende o alto sen reparar mentes na antítese, pois... que ben!, bisbei para os meus adentros. ‘A Morte’, e que perdoe a miña veciña pola brincadeira do conto,  fixera as beiras a moita xente desta parroquia, moi coñecida e respectada, por grandes e pequenos: por veces, presidía as conversas de velorios, faladoiros e fiadeiros. Cando lle viña en gana, máis a miúdo nos meses da caída da folla, achegábase á casa dalgún veciño, sen ser convidada, 'a comer', que sempre andaba soa e con fame de ter o verme da solitaria.


 "Tanto lle ten fuxir que deixarse levar que, máis cedo ou máis tarde, heiche cortar o fío de Ariadna, o fío da vida: cuestión de axenda", acostumaba sermonar aos presentes, que choraban bágoas porfiadas  nos velorios, logo esfumábase, así polas boas, coa alma do finado polo fachinelo da alcoba.

sábado, 24 de outubro de 2009

Os barquilleiros de Parada de Sil


En Parada de Sil, unha manchea de barquilleiros recorreron, de acó acolá, festas e feiras. Outros, máis decididos, saíron naquela a Madrid, a Barcelona e ata ó mesmo estranxeiro. "Aquilo non eran costumes, eran necesidades”, lle deitou na orella un vello de Amandi ó profesor Emilio Araúxo. Este escritor levou a cabo unha pescuda minuciosa de campo, camiñando de aldea en aldea pola Ribeira Sacra co fin de recoller os últimos testemuños da cultura popular, que aínda conservaban os máis vellos desta Galiza do interior que foi e que agora xa non é. 

Na década dos setenta, vinme na obriga de emigrar a Madrid, como tantos outros galegos, buscando a vida fóra da terriña; pero, a medida que van pasando os anos, sinto cada vez máis vivas, na miña soidade, as lembranzas de cando neno, desexoso de volver a revivir o pasado, os tempos felices da nenez. Son moitas as noites, nas que pego no sono, ensimesmado na nube da imaxinación, evocando recordos, de onde, ás veces, mergullando nos aluvións da memoria, xorden algúns contos; nesta ocasión, trato de que aboien á superficie da conciencia as andainas dos barquilleiros que coñecín nas festas e feiras do redor de cando, por entón, andaba coas vacas no monte e me entretiña na busca de niños de paxaros.

Despois da publicación, na Revista Xeral da Ribeira Sacra, dos artigos en torno ós muleiros e afiadores, cumpría, para completar a triloxía, un artigo que falase dos vendedores de doces do noso concello. Mais, como as musas non me eran propicias, saín da casa na súa procura polo centro de Madrid para ollar o rebulir da xente, de cotío atafegada, camiñando sen acougo coma formigas no quefacer diario nestes tempos que están a rodar lixeiros.

Xa chegara, a primavera, ás tardes de Madrid. Camiñando pola rúa Preciados, á altura do Corte Inglés, boteille unha ollada ós dous barquilleiros, vestidos de chulapos, que por alí estaban co choio do negocio. Achegueime a eles, xoguei á ruleta, dous euros a tirada, e tocáronme dous barquillos. Mentres os saboreaba, gustoso, ó seu carón, coa confianza xa ganada, encetei a conversa, así como non quere a cousa, en torno os pormenores que me interesaba saber para fincarlle o dente ó artigo que se me resistía.

–¿Me podría contestar a unas preguntas sobre los barquilleros? El chulapo asintió con una mirada, sin mover los labios, mientras seguía vendiendo.
–Tengo entendido que ustedes, los barquilleros, son originarios de Galicia, de Ourense, de un pueblo que se llama Parada de Sil, insistí una vez más.
–Eso dicen –contestó, por fin–. Nosotros, los únicos que vendemos barquillos en la actualidad, aquí en Madrid, somos la cuarta generación de la familia Cañas y nos dedicamos a este oficio desde 1800. Ahora mismo estamos aquí tres hermanos y, en el obrador, otros dos, elaborando las obleas y barquillos para vender mañana por las calles. Somos una saga muy conocida y respetada. Hace poco, fuimos invitados a la Feria Internacional de Alimentación de Berlín. Vendimos unos tres mil barquillos a los alemanes. En cuanto a lo de Galicia, habría que investigar antes de 1800. Mi abuelo, alguna vez, comentaba algo de una pequeña aldea de Ourense, cerca de un río… “Leimende...Teimende” o algo así.
– ¿Cuáles son los ingredientes de los barquillos y cómo se elaboran?
–Éstos –dijo señalando con la mano– son los barquillos parisiéns; aquéllas, obleas. Sólo tienen harina, agua, azúcar y un poco de canela. A los parisiéns, para darle esta forma de canuto, aún calientes, hay que enrollarlos en un palo. Las obleas se doblan como una servilleta.

Mentres se ía desenvolvendo a conversa, Félix Cañas non deixou de vocear e de vender barquillos ós turistas, que deambulaban pola rúa comercial máis concorrida de Madrid:

                                             Al rico barquillo parisién..!
                                Barquillos artesanos,
                                barquillos sanos.
                                Al rico barquillo parisién..!

–Señor Félix, ¿cómo se juega al clavo? Mire usted, señalando con la derecha, estos son los cuatro clavos que unen la ruleta a la tapa del tambor; el cliente puede jugar las veces que quiera, a un euro la tirada, y va acumulando barquillos; pero, si la púa que va tocando las varillas se para en un clavo, pierde todo lo ganado.
–¿Y la doble enumeración? Los números que van por afuera de las varillas son para jugar a unos barquillos especiales que se hacen por la fiesta de la Virgen de la Paloma. La rueda de los números que va por dentro son para la suerte de los barquillos normales.
–¿Cómo va la venta hoy? Mal. Se nota la crisis. Suerte y muchísimas gracias. Gracias a usted.

Barquilleiros, no concello de Parada do Sil, houbo moitos: “O Tomás de Teimende, e mailo Francisco. O Tomás chegou a Cuba cós barquillos; o Matías de Espiñas, o Nicanor de Rabacallos, o Hixinio de Forcas, o Modesto da Miranda, foi de once anos cós barquillos, o Xosé de Guendón collérao a guerra en Madrid, onde arribara coa barquilleira…”

Agarda un chisco. Teño que escoller a un barquilleiro dos que se nomean no parágrafo anterior do libro, A cinsa do vento, do meu veciño Emilio Araúxo (máis adiante aparecerán outras citas do mesmo libro, que me han de cortar as ás do maxín, mais que non queira, e obrigarme a retornar outra vez ó rego do relato). Un prototipo de barquilleiro que nos acompañe na moviola a ceacú na historia destes peculiares vendedores ambulantes de barquillos, sinxelos doces de fariña, auga e mais azucre, que xurdiron por pura necesidade de buscar a vida nestas terras de minifundios. Voume decantar polo Nicanor. Este home de Rabacallos, frisando nos corenta anos, nunca faltaba ás feiras nin ás romarías da bisbarra. Antes de chegar a música ó campo da festa de Sacardebois, alí estaba o señor Nicanor co seu tambor, coa barquilleira, recendendo as aromas de canela dos barquillos parisiéns que gardaba dentro do cilindro; ó seu carón, unha cesta chea de obleas, de pirulís duros e puntiagudos, os cubanitos: ¡El rico pirulí de la Habana que se chupa y nunca se acaba! Alí, plantado, esperando o comezo da festa coma tódolos anos, ó fresco da sombra dun castiñeiro vello, xa caracocha, que fora testemuña de moitas xeracións de barquilleiros do noso concello.

                                                  “¡ Al rico barquillo, sempre toca,
                                      se non é un peixe é bota,
                                      e se non unha alpargata rota”!
                                      ¡Al rico barquillo parisién...!

      O barquilleiro era, aínda é hoxe, un personaxe alegre, cantarín, contento co seu oficio, tocado cun sombreiro ou viseira. Pulido na súa vestimenta e comedido nos seus dicires. A barquilleira non era a súa muller, aínda que tivese o bombo preñado de lambetadas. A máquina de expender os barquillos viña ser un cilindro roxo de folla de lata, pintada coas cores da bandeira de España con algunha lenda, cunha tapa cun círculo de números do 1 ó 9 colocados en desorde en dúas fileiras concéntricas, rodeadas por variñas verticais, rozadas pola púa ou lingüeta da roda, a ruleta dourada da fortuna, a cal, o xirar, decide onde parar, marcando o número da sorte de barquillos parisiéns que gaña o xogador. Como gozaba co meu amigo, o Pepe do Zapateiro, na festa do Carme, en Sacardebois! No día grande o meu pai deume un peso para comprar barquillos, que o merecía ben por ir tanguer as vacas cara ó lameiro da Caldebaixo ou levalas ó monte pola mañá cedo. O Pepe sacou do peto unha puñada de moedas e contou ata oito rubias, aínda que non lle ía ó pai coas vacas. Non era xusto. Imos ver, se o meu pai presumía de ter 15 cabezas de gado, e o señor Andrés, o pai do Pepe, que por no ter nin tiña ovellas, como é que lle deu oito pesetas para gastar na festa? Isto non me entraba na miña cachola de neno. Entrementres ía cavilando nestas inxustizas, chegamos ó Corro, ó campo da festa, mercamos dous balotes cada un, a peseta, para tirar coas escopetas de ar comprimido a uns monecos de trapo. Non fixemos diana en ningún deles, porque as escopetas debían teren o cano torcido. Coidaba eu que sería por iso. Logo, dixemos, por que non imos onda o señor Nicanor? E fomos á beira do señor Nicanor para lle dar á ruleta do seu tambor. O barquilleiro, ulindo a nosa intención, comezou a vocear o reclamo de sempre, mentres facía xirar a ruleta da fortuna unha e outra vez:

                         
                                                Al rico barquillo!
                                                            Barquillos Nicanor
                                                            Tiernecitos, tostaditos
                                                            de limón y de canela en flor.

      A peseta, a tirada! Sempre toca, se non é un zapato é unha bota… Nenos, canto ides xogar? Cantos cartos traedes? Eu só teño tres pesetas. Pois a min, aínda me queda un peso, dixo o Pepe, orgulloso, coa boca chea coma un sapo. Agarrei, coa punta dos dedos, un dos tiradores a xeito de belota que veñen plantados por riba da roda, e xirei a ruleta con tento, coma se a miña maña o mestría en tirar fose mover a vontade da caprichosa fortuna. A roda comezou co troupeleo que era de seu: tac, tac, tac, tac, tac…número 1, un barquillo. Tirou o meu amigo: tac, tac, tac, tac, tac…número 1, outro barquillo. Abofé que as fadas non estaban da nosa parte, pero continuamos co xogo do cravo, por ver se mudaba a fortuna. Cando iamos ganando unha puñada de barquillos, na última tirada, a púa, cada vez máis cansa xa tocando as últimas variñas, tac, tac, tac…parou nun cravo e… alá vai o burro coas noces! Todo perdido! Todo o noso gozo, nun pozo! Este enxeño, que viñera de París, era unha auténtica máquina comecartos, como as que están agora polos bares. Non faltaban as cores vivas, engaiolantes, nin a música da púa rascando nas variñas, nin o rol do azar en conseguir pequenos e grandes premios ou rematar o xogo coas maos baleiras, perdendo coa máquina e que, nun tris, se for todo o negocio ó carallo, con perdón. Ó remate do xogo, o señor Nicanor abriu o seu tambor, meteu a man –mentres permaneciamos quedos, cos ollos abertos coma pratos, expectantes– sacou os dous barquillos, sorriu, e ofreceunos os canutos parisiéns, pestanexamos por dúas veces, pegamos nos barquillos con tento, non se fosen escachar; agora xa iguales, pensamos, os dous pobres; esta vez, a ruleta da fortuna puxo as cousas no seu sitio. Co barquillo nas maos, desaparecemos de contado; ledos, polo barquillo e tristes, porque se nos foran os cartiños nun amén; así que, axiña, escapamos de alí, lixeiros, a fume de carozo, sorteando as parellas que estaban a bailaren o pasodobre, o gato montés, ó compás da Banda Municipal de Celanova que dirixía o seu esvelto director con moita profusión de xestos e movementos de batuta; dezanove números soprando nas frautas, clarinetes, óboes, fagots, saxofóns altos e tenores, trompas e trompetas, bombardinos e maila tuba; mesturando coa mestría que era de seu, dosificando a golpes da variña, os sons de vento coa percusión dos timbais, caixa e mailos pratos; unha boa puñada de músicos a tocar á Virxe do Carme; dos cales, dous, un 'saxo' e mais a 'tuba' compracéranos en  compartiren o año asado na nosa casa.

O día anterior a Festa do Carme, a muller do señor Nicanor, coido que atendía por Dorinda, se non lembro mal, estivo todo o santo día na cociña coa xeira de preparar os barquillos para vendelos no campo da festa. Estes son os ingredientes que ela empregaba: manteiga, claras de ovo, fariña, azucre e mais vainilla. Os barquillos artesáns do señor Nicanor, grazas á mestría da Dorinda na súa cociña-económica-obradoiro de Rabacallos, gozaban de sona en toda a bisbarra: nin farrapos de gaita os actuais, que se continuan a vender hoxe polas rúas de Madrid.

O cinco de agosto era feira en Parada do Sil. Á mañá, cedo, o señor Nicanor agarrou o seu tambor polas correas e apandou ó lombo coa barquilleira chea de barquillos polo camiño de carro dende Rabacallos a Chandrexa; daquela, cando había nenos nas aldeas de Parada de Sil, tiñan a encomenda de gardar as ovellas do lobo ou ir coas vacas para o monte, ó atoparse co barquilleiro polos camiños, pedíanlle un barquillo; o señor Nicanor pousaba a barquilleira, abría o seu tambor e sempre sacaba algún dos que estiveren medio escachados: “ponme por riba os canutos, que non teñen venta, para os nenos do camiño”, lle dicía á Dorinda. A iso das dez chegaba, suorento, ó abeiro do carballo do Campo da Feira do Concello. Os cativos,  o día da feira, serían os mellores clientes:                                                      

                                                       Al rico barquillo!
                                                       Barquillos Nicanor!
                                                       Tiernecitos, tostaditos
                                                       de limón y de canela en flor.

       Ó cabo do día da feira, un pouco antes do solpor, o señor Nicanor rematou coa barquilleira baleira. Entre barquillos, obleas e outras lambetadas que portara na cesta, amontoou unha puñada de cartos, podería haber máis de duascentas pesetas. Co gallo de contar e acochar a prata e poder repousar, cavilando un anaco, pois era dado a pensar, voando na nube do maxín, encamiñouse ata os Balcóns de Madrid. Pousou a barquilleira encima dunha pedra, asomouse polo miradoiro e ollou, compracido, o Canón do Sil; noutra banda do río, a chaira de Lemos co horizonte aberto, a vila de Monforte: nese intre, aguzando o oído, pegando unha orella a un penedo, puido sentir o traqueteo do tren expreso, cativador, que o podería levar a Madrid. Porque “para os que queremos saber e non aprendemos a ler, só nos queda andar e ver”; a barquilleira e mais andar os camiños é a herdanza que me deixou o meu pai; estou feito un papainas, esta máquina ten que estar a traballar todo o santo día, que fago eu en Rabacallos, parado, a velas vir; ollando, como cada mañá, van chegando os burros ó muíño, canseiros, e escoitando xirar a moa parsimoniosa e monótona na beira do regato, mentres as cabalerías están a espreguizaren as moscas na espera da moenda, da mesma maneira coma había centos de anos; aquí, na ribeira, o tempo está a piques de se deter e non se albisca cambio nin futuro por ningures –díxose, matinando para os seus adentros, atando cabos para tomar unha decisión, cos ollos cravados na torre de Cadeiras e aínda coa música engaiolante do tren, pasando por Canaval, como se for Ulises atraído polo doce cántico das sereas, fabuladoras doutras terras de lonxe.


A emigración a Madrid

Os choio dos barquillos dan cartos, pensou. Moito máis doado que andar coa gancha, coa cabeza gacha, cavando nas viñas, pero cumpría que tódolos días houbese feiras ou festas, para xuntar prata de verdade e facerse un rico. Tamén lembrou, ó tempo de ollar aquela paisaxe do Canón do Sil, incrible para un forasteiro, cando lle quixeron mercar a barquilleira de cando mozo, e o que berrara o seu pai dende o leito, xa velliño, “pai, quérenme merca a barquilleira, e díxolleme o pai: "fanche falta os cartos? Non, pois déixaa estar aí que non come pan”. Canta razón tiña, o pobre do meu pai; hoxe, a barquilleira vale un imperio.

Teño que arrear para Madrid. A miña terra padece de canseira. Aquí non hai futuro, pensou decidido. Así, pois, a primeiros de setembro, o señor Nicanor xa estaba cruzando o río Sil por la barca de san Fiz, co seu tambor ás costas, seducido polo prometedor porvir que lle estaría esperando na capital de España. Sacou tres pesetas do peto do pantalón de pana para pagarlle ó barqueiro, o Pepe da Candela, e encamiñouse cara arriba ata rubir ó alto de Amandi, logo dunha doada camiñada pola chaira, arribou a Monforte para coller o expreso que o habería de plantar, 'en só doce horas', na Estación do Norte, no mesmo centro de Madrid. Ó arribar, como era de mañá, achegouse ó mostrador da cantina da estación e convidouse a un café con leite, e logo rematou a parva cunha copa de augardente, porque coma están a dicir os vellos: “Pola mañá, uhna copa vén ben para correr as arañas do estómago”, mentres ollaba, abraiado, o rebulir da xente que entraba e saía da estación, coma as abellas nunha cortiza, sempre con présas coma se fosen apagar o lume, lixeira, cos pés fríos e a cabeza quente, matinando no caletre, sen pararse a saudar nin falar con ninguén e ollando, a cada pouco, o reloxo ó pulso.

Señor, ¿poderíame indicar onde queda a Plaza de España? “otro gallego que llega de provincias…” sí, hombre, sí, coja la Cuesta de San Vicente, a la izquierda, la encontrará a 500 metros. Muchas grazas, que Dios se lo tenga a ben e llo pague co ceo…Ó chegar o señor Nicanor co seu tambor ó lombo ó abeiro da sombra do monumento de Cervantes, atopou que outro do gremio, vestido de chulapo, chegara primeiro en coller o sitio e que estaba a vocear, en plena faena, no medio da praza:  

                                     ¡Al rico barquillo de canela  
                                     para el nene y la nena,  
                                     son de coco y valen poco,  
                                     son de menta y alimentan, 
                                     de vainilla ¡qué maravilla!,  
                                     y de limón qué ricos, que ricos , 
                                     qué ricos que son!

     Y tú de dónde has salío, macho, que nunca he visto tu careto… cabo de chegar de Galicia… no, si eso ya se ve con esa pinta que traes… soy de Parada do Sil, o berce de los barquilleiros… nunca oí hablar de ese pueblo de berzas, aunque mi padre decía que nuestra familia provenía de Galicia, de Tumenda, Leimende, o algo parecido… querás dicir Teimende… sí, creo que ese es el pueblo… demo non digas! parece cousa de meigas! o mundo éche ben pequeno –pensou en galego para os seus adentros– entonces sómoslle veciños y, a lo mejor, parentes; yo me llamo Félix Cañas Sacristán, hola, ¿qué tal? yo, Nicanor de Rabacallos, ¡qué mal suena tu apellido! no es mi apellido, rosmoulle o Nicanor, con razón. Pero, axiña pechou a boca, porque estaba en terra de fóra, coa obriga de capear o vento e seguindo o sabio consello do seu pai: "Non hai mellor palabra cá que está por dicir". O chulapo debíache ser un deses chisperos que viven polo centro da cidade, porque chispa, abofé, que non lle faltaba, el tan cheo de si, dándose o pote, tan seguro. Despois das presentacións, comentoulle que para traballar no negocio dos barquillos había que sindicarse, mercar os barquillos no obradoiro do gremio, vestir de gato, e saír a vender nas Vistillas, en Recoletos, na Praza Maior, na Latina ou onde se lle indicara, que había moito negocio para todos, pero que en Madrid estaban organizados.

A media noite, a iso das doce e pico, encamiñeime á rúa da Cruz, peguei unhas palmadas, namentres berraba polo sereno, que me dixeran que era de Aguil, paisano da Ribeira, de confianza, e que como xa non quedaba xente no seu vilariño, pois, entón que se viñera para Madrid, porque aquí, ós naturais da vila había que engadirlle os forasteiros, a xente de paso, e onde bule xente, hai negocio. Disque estaba a xuntar moito diñeiro dos clientes das numerosas pensións, que había, daquela, ó longo desta rúa, a unha carreiriña de can da Porta do Sol. Nun tris, amosou pola embocadura dunha rúa, noutro estremo, picando no chan de pedra co chuzo ferrado tac! tac! tac! tac..! con gabán e viseira, coma un garda civil xubilado, matinando en galego a súa filosofa, ou rosmando polo baixo, ó tempo de berrar en castelán a xerga de seu, capaz de pensar en galego e de falar a lingua de Rosalía e de Cervantes asemade, convertérase en ventrílocuo por necesidade, un pouco tolo, que moitas foran as horas de parrafeo para facerse a se mesmo compañía nas horas frías e longas da noite madrileña, enfatizando nas palabras co pico do chuzo, demostrando quen era o amo da rúa nas horas serenas do luar da noite e rebuscando na caluga a parola axeitada, co papel ben sabido de estar ó sereno, de acó acolá, pasando frío e calamidades para servir ó transeúnte, coma dun funcionario municipal se tratar, co fin de que afrouxase a carteira e sacase algún peso; víñase para acó, lixeiro, tintinando a puñada de chaves dos portais, pendentes do seu cinto: “tanto berrar, sempre con présas, ¡Ya voy, señor..! Carallo que te pariu, que teño toda a noite por diante, no se desespere, que el tiempo viene del cielo, non has de ter esas présas en saca os cartos do peto, el tiempo, lo único gratis que tenemos los pobres, non, iso non, que che han de picar as maos, ¡Ya voy, señor, ya voy! cando agarres un peso”, mañana vendrá otro día y pasado, otro…mal demo te parta, a estas horas… ¡Ya voy, señor, ya estoy ahí! A que viñeches a Madrid, de fulanas..., ah, non, se é un barquilleiro! outro ribeirao na diáspora...

Despois dos consabidos saúdos, boas noites e tal, pegueime ó seu carón cara á pensión, víndome á cachola o refrán que aprendera de cando neno, cando me mandaran á montaña, a Celeirós, preto de Aguil, para andar coas vacas; os serenos son os amos da noite, pensei, cumpría caerlle ben, que me pode achaiar o camiño en Madrid, así pois reciteille o refrán, sorrindo, como o que non quere a cousa: “No fiadeiro de Aguil, tres mulleres e mais un candil”. Certo, sorriu, fitándome cos seus ollos chispos, afeitos a escudriñar na noite coma os gatos, agora xa non hai fiadeiro, nin mulleres… ó candil apagóuselle a mecha, a Aguil fóiselle apagando a vida; unhas aldeas van morrendo, noutras xa non roxe ninguén–dixo gabándose, o pillabán–. Como tódalas mañás cedo, á alba, se recollía cos petos do sobretodo cheíños de cartos, que daba gusto ver tantos cans, cadelas, rubias e pesos e todo, pois, con razón dereita, ríase do mundo. Logo recomendoume unha pensión de confianza, a Pensión Flora, no primeiro andar do número 27. A mañá seguinte, fun vender barquillos á Latina, onde había festas da Virxe da Paloma como están a diciren por estes lares; aquí, a xente compra moito, non viste pana, ri e sabe gozar da vida; dentro da praza soaba música de 'chotis' e escoitábanse coplas de zarzuela, mesturadas có teimado repenicar da roda da miña barquilleira, a cal xa botaba fume de tanto traballar:

Vivimos en la Ronda/de Embajadores,/al lao de la Ribera/ de Curtidores./ Pasamos nuestra vida/con los chiquillos,/que son los que consumen/nuestros barquillos./Cruzamos el Prao,/la plaza Colón/voceando: ¿quién los quiere/tiernecitos,/tostaítos/de canela y de limón?/Las niñeras y los soldaos/por nosotros están pirraos/y dan cuartos a los chiquillos/pa que se los jueguen a los barquillos./Cuando viene un señorito/y nos dice: vamos a jugar,/en menos que canta un gallo/la trampa está prepará./Como están los clavos flojos/y la máquina desnivelá/por más que se vuelva mico,/que ni pa Dios que nos pué ganar./¡Sería un pueblo! ¡U dos o tres!/Que un silbante ganar quisiera/a los barquilleros de Lavapiés./


O retorno da emigración

Despois de cinco anos de intenso traballo e negocio, no setembro, o Nicanor volveu a Rabacallos. Disque aforrara moitos cartos, que retornara rico de Madrid. Na romaría de Triguás, lucía traxe novo con chaleco, presumindo de reloxo de peto coa cadea dourada; a cabeza, tocada cun sombreiro de pano; botara barriga e gabábase nos andares, cuspindo moi alto. E seica que o billete verde que resplandecía coma un diamante na bandexa da Virxe de Triguás, que remedia as dores de moas, fora unha esmola do Nicanor, agradecido, porque, en Madrid, non lle entrara o andazo, nin o mal de pedra, nin estivera doente de moas nin de venéreas, rexo coma un buxo, tanto nas partes nobres por arriba da cintura coma nas partes pudendas, que se acochan na entreperna, máis afeitas de caeren no pecado da carne, que vivindo en Madrid con cartos, as tentacións péganse a un como lapas, che digo.

Na romaría do ano anterior, outro barquilleiro, o Tomás de Teimende, que retornara de cuba, un indiano xa entrado en anos, protexendo a súa caluga do ollo do sol cun sombreiro branco, vestindo unha camisola ampla, estampada, e amosando dentadura de ouro, brillante, mentres sorría e saudaba ós veciños das aldeas do contorno, satisfeito de se mesmo, camiñando cara á capela de Triguás, axudado por unha caxata coa empuñadura dourada e rodeado da numerosa prole, entre fillos noras e mais netos que, daquela, viñeran acompañando ó patriarca. Este veciño, retornado das Américas, tamén deixara tintinar, un a un, os dez pesos de prata encima da bandexa da Virxe, que todos os devotos escoitaran coa mesma devoción coma se tratar dos mesmos repeniques da campaíña no momento da consagración, na misa dos domingos.

Peor sorte lle tocara ó Pisco de Pombar que camiñaba, amodiño, rubindo de xeonllos ó santuario, farto de non poder vivir con acougo, polas teimudas doenzas de moas de tanto comer nos terróns de azucre e mais por desvergoñado e lambón: unha veciña, A Reme, meiga ela, disque lle botara o mal de ollo, cando lle dixera: “Pisco, pisquiño, azucre, pouquiño! que che han de caeren os dentes”. Como fixer chufla dela e seguise chuchando nos terróns de azucre ó pé dela, co fin de irlle á contra e facela rabiar, obrou o meigallo, perdendo efecto analxésico o ácido acetilsalicílico da aspirina, que lle daba a súa nai, unha devota muller, necesitando, con urxencia, un esconxuro; de aí a penitencia de rubir de xeonllos á capela de Triguás, “ofrécete á Virxe, fillo, sacrifícate, xa verás como che han de desaparece as dores de moas”, aconselloulle a súa naiciña. Está ben, subirei de xeonllos mañá para a misa. Ó escoitar os primeiros foguetes da alborada do día grande da festa, O Pisco remangou os pantalóns e, coas canelas ó ar, botouse ó camiño, esperanzado.

E logo, tunante, pasouche a dor de moas, preguntoulle a meiga con retranca, disimulando a súa casca amarga cun falso sorriso, o día seguinte da romaría, “non, agora ademais das moas, dóenme os xeonllos”, lle respondeu o Pisco, cabreado coa Virxe. Pois agora, xa que non podo comer terróns de azucre, quero os cartos do meu peto que lle hei de mercar unha puñada de barquillos ó señor Modesto, dixo o rapaz á súa nai, teimudo coas lambetadas. Xogou ó cravo, tres tiradas, e gañou nove barquillos. A roda da fortuna, aquel día, amosárase dadivosa co rapaz.

A vella meiga estivo a fitar no raparigo, e sorría, cando o vía xuntar máis e máis barquillos, esvarando cuspe coma de se tratar do can do mesmo Paulov, demo de larpeira, achegándose a súa beira, espetoulle: “Pisco, tunante, dáme un, dáme dous, dáme tres, dáme catro e farei contigo un trato”. O neno co medo no corpo, sen dubidalo dúas veces, ofreceulle os catro barquillos. Entón, a meiga abriu unha caixiña de cartón que sacou dun peto da terceira capa de refaixos –a Reme acostumaba a vestir encebolada tanto no inverno coma no verán, pois estaba a opinar, con razón: “O que che me quita o frío tamén che ha de quitar a calor”– colleu tres formigas vermellas, esas que teñen o cu pingón, que rebulían dentro da caixiña de mistos, e díxolle ó neno doente de moas: Pisquiño, tríncaas cós dentes no cu! Non teñas noxo, molla as enxivas co seu zume e, ó sentires a lingua nugallá, traga a medicina que che ha de limpar os canos, que van polo medio do corpo para abaixo; sen demora, doutro peto, sacou unha cabeza de allo e erguendo o seu ollo birollo ó ceo, mal como puido, exclamou cun berro, que fixo abanear o mundo e enmudecer o palco da música, mentres lle estaba a peneirar, cos dedos das mans, os cachiños de allo encima da súa cabeciña: /“con este dente de allo, /que escacho co meu dente,/que saia fóra do neno doente /o cativo meigallo!”/

Como resultas do esconxuro, o malpocado neno, cos cinco barquillos na man, aliviado xa das dores polo efecto anestésico do ácido fórmico, pero aínda turbado pola estraña cerimonia da meiga, procurou un sorriso de gratitude, pero coas canelas tremendo de medo, non lle saíu máis que un breve amago; desaparecendo de contado, coma un toleirán, a todo correr entre a xente, que seguía a bailar ó redor da capela de Triguás. No campo da festa, unha fileira de cestas con pavías, figos vendimos e uvas negras de mencía e mais brancas recendía as aromas propias da terra mimosa da ribeira. Na entrada, outro barquilleiro, o Modesto da Miranda, continuaba a vocear o reclamo que era de seu neste oficio:                                                      

                                           Al rico barquillo...! sempre toca, 
                                           se non é un peixe é bota,   
                                           e se non unha alpargata rota.  
                                           Al rico barquillo parisién..!


xoves, 22 de outubro de 2009

Sacardebois

Sucedio en Galicia
Sacardebois
Xornal de Galicia | Jueves, 22 Octubre, 2009 - 07:50


Sacardebois, o berce onde eu nacín e me criei, é a parroquia da Ribeira do Concello de Parado de Sil. Os ribeiráns, dende tempos inmemoriais, elaboran os mellores caldos da comarca de Caldelas.
Sacardebois ocupa un retallo rectangular na faldra da ladeira ourensá que escorrega as augas ó río Sil: por riba, a Casa de Viana e Mouca, apenas separadas polo camiño real dunha mesta fraga de carballos, acivros, piornos e castiñeiros bravos, onde se acochan o gabiáns e mailos xabarís.

Descendendo cara o río: a igrexa do século XVIII, co cemiterio que é de seu, as casas do Val, a estrada, as hortas e tarreos de terra lixeira; xirando á dereita, as casas e lameiros de Caldebaixo, os soutos da cofradía, o souto do frade e lindeiros, Serradores, Pedrechá; á esquerda, o Real., as dúas casas de Gurvela. Baixando un pouco máis: Calvos, Leiravella,O Porto, A Costrela, vilariños ciscados entre os pataos que baixan saltando de présa a bica-las augas quedas do encoro, cada un co cadanseu ciprés, competindo en se-lo primeiro en raña-lo ceo. Teñen sona estas pintorescas aldeíñas de presumiren, mirándose no espello do Sil, sen se decatar, de cotío, de seren retratadas elas polos turistas que asucan o río en catamarán. Xuntos conforman a Parroquia de San Martiño de Sacardebois. Noutra
banda do Sil, as viñas soleadas de Amandi.

Sacardebois é un nome curioso. De cando neno, oía dicir que neste lugar, quizais pola Barca de Baixo, sacaban ou pasaban os bois que viñan de Lugo cara Ourense e viceversa.


Sen embargo, parece ser que Sacardebois non ten nada que ver con "sacar bueyes", como asegura Joaquín Caridad Arias na súa tese, Toponimia Celta de Galicia. "Boisaca" é unha palabra composta: o segundo elemento "Saccarius, Sagar ou Sakar", é un nome de persoade orixe ibérico. O primeiro elemento "bois" debe proceder do celta "boudio", que equivale ó latín "victoriosus". "Sakarboudio" é, coma se dixéramos que un dos nosos devanceiros, un tal Sakar, saíra vitorioso, malia de non sabermos as circunstancias da súa vitoria.


Sacardebois, ademais de curioso, é un topónimo raro. Tanto é así que ata o mesmo Pai Sarmento, no século XVIII, se ocupou del nun libreto. Segundo o freire ilustrado, de Rovoyra Sacrata, coa deformación de uso, pasaría ser Sacra Revoyra, logo a Sacar boira. Rematando a evolución no actual Sacardebois. De maneira que a miña aldea, Sacardebois, vén se-la Ribeira Sacra de antano. Polo que pido, dende este estrado, que a capitalidade da Ribeira Sacra se traslade de Monforte a Sacardebois. Por dicirque non quede.


"Ribeira Sacra", aparece por primeira vez no documento fundacional do mosteiro de Montederramo en Allariz, no ano 1124, no cal, Dona Teresa de Portugal, filla de Afonso VI afirma: "Desde el mar océano hasta el río Bibei, que transcurre entre Trives y Valdeorras, dona a Arnaldo y sus compañeros, presentes y futuros, el lugar denominado "Rovoyra Sacrata", situado en Montederramo, territorio de Caldelas". Este termo Ribeira Sagrada fai alusión á ribeira dos ríos Sil e Miño e ós numerosos asentamentos monásticos nas súas ladeiras.


E, para remata-la pescuda, aí vai outra hipótese: en 1987, Manuel Vidán Torreira, facendo un estudio da evolución da palabra ribeira, "riboira/ reboira/reboiro", deduce que Reboira Sagrada, vén a significar carballo sagrado. Entroncando o orixe da Ribeira Sacra cos druídas celtas. De aí que se diga: "déixate levar pola maxia dos viños de mencía e mais de godello ó reino dos druídas". (Na parroquia de Sacardebois hai unha casa co nome de
A casa da culpa).

Eduardo Prieto Casares

xoves, 15 de outubro de 2009

Carta aberta ós parados

FARO DE VIGO PDF Imprimir E-Mail
escrito por Eduardo Prieto Casares
jueves, 15 de octubre de 2009
Como os camiños trillados fan máis doado o camiñar dos que veñen por detrás, esta misiva, quizais, lle poda servir de guía ou de consolo, se vostede é, por acaso, un dos parados desta crise. De ser así, atenda un chisco. Levante a cabeza. Recoméndolle a tranquilidade que é de seu, dada a súa situación.Pode vivir un sen dar golpe? Abofé que si, agora toca de traballaren ós ricos.
“Toda a miña vida andei de acó acolá, facendo moitos números bulindo no caletre, indo e vindo do Iném: cando mozo, tocoume a crise enerxética do ´73. Como non había traballo para min, por non ter carreira nin oficio, pasaba o tempo estarricado no sofá, en stand-by, ó abeiro da sopa boba dos meus pais.
Logo, xa con pelo en peito, chamoume a Armada, onde me quedei reenganchado algúns anos como axudante de cociña. Foi esta, a cociña, a que me retivo a bordo.
Nas primeiras calores dun verán, un amigo da mili, Gallardo, telefonou: “vénte para Benidorm.” E fun. Por entón, con tanto guiri, non faltaba traballo. “De socorrista non fas nada e ligas un montón”, díxome Gallardo, coñecedor do oficio. E así foi: socorrista e mais encargado das hamacas do “Hotel Rincón de Lois.”(Dígolle, polo baixiño, que, de cando en vez, tamén socorría a algunha sueca, engaiolada de min, por ser eu levadiño das falas, mais, por outra banda, lucía uns bíceps de macho ibérico, ben contornados que…).
Rematado o verán, viñan as miñas vacacións noutros lugares en festa da Costa Branca. Sabendo, como sabía eu, de se-la xente valenciana moi dada á pólvora, aprendín o oficio de mestre fogueteiro; noutras ocasións, tamén desempeñei o rol de rei mouro nas festas de Alcoy, asegurándome a troula, as cervexas na cantina, a paella e mais un leito limpo. Todo ó cargo do orzamento dos concellos.
Xa entrado o outono, cando os días aparecían tristeiros, coma de defuntos, terminaban as festas; entón, pasaba polo Iném a firma-lo paro. Despois, apuntábame os cursos, que me pagaban só por asistir, sabe vostede, e así ata o verán seguinte.
Bailando entre trinta a cincuenta anos, quíxenme casar cunha moza, mesmo xeitosiña ela, a Xenerosa, unha boa rapaza de esas que tanto amañan un roto coma un descosido, sabe vostede; despois de vinte anos de relación de si, pero non, pensei para os meus adentros, recordando o sabio consello do meu pai “boi solto ben se lambe,” no vaia se-lo demo de que a Xenerosa lle dea por gastarme os cartos en trapos e me coma a paguiña do Iném. Home precavido vale por dous, cavilei coma un filósofo.
Mais,o demo quixo rematarme con esta crise bancaria, retirándome da circulación, véndome na obriga dunha axuda; que mellor que vivir ó acubillo dun fillo, matinei, e para alá enriba me fun. Agora, pois, vou tirando a conta deste fillo, que quixo saber de min, despois de tantos anos, froito daqueles desafogos coas suecas no Rincón de Lois.
Agora, con máis 52 anos e menos de 65, sabe vostede, o Iném mándame 420 euros de paguiña. Dereito que me recoñece o Estado de Benestar polos diversos servizos prestados á Patria.
Aquí, en Suecia, emprego o tempo en recolle-los netos á saída da escola, pola tarde, claro. Pola mañá, non os achego, porque decotío xea ou neva; hai que coidar dun, que este demo de folerpas deben vir coa gripe A, sospeitei. Na miña vida, madruguei, fiel ó dito non por moito madrugar, amence máis cedo.
En resumo. Vostede, aguante, ten. Leu as miñas andainas, non? Xa que logo, aproveite o paro para descansar e folgar. Pousa, home, pousa! que das présas veñen os infartos. Para que tanto traballar, se non vas saír de pobre: que traballen os ricos! Non, si? Dende Estocolmo, Lucio Salgado.”

domingo, 11 de outubro de 2009

Nas aldeas, non roxe ninguén

La Región 11/11/09
‘Más de un centenar de aldeas de la provincia están vacías, exactamente 113, según los datos del INE. Si nada lo remedia, los datos del futuro no son más halagüeños: en la actualidad hay 71 pueblos o lugares con sólo un habitante y 473 que tienen menos de cinco vecinos’.
Certo. Aquí, en Barxacoba, non roxe ninguén. A vida está comida do demo. Como antano, no fiadeiro de Aguil: duas vellas e mais un candil. Os adiantos chegaron tarde: Deus dálle panos a quen non ten mocos. A xente moza emigrou e as aldeas van morrendo. Seica que xa vai quedando pouco para remata-la Residencia da Terceira Idade, no Concello de Parada do Sil: matinan en nos querer meter alí a todos, ós vellos, que xente moza xa non se dá por estes lares. Disque nos van dar tres comidas ó dia; de ters pratos, dúas; viño e cama quente. Pois, ¡a vivir!, que ben o merecemos, herdeiros da época do centeo e dos liscos de lardo de touciño; adoutrinados dende púlpitos con infernos e no Movemento coa cadea; dobregados coa aixada, cos cestos culeiros ou por nos mediren as costas os últimos eslavóns dos que mandaban dende arriba: tempos que nos deixaron tesos e sen fala.
O señor alcalde botou unha ollada ó padrón, poñéndo cara e figura a cada nome da listaxe, mais ben curta, descolgándose da mesma a maquía, a cal, ano tras ano, polo inverno, vén cobra-la parca, cortando o fío da vida, a quen lle cadre, ladroa e caprichosa ela: xa che quedamos ben pouquiños, e despois da pasa-la gripe A, nos veremos reducidos, como reservas, a simples testemuñas doutra época, que foi daquela e que xa non é, porén, o señor alcalde non nos quere ver ciscados polas aldeas e casares: un aquí, outro acolá, como os bispos. Busca reducirnos.

O señor gobernador, ou como demo se chame agora, matina en pecha-las aldeas e en atranca-la estrada cuns cancelos. Quérennos varrer dos lugares, que nos tiren ó Sil e que nos coman as troitas. Están falando de substituírnos por porcos bravos, raposos, lobos e cabras. Mais, no parque natural, aínda quedarán as pedras, que falan soas.